17 ago 2009

POSTENÉSIMONEOTROBADORISMO 2.0


* Escrito por Fermín "O Namorado", o zorro poeta máis garrulo do barrio da Mina, en Sober. 
Desesperábase o Fermín porque nos Concursos Poéticos Ribeiraos celebrados na primavera sempre quedaba en segundo lugar, vencido polas novas correntes poéticas das que el quedou desfasado nos anos-vinte-do-século-vinte, ou por aí.

Na fonte da Mina
o cervo bebía;
prendouse da imaxe
que a auga volvía.
Heite de levar, amiga,
á fonte belida!

Na fonte belida
as aves cantaban.
Cantádelle amores
para namorala!
Heite de levar, amada,
á fonte encantada!

Cantádelle amores
á dona fermosa!
Levádelle lirios,
levádelle rosas!
Heite de levar, señora,
á fonte na aurora!

Prendédelle as flores
no pelo dourado!
Na fonte belida
fico namorado.
Heite de levar á fonte,
“dona de corpo delgado”!

MADELEINE


Madeleine era feliz: que lle importaban a ela as faladurías?

Atopar un paternaire de soño despois de tantos anos non era para se poñer a cuestionar menudencias. Que ela era froito maduro e el un taludo fatón?, que entre ambos existía un abismo de diferenzas inasimilábel? Bah... I-na-si-mi-lá-bel: que hostias significa iso no diccionario do Amor?

Primeiro foron os sí cariño, que ojos tan hermosos tienes, cuánto me haces gozar, vida... E as veciñas a burburiñar que si a idade, que si os cartos... En fin, envexas solapadas ante a promesa dun carallo grande e nervudo baixo os pantalóns.

Logo, viñeron os reproches, voltos susurro amantiño para Madeleine: "Tes a cea fría e a cona seca, e si quero augardente non me des a purrela". E as veciñas a murmurexar que si che é home fodido, que si aínda non hai queixa, que cando a unha lle can as tetas...

E veu un tempo de medo ás veces, de bicos escasos e dor abondosa que Madeleine separaba en frasquiños estrictamente ordenados para reciclar convenientemente en esperanza indestructíbel. "Que unha non ha de morrer soa!" - pensaba-.

E as veciñas non dicían nada.

Pero, Madeleine era feliz, incomprensibelmente era feliz, dramaticamente era feliz tramando a súa tea de proteína fibrosa, máis resistente có aceiro, agardando, sen trampas nin veleno, a chegada do seu querido moscón.

* Para todas as Madeleines do mundo e para que espertemos todas as veciñas que non dicimos nada.

17 ago 2008

RESISTENCIA


- Pois, dígoche que non, Pacita, que nin Euribor nin gaitas: se non atopo piso barato é-che por causa da especulación.

- Será, será... A min non sei que me baduou o do banco sobre os tipos de interese, que resulta que a casa xa non me ha valer tanto se a vendese. E levo pagando quince anos!

- E grazas! Que eu, nen hipoteca nen Deus Bendito. Queres vivir baixo teito? Pois a sangrarche o soldo, E, se acaso non pagas, nin piso, nin saúde, e a seguir apoquinando. Mira, prrrrrrtttppm________trrrrrrr____pisssssssssrrrrrrrrrrrrrrttttt.

- Ai, Tomás! Arrima a unha beira, que perdes a cobertura.

- Dicíache que o outro día me ensinaron un ático. Ben amobrado, vistas de alucine, algo pequeno pero... bah! Para min chega e sobra. Todo polo módico prezo de, agárrate, cincuenta millóns. "Es lo mejorcito que tenemos, alejado de la onda contaminadora". Manda carallo! Cajo no Deus que os pariu!

- Relaxa, Tomás.

- Pero é que son culpábeis os que mercan pisos non contaminados e os teñen baleiros para facerchos desexar, e que pagues máis, que todo está calculado.

- Boa verdade. Ademais, pouco han durar limpos, que agora está todo invadido. Iso agárrase á terra e acaba por inundalo todo.

- Sexa como sexa, eu non dou atopado casa, nin boa, nin mala, nin un mísero recanto onde caer morto. Aquí, en confianza, Pacita, de vermiño da cereixa a vermiña da cereixa: isto do PESTILISMO é-che unha boa foda.

* Traducido para o galego do orixinal en lingua artoglota de Vermudo Galindo.