20 sept 2011

Recolleita improvisada de variantes dialectais e outros saberes (en Bolmente).

A ribeira de Bolmente retratada polo Alfonso de Francos.

Bolmente é unha parroquia xenuinamente ribeirá de Sober que linda con Barantes, Figueiroá e San Martiño de Anllo e, polo sul, co río Sil, nunha das zonas máis escarpadas do canón, onde as formas graníticas semellan cortadas a machado. 

Desas ribeiras, sulcadas de camiños, os "bonimentinos" - xa que se soe dicir que o nome de Bolmente prodecede do antropónimo latino Bonimentius - expurgaron os recursos ao máximo: leña, mel, pesca, viño ou pedras para as moas dos muíños, ao tempo que nas zonas máis chas da parroquia pacían as vacas e medraba o pan. 

Debe ser boa terra Bolmente, pois ben que duran as súas xentes, coma o meu bisavó, o Ci do Outeiro, que era ben pequeno pero tiña a forza de tres homes, o que fai pensar que por iso lle chamasen o Ci (de Cid), pero non: o Ci chamábanllo por mor dun defecto da fala que o facía cecear.  

O Verao do Outeiro.
Pero eu ao Ci non tiven o gusto de coñecelo, malia que case vive cen anos, e non puiden recoller del palabras do galego destas ribeiras, máis que as que me poidera legar o seu fillo, o Pepe do Outeiro, o Verao orixinal: tes porros (=larafuzas), non delubes os ollos, vou ir ao monte por un si-señor-non-señor (= un pau)... Neste caso, as palabras bonimentinas ofrecéunolas, sen querelo, a María do Taro, que naceu "no ano 20", como di toda orgullosa, e case nunca foi "aos médicos". Sentada coas ovellas unha tarde de fins de agosto contounos que moitas veces tiña ido ela apañar leña cara a Pena do Don Pedro, onde ían moitas veces o Demetrio e o Manolo aos polos da aghie (=aguia). Alá ía ela axudarlle ao Sindo do Taro, que mentras el apañaba e xuntaba ela o que facía era feixar (=xuntar a leña en mañizos). Logo, os dous traballaban na inchaia (=encher o carro, cos mañizos de leña, neste caso).

Díxonos tamén a María que cara a Pena de Don Pedro estaba a Fonte do Ledo e que para acceder á Casiña dos Ladrós se ía por un camiño dende o Colado das Pesqueiras, pero que hoxe estará todo tapado.

A Pena do Don Pedro.
A María do Taro non fala con gheada, só pronuncia algunhas palabras con ela, e din que esta variante dialectal ten presenza aquí en Sober, nas parroquias de Anllo e Bolmente, por mor da influencia dos numerosos homes destas terras que ían á estila (=destilar o bagazo para facer augardente) cara Pontevedra ou á Costa da Morte. E pola influencia das mulleres que casaron con moitos deles e viñeron vivir aquí, engadiría eu.

A María do Taro só nos ofreceu dúas peras da pereira que hai no lameiro onde saca as ovellas a pacer porque seica aínda lles faltaba unha semana para estar no chete (=no punto), así que fomos para a casa coa promesa - incumprida aínda - de volver un día destes.

16 ago 2011

AMOR FEROMÓNICO


O Cocho Porquiño Lirón, da familia dos Liróns do Queiroedo - disque o alcume lle vén dun tataravó seu, porco colludo, que sempre quedaba durmido no medio dos actos carnais -, insigne veciño do lugar da Mina, en Sober, encargoume usar as miñas mans humanas para deixar escrito no espazo virtual este seu lamento de amor pola porca Mariquiña, que non lle fai caso ningún dende que o pusilánime marrau abandoou a comunidade libertaria da súa noiva e se prestou a que uns señores moi ben traxeados lle metesen un pequeno papel impreso nun sobre branco e o levasen a metelo nunha furniña de plástico transparente.
Así as cousas, ao Cocho Porquiño só lle queda o recurso á poesía, aínda que, sendo sinceiros, as súas coitas son reelaboradas por Fermín O Namorado - cantos destragos causa o amor! -, o raposo poeta post-enésimo-neo-trobadorista de máis sona do Outeiro de Proendos, do que quizais voltemos, nalgunha ocasión, a transcribir os seus versos.

Aí vai, pois, o soneto titulado AMOR FEROMÓNICO.
* Sede benévolos co pobre porco namorado, que é un pouco clásicón, e tede en conta que os gustos porcinos son un chisco diferentes dos humanos.

A estrume me arrecendes, miña amiga;
a estrume con orballo á fin do inverno.
Estrume, palla verde, margarida...
A gloria me arrecende o teu alento!

A estrume me arrecendes, oh, belida!;
a mexado colchón secando ao vento,
a pozo do purín no mediodía,
a cheirume de silo lamacento.

Orellas con olor de auga chocosa,
legañas verde moco que che escorren,
poutas que de fozar están pringosas.

Dende este meu cortello gris e podre
esquecerme non podo da borrosa
pátina color merda que te cobre.

11 jun 2011

Palabras no Pleno de Constitución da Corporación de Sober.

En primeiro lugar, os concelleiros e concelleiras xuraron ou prometeron os seus cargos, pasando, logo á elección de alcalde, que se fixo sen que previamente os candidatos tomasen a palabra.
O candidato do PP, Luis Fernández Guitián, recibiu os apoios do seu grupo político, con sete escanos: Luis Fernández Guitián, Domingo López Fernández, José Elías González Prieto, Sonia Fernández Martínez, Carmen Pérez Pérez, Abel López Fernández e Mirian Teresa Pérez Vázquez.
O candidato do PSOE, Iñaki Rodríguez Pérez, recibiu os dous votos do seu grupo, composto por el mesmo e por Eloy Pérez Otero.
O candidato do BNG, Alfonso Campos Pérez, só recibiu un dos dous votos do seu grupo, o de Paula Vázquez Verao, pois el mesmo abstívose.
Como resultado da votación, Luis Fernández Guitián resultou elixido alcalde do Concello de Sober.
A continuación, o alcalde electo leu un discurso no que lembrou aos seus predecesores no cargo, falou das liñas mestras do seu programa - viño, turismo, música - e pediu colaboración á oposición, rematando coa lectura do poema Bando, de Manuel María.
Logo, sen terse pechado a sesión, a prensa xa se dispoñía a entrevistar ao novo alcalde cando, a petición da oposición, este lles deu a palabra aos outros grupos políticos, falando tanto o BNG coma o PSOE. Ao remate, Alfonso Campos Pérez agasallou á nova corporación co libro de poemas Petroglifia, de Xosé Lois García, adicado a Sober.
O grupo nacionalista de Sober, por boca da portavoz, Paula Vázquez Verao, expresou o que resumimos a seguir.

Estamos aquí polo Pleno, non pola hora que é, pero é evidente que o despregue mediático se produce porque esta sesión é convocada pasado só un minuto do prazo legal para a constitución das corporacións. Poida que non sexa “de todo malo”, como dixera o candidato do PP á alcaldía que Sober exa coñecido por isto, pero o que si pode ser “malo” é que este pleno nos vaia dar a medida da lexislatura: é dicir, que importe máis o fulgor mediático que o debate e a práctica política. Nós, o nacionalismo galego, queremos que Sober sexa recoñecido pola súa beleza paisaxística, pola súa riqueza patrimonial e por unha boa xestión política, non por "plenos ás doce da noite". Ademais, o pleno xa é traballar, non vale dicir que se convoca o Pleno á noite porque se quere traballar ao día seguinte dende primeira hora: o Pleno é fundamental no traballo municipal.

Por outra parte, se queremos facer esta sesión realmente significativa, con impacto mediático e simbólico, recoñezamos todos e todas hoxe, solemnemente, como o facemos o grupo do BNG, á corporación municipal que se sentou aquí hai 75 anos, a corporación elixida en febreiro de 1936, composta por xentes humildes de Sober - labregos, xornaleiros, - que foron  asasinados, encarcelados ou expedientados por facer o que hoxe facemos nós. Recoñezámolos, porque este Concello non será moralmente lexítimo ata que faga un recoñecemento explícito da situación vivida en Galiza, e en Sober, do 36 en diante, que non foi unha guerra civil, senón un xenocidio, unha masacre en frío na que morreron milleiros de persoas sen haber fronte de guerra. E isto non é pasado, é presente, porque unha sociedade decide o que quere ser: se quere recoñecer o que sucedeu ou se quere seguir perpetuando o esquecemento e, con elo, perpetuando a ignominia. E, dende logo, eu e os meus compañeiros de lista non podíamos ocupar esta cadeira sen lembrar a aqueles que sentaron aquí en 1936 e que sufriron por defender os dereitos da poboación máis castigada. Por iso, un recordo especial aos concelleiros de Sober asasinados: Daniel Álvarez Carnero, de 33 anos, e Edmundo Pérez Díaz, de 34 anos, executados en Lugo por terse desprazado alí para defender a legalidade republicana, e José Benito Mantilla González, labrego, de 63 anos, asasinado unha noite despois de tortura.
Que sirvan os seus nomes para lembrar a todas as persoas que morreron ou foron represaliadas por causas políticas en Sober (con 356 persoas encarceladas entre 1936 e 1940 temos unha das porcentaxes de detencións máis altas de Galicia). 

O Luis – chamámolo así en plan informal porque, coma o resto dos concelleiros e concelleiras deste pleno, é amigo e veciño – pode ser un gran xestor, sen dúbida. Pero, xestionar non o é todo: hai que ter unha idea clara de sociedade. Nós queremos unha sociedade xusta, sen explotación de ningún tipo, onde cada quen poida desenvolver as súas capacidades persoais… Por iso, o Bloque Nacionalista Galego, apoiará todas as iniciativas que vaian nesa liña – e, como sempre fixemos, seguiremos a aportar as nosas propias propostas. Malia este apoio nas cuestións que beneficien a Sober e que axuden a construír un Sober con futuro, non podemos apoioar a investidura do candidato do PP porque non imos votar a partidos que defenderon sempre aos poderosos e machacaron aos débiles (apoio a rescatar os bancos causantes da crise con cartos públicos, elevación dos impostos indirectos ou a entrada na Unión Europea: que sería hoxe de Sober se nos deixaran producir o leite que podiamos producir, por exemplo?). Tampouco podemos apoiar, nin o mínimo, a un Partido Popular – irónico nome – que está dende a Xunta a destruír Galiza alí onde pode e como pode: recurtando e privatizando servizos públicos, coma a Sanidade, permitindo concesións empresariais en paraxes naturais únicos, aprobando un imposto sobre o consumo de auga, cobrar polo feito de consumir auga, non por derrochala, senón polo feito de beber, un goberno corrupto e falaz-mentiroso (onde quedou a promesa de rematar co paro en 45 días cando Galiza rexistrou a maior subida do paro do Estado?) e o único goberno do mundo que lexisla en contra da lingua propia do seu país - por certo, que Manuel María, a quen citou o alcalde, era gran defensor da lingua -. Así que, sinceramente, non queremos que o alcalde siga o exemplo da Xunta, como acaba de manifestar que vai facer.

Descupade que falemos aquí, en Sober, de Galiza, pero é que Sober está na Galiza, como está no mundo, e non podemos ignorar tampouco os problemas globais: a desigualdade, o expolio aos países do Sul, o deterioro medioambiental… A xente de Sober imos ter que resituármonos nese contexto de crise – as cousas vanse poñer aínda máis duras –, e temos a capacidade de facelo: desenvolvendo o noso sector agrario, por exemplo, para que poidamos vivir en Sober.

Deste xeito, queremos que esta sexa a lexislatura do aproveitamento das nosas potencialidades, a lexistalura do respecto polo medio ambiente, a lexislatura duns servizos sociais orientados á integración de todas as persoas na vida social, á convivencia. Un servizos sociais que tomen en serio as situacións de exclusión social e maltrato e que non consideren ás persoas maiores coma meros obxectos: as persoas somos moito máis que un voto.

E, por suposto, queremos que esta sexa a lexislatura da democracia, a real, a participativa, a das asembleas parroquiais, onde se informe á xente do que se pode facer en cada parroquia e cómo facelo, a das comisións de temas específicos, a da xente que poida elixir en que se gastan determinadas partidas orzamentarias.
Iso sí, nós queremos facer dos concellos institucións que permitan aínda máis esa participación e cunha lei que se adapte á realidade galega. Inda hoxe, desgraciadamente, está vixente en parte un texto de Castelao do Sempre en Galiza, de hai máis de 70 anos:

“O municipio rural de Galicia é o tobo da raposería caciquil. Ao botarmos unha ollada sobor do territorio galego é doado advertir que a poboación está distribuída en “natural desorde”, en evidente contraste cos módulos de agrupamento social en Castela e demais rexións hespañolas… Fóra das vilas e cibdades… o municipio en Galiza é un órgano arbitrario, delimitado artificialmente e cunha función simulada. O esprito nivelador do Estado centralista impúxonos un réxime local estraño ás características demográficas do noso país… O Concello rural de Galiza non se asenta en entidades naturais ou históricamente diferenciadas, e nesas condicións carede de alento vital e de control efectivo para que a súa xestión ofreza garantías de acerto”.

E, por último, lembremos sempre que a democracia non só está aquí nestas catro paredes: está nas xentes que, xeración a xeración, fixeron de Sober o que é. Foi grazas ao traballo e vida da xente común todo o que temos (o viño, a paixase da ribeira, as igrexas románicas ou o campo de fútbol): ha de ser a xente común, participando nun proxecto común en igualdade, a que transforme Sober. Sen non se conta coa xente, o que se poida facer dende este Concello, aínda que sexa espectacular e saia na televisión, non vale para nada.