Definitely, Galiza is not Spain.
In Spain, people eat cucumbers.
In Galiza, we use cucumbers to feed the pigs.
Galiza Baby, copular power!
PS - Very sorry cos agricultores andaluces. This is a joke.
6 dic 2012
26 nov 2012
Polo dereito a saber a que sabe unha cunca de leite da Morita.
![]() |
| As famosas cántaras onde se gardaba o leite, agora reutilizadas coas pinturas que ensinan a facer nos cursos de manualidades que organiza ASAJA, financiados con fondos europeos. |
Hai uns 25 anos, en mañás de inverno algo máis fríos ca este, cando non era día de clase, o meu avó levábame con el no seu mítico Land Rover de carga a recoller o leite polas parroquias de Sober. Chegaba a un lugar (“vai fríu, non!”), sacaba unha cántara, botaban o leite recén muxido, medíao cunha variña azul, anotaba nuhas tarxetas alongadas os litros e o prezo, pagáballe á xente e, así aos pouquiños, xuntábanse bastantes recipientes de leite nas numerosas pequenas explotacións de Sober que daquelas funcionaban.
Na Galiza actual, o do sector lácteo non é un problema de
produción: prodúcese máis que hai vinte anos, as explotacións leiteiras galegas
mercaron cuota e modernizáronse, mesmo contra a política da UE que procuraba
reducir o potencial do sector. O problema é de organización do mercado: tendo
un mercado de proximidade deficitario o leite galego debería ser máis valorado.
En cambio, o leite producido na Galiza é mercado polas empresas a prezo máis
baixo que o de outros lugares, facendo ruinosa a súa produción. Así, o problema
é político: a falta de soberanía política e financeira de Galiza (máis despois
do expolio do aforro galego e dos únicos instrumentos financeiros do noso País
que eran as caixas de aforro), que non permite desenvolver un sector
transformador dos produtos leiteiros no propio País, apostando pola innovación
(lembremos que o goberno do PP reduciu o orzamento de I+D+i na pasada lexislatura).
Durante vinte anos des-gobernou o PP de Fraga, tendo a disposición as caixas
como instrumentos ao servizo da política da Xunta e fondos europeos que puido
ter usado para crear un sector leiteiro puxante e non o fixo, e agora tod*s
choramos cando a situación do sector leiteiro é desesperada, con prezos que non
cubren a produción mentras o cartón de leite se atopa a menos de 50 céntimos
nalgunhas grandes superficies.
Que morra o sector lácteo non é só perder milleiros de
postos de traballo, senón tamén – en Sober ben o sabemos – perder a verdadeiros
axentes de xestión do territorio, as gandeiras e gandeiros, poñendo aínda máis
en risco medioambiental o noso rural, e deixar esmorecer a vida do mundo galego
rural, deixando ás sociedades indefensas, sen continxentes de xente moza que
loite por servizos cada vez máis escasos (reducen as prazas médicas, eliminan
aulas en infantil e primaria…), re-convertindo pola forza a rica cultura rural
en xantares mastodónticos en polideportivos o día da festa dos avós, condenándonos
a unha agonía visíbel que nos enche de dor o corazón.
Podemos producir e facelo cun modelo que reduza os custes
ambientais e mellore a calidade do leite. Podemos acadar a soberanía alimentaria
do noso pobo e contrubuír así dende Galiza a un dos retos da Humanidade, cando
cada vez menos compañías transnacionais controlan a produción alimentaria,
mentras se perpetúa a fame. Hai, a nivel mundial, unha vontade de exterminio do
campesiñado, sector social que pode protagonizar unha rebelión contra o este
inxusto sistema global: se o campesiñado e os pobos non controlamos o noso
sector alimentario básico, dominarannos totalmente, a nosa vida dependerá do
lucro duns poucos. E iso é internacionalismo, non o mercado
"desregulado". Así, o estado do sector lácteo galego e a valente
resistencia que están a desenvolver gandeiras e gandeiros hai que enmarcala
nesa loita mundial pola soberanía alimentar, que é unha loita pola liberdade e
a dignidade humana.
E, de todo aquilo da recollida de leite, que queda agora en
Sober? As famosas cántaras onde se gardaba o leite, agora reutilizadas coas
pinturas que ensinan a facer nos cursos de manualidades que organiza ASAJA financiados
con fondos europeos, que manda moito carallo. Metáfora perfecta e perversa da
evolución do País neste último cuarto de século.
En Sober afogaron o sector leiteiro, non permitades que pase
o mesmo noutras comarcas leiteiras galegas. Porque os nenos e nenas galegas do
rural teñen dereito a saber a qué sabe unha boa cunca de leite da Pinta ou da
Morita, teñen dereito a saber o que vale unha vaca.
25 nov 2012
Xogo de nen@s...
Pepe chamábase o pai,
Pepa, a muller.
Eles tiñan un filliño
que se chamaba Pepiño.
- Silencio, hostia! Non se pode escoitar o fúbol nesta puta casa, ou que?
- Shhh, ide xogar á habitación.
TRUC-TRUC-TRUC
- Merda! Non podes facer iso despois?
- É o lavavaixelas, cariño.
- Nin lavapratos nin deus que te pariu, estou a mirar a tele.
PIP-TIC. OFF.
- Si.
“Fueeeeeeera de juego…”
Melchor chamábase o pai,
Melchora, a muller..
Melchora, a muller..
Eles tiñan un filliño
que se chamaba Melchoriño.
¡PLAS!
- Buaaaaah...
- ¿Que dixen, carallo? SILENCIO. Préndelle o consola e que deixen de foder, xa. ¿Non sabes atendelos?
- Buaaaaaaa...
FICH- FUIC- FUICH –FICH. Tiririririri riri.
- E pecha a porta.
“ GOOOOOOL de Iago...”
- Trae unha cervexa. Fría.
CHAC. FFFFFFFF. GLO,GLO,GLO…
- Esta fervendo, rediola.
- Non deu tempo a quecer, metina hai pouco no...
- NON ME REPLIQUES, CONA QUE TE BOTOU!
PLAS – PLAS – PLAS
( )
“Minuto diez de la segunda parte. ¡Que partido, señores, que partido! El Celta se juega el ascenso en el día de hoy y…
Cabrón chamábase o pai…
11 nov 2012
Rap do Sil
Da aldea, non lonxana, non
fumegan
as tellas desas “mixtas” que
poñían
cos cartos da augardente - quen
os dera! -
nas casas neo-indianas dos
setenta
a boa xente de Anllo San Martiño
no tempo de soñar e das quimeras.
E un sapo mormeiro que moraba
na poza da fervenza mutilada
non dixo nin cro-cro e pasou do
tema:
- Quen anda por aquí
a perder o tempo,
a disturbiar con
ruído a madrugada
alén dos mil estoupos
da ribeira?
E foi así que, enriba dunha cepa,
se fixo medio ouvir unha
prosmeira
voz, levísimo lamento:
- Quizais eu non
debera revirarme
a cara descuberta
contra o medo
que queren impoñeren
os de sempre
valéndose do riso dos
lacaios,
roubándonos o pan,
mentindo á xente.
Quizais non debería
sentir noxo
de ter no consistorio
empoleirada
a parentela toda dos
fascistas
que andaban polas
noites de ruada
facendo da ribeira un
acubillo
dos homes e mulleres
descastadas – din – ,
aquelas que raparon
en Proendos
- ou foi un soño e
nunca pasou nada? -;
que a N-A-D-A é o
máis certo que nos queda…
Quizais sexa verdade
que as mulleres
só levamos as hostias
por querelas,
que é que “somos
todas unhas putas”,
que non sabemos ser
unhas señoras
que escoiten e non
digan o que miran:
que todo rula ben
nesta verbena!
Quizais non sopra o
vento polo inverno
ripando as uralitas
das chabolas;
quizais non coce a
fame a lume lento
a raiba acubillada
aló no peito
de quen por ter non
ten nin o seu nome,
perdido nas andainas
do deserto.
En fin, debera ser
máis compracente,
embebedar en viño as
miñas lerias,
deixar facer o mundo
á súa maneira…
Unámonos na festa
decadente!
Fodamos mentras cae Radio Alemaña!
Que nos importen ren
as “preferentes”!
O Sil dorme no sono das barraxes,
domado e enlamado e cheo de lixo:
nin hai onde meter tanta chatarra
nin hai tanta chatarra que servise,
xuntándoa así con gran creatividade,
para chimpar o encoro que nos xungue
ao pobo da incerteza e a levidade.
E aquel sapo mormeiro da fervenza
abriu moi ben o papo e foi
tragada
a mosca que no Sil así cantaba.
10 nov 2012
Noticias verídicas do tempo Cuaternario (II).
II. Canto III
- Vai chover, ouh?
- Vai chover, ouh?
-
Nah... Engana moito.
-
Mire, eu andáballe buscando a Ítaca. Sabe cara onde queda?
-
Siga dereito hasta o cruce. Logo, á esquerda, e enseguida enghancha ca general. E dalí elle cousa dunha
carreiriña dun can.
- De acordo, grazas. E saúde.
- Toma un viño?
-
Non, non, levo presa.
Do
Verdadeiro libro da vida de Terence Fox, Canto III.
6 jun 2012
Noticias verídicas do tempo Cuaternario (I).
Durante
milleiros de anos, e ducias de milleiros de anos, tal vez, os escarabellos da
pataca reuniron nas caracochas* fragmentos de todas aquelas obras
literarias sobranceiras que uns extraños e coitados animais de andar ergueito escribiran ao longo da súa curta (e destrutiva, cómpre dicilo) existencia sobre a face da
Terra.
Pero,
os escarabellos, convertidos en depositarios da Palabra - da palabra escrita,
enténdase - non podían carrexar, tan pequenos eles, máis de sílaba e media por
cabeza, así que, no proceso de montado de tan inxente legado, os coleópteros
moveron frases de lugar, permutaron letras, omitiron verbas e confundiron
autores e mesmo idiomas. O resultado de tal remexido quedou como reliquia dun
pasado remoto no milenario lugar do Souto do Tellada, onde acudimos os
seres amantes do estudo e con moitas horas de vagar para autoconvencérmonos de que temos unha misión na vida e tal.
Ofrecemos a seguir, por partes, unha selección desta escarabellada ordenada
cronoloxicamente, mal que ben, pois os datos son escuros e escasos.
* Castiñeiros ocos.
I. Re-relato das orixes.
- A ver se te enteras, parviño: non podes dominar "a Natureza", estás espido, famento e terríbelmente só. Anda, toma un bocado de mazá e deixa de choromicar.
E así, Eva compartiu a sabedoría e a anguria vital.
4 jun 2012
Historia adversus temulentos.
Leda parola traía o Navos
aquela mañá. Despachaba, abundante el, co dominus do lugar durante o seu
cotián descanso das once mentras o viño corría gorxa abaixo máis veloz cós
carros pola Costa.
- Ao cabo, Ovicus, rendícheste á evidencia: o voso sangue ha facer mixtura coa
nosa estirpe antiga de pretenderdes chegar a Ser...
-
Lémbroche que se o meu Secundo casa coa túa filla menor é un resabio de
simple política provinciana, posta en práctica dende os meus xuizosos
antepasados. Cuestión de aforrar: para que, dime, seguir a dilapidar cartos das arcas
do Estado en belicosas conquistas e sometementos inxuriosos que sementen o
odio podendo chegar a un amaño contigo, caro Navos, e cos demáis poderosos
deste voso territorio? E, por riba, gozando dos salvaxes encantos das mozas lemavi. Ah, Turobia, que cabelos! Tamara, Amaia ...!
-
Bah, excusas... Sangue bo é o que reclamades. Lémbroche que as miñas fillas
teñen total liberdade para foder en quen lle pete. E en cuestión de matrimonium, como vos lle chamastes, elas ben saben que é o máis proveitoso. Se acordou falarlle a algún escuchumizado da túa proxenie, que
sexa para ben! E ti vai mirando que o Secundo procure boas reses, que á miña
fermosa Viea non lle han faltar tres ferrados de terra de labor.
O
balbordo ía en aumento a medida que se achegaba a parroquia a probar o viño
novo, creándose un zunido constante que obrigaba a alzar as voces máis do
recomendábel.
- Vaites, a quen temos o gusto de recibir! - berrou Ovicus - Ave, Fredesindo,
loábel cabaleiro victorioso.
-
Mecagho en Lug e en todos os vosos deuses. Menos retranca! Só veño aquí
quentar a barrigha e non lle molesto a ninghuén.
-
E, que tal vai a “construción” diso que teu pai pretende chamar pobo. Oíche, Ovicus! Seica lle han poñer Villa Egikaz. Nin a falar lles ensinaron aos coitados!
-
Non me fodas, Navos. Seghuirlle o xogo a esta xentuza morocha! Non son eu da
túa mesma caste? Non boto os nabos, coma ti, polos lameiros? Mal fixestes en
amigharvos con morralla de tal calaña á que só lle interesou o ouro e os
enghados das vosas fillas. Faime caso, Navos, a alianza entre os nosos pobos ha
facer cheghar un futuro ghlorioso. Fíxate na túa xente, como prefire larghar
connosco, fuxindo dos tributos que estes empreghan en darlle ghusto ao corpo.
-
Bha, faladurías de bébedo. Non lle tomes a palabra, Ovicus. E ti, dá
grazas que non lle conto ao teu pai como vituperias aos seus anfitrións!
-
Non hai caso, Navos. Os vosos descendentes han bicar o chan pavimentado de
todas as que antes eran carreiras, rendidos ante a superioridade da Roma
aeterna.
- Aí os tés, que arroghancia! Pero caerán os imperios enfanghados no seu propio
bulleiro: pregúntalle onde está Roma agora... - dixo Fredesindo batendo as ás mentras saía voando - .
Era unha mañá de maio e os mosquitos pululaban nas cubas de carballo daquela
taberna da villa Prudentia, encontro habitual de notábeis indíxenas, romanos e de outras
mixturas, coma os novos inquilinos suevos que falaban o latín cun deixe
extraño.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)






