12 oct 2016

Quen era Cristóbal Colón e, sobre todo, que representaba?

No paradigma historiográfico influenciado, dunha ou doutra maneira, pola ideoloxía españolista da añoranza da "España Imperial", Cristóbal Colón é un iluminado e incomprendido sabio e hábil mariñeiro que, grazas ao seu empeño, logra "descubrir", sen el sabelo, un continente novo para maior gloria de Castela.
 
Imaxe icónica de Colón, por Dióscoro de la Puebla (ver).
Cóntanos Matthew Restall, no rigoroso e documentado libro Os sete mitos da conquista española [RESTALL, M. (2010): Los siete mitos de la conquista española. Ed. Paidós.], que un dos mitos que a historiografía dominante usa para explicar a conquista de América é "o dos homes excepcionais".

 
Segundo esta idea, o dominio rápido (outro mito, este, o da rapidez da "conquista") de todo o continente americano foi posible pola especial intelixencia e dotes militares duns cantos homes aventureiros e experimentados guerreiros que, grazas ás habilidades dos seus capitáns - Cortés e Pizarro - derrotaron a grandes imperios e someteron a todos os pobos indíxenas da América. Este mito parte da asunción acrítica dos relatos que sobre sí mesmos escribiron os propios conquistadores - coa intención de gañar favores na corte - e obvia a importancia que na conquista tiveron os milleiros de soldados negros e indios que loitaron como mercenarios xunto a eles, así coma a importancia dos pactos con pobos indíxenas enemistados con outros pobos americanos.
Pero, o mito dos homes excepcionais non exerce só para os militares, senón tamén para os mariñeiros, coma Colón, pois tanto de militares e mariñeiros é o protagonismo do relato oficial da conquista de América ("a la espada y al compás, más y más y más y más"). 


Segundo a versión tradicional noventaoitesca da Historia española de (en) América, Colón foi un sabio adiantado ao seu tempo porque coñecía que a Terra era redonda mentras os demais crían que o mundo era plano e que o barco se precipitaría nas tebras, mito fomentado tamén pola historiografía norteamericana (1). Así, Colón representa a ciencia moderna incipiente, o espíritu renacentista e humanista, fronte ao "escurantismo medieval" e a ortodoxia.
Pero, o certo é que a idea da esfericidade da Terra era aceptada pola comunidade científica amplamente; o que sucedía, e por iso consideraban os sabios da época que a viaxe que Colón propoñía era unha tolería, é que o mariñeiro fixera mal os cálculos e pensaba que a distancia ás Indias era sensiblemente menor. De feito, a conferencia de Salamanca só tratou sobre o tamaño do océano, non sobre a esfericidade da Terra, que non se cuestionaba (2). De América non existir a uns 6000 km das Canarias, Colón e a súa tripulación seguramente perecería perdida no inmensidade do mar.


Colón, á vista das fontes, e aínda deixando de lado unha visión hipercrítica, era un representante perfecto dese nacente sistema mundo: estaba interesado no ouro e nos escravos e ao servizo dunha nacente burocracia estatal.

"No tienen hierro. Sus lanzas son de caña. Serían unos criados magníficos"... "En la primera isla que encontré, atrapé a unos nativos para que aprendieran y me dieran información sobre lo que había en esos lugares" (3). Dos Diarios de Colón.


Así, malia que se nos soe presentar a Colón coma un curioso, un aventureiro, case coma un home predestinado pola divinidade - por iso quixo o azar que América existise! - o certo é que Colón era simplemente un home, digno representante dos procesos históricos que se estaban a iniciar no seu tempo, un mariño xenovés ou, mesmo, galego, vai ti saber (4). O importante é o contexto e as causas e consecuencias da chegada dos estados "ibéricos" a América; que Colón fora ou non un canalla comenenzudo non é de grande interese histórico.

1 - Por certo, foi nas independizadas "colonias" de Norteamérica onde se celebrou por vez primeira o 12 de outubro como "Columbus Day" en 1792.

2 -  [RESTALL, M. (2010): Los siete mitos de la conquista española. Ed. Paidós.]

3 -  [ZINN, HOWARD, (1999): La otra historia de los Estados Unidos. Ed. Las Otras Voces]

4 - Colón de Poio? 

6 abr 2016

A quen se lle ocorre, Ada, chegar a Alcaldesa!

Leiteira, de Ruth Matilda Anderson.
Pois claro que Ada Colau tiña que estar vendendo peixe ou calquera outra ocupación desta calaña, propia das clases baixas. A quen se lle ocorre! Chegar a alcaldesa de Barcelona unha muller que non herdou posición social nin fortuna; que non ten a pertinente colección de rimbombantes títulos académicos, másters carísimos ou matrículas de honra en prestixiosas escolas internacionais que pendurar do salón familiar; que carece das medidas corpoestéticas adecuadas ao canon patriarcal publicitario. Se nin sequera goza de relación marital con alto empresario de negocios! Onde se viu tal?

E é que Ada Colau molesta mesmamente por iso. Ada molesta. Molestamos. Porque, a pesares de levarmos nos xestos as marcas dunha secular pertenza ás clases subalternas, se rebela (nos rebelamos) contra os “peares das sociedades”.

Molesta porque, si, Ada Colau podería ser mesmamente peixeira, limpadora, prostituta ou física nuclear. Porque Ada Colau podería ser calquera das xentes que sosteñen o mundo e non só desa elite que, malia todo o avanzado, aínda é a que maioritariamente accede á instrucción superior e ás instancias políticas máis elevadas. 

Onde se viu tal? Unha alcaldesa da cidade máis chupi-cool da península ibérica que pon a dor e o amor no centro da vida política; a vida, en suma. Porque sabe (sabemos) que, paradoxicamente, a rexeneración política vén de situar no centro da cousa pública, na sagrada ágora de debate dos próceres (masculinos) da polis un grande montón de merda. Merda, mocos, menstruo, leite... En definitiva: os fluídos corporais que a diario recollen - maioritariamente - mulleres. Mulleres pobres. Os tan mentados "coidados". Para que non se vexan. Porque, xa se sabe, ese mundo visceral oposto á claridade e orde burguesa mellor só na arte e na industria do entretemento, que aí mesmo xera capital.

Onde van esas tolas! Se son fillas das que aínda antonte andaban cos peíños descalzos vendendo o leite aos señoritos das vilas! A quen se lle ocorre, Ada, chegar a Alcaldesa!

30 oct 2015

"As castañas tamén quitaban moita fame"


[Transcrición dun dos escritos que a Pilar de Barantes, moradora do Outeiro, vai deitando nunha libreta, nas tardes nas que non calceta.]

"Son Pilar, e nacín no ano 27, o 22 de novembro, nunha familia humilde, en tempos de miseria, onde había que traballar nas terras cas vacas e cos bois.
Había que se levantar moi cedo para muxir as vacas e facer o almorzo.
Había que acender o lume na lareira con cerillas; non había mecheros; non había luz eléctrica, eran candís de gas e había faroles para alumar de noite.

Había que traer a auga nos cántaros de barro; cortar a leña con machados; labrar as terras con arados e con vacas - os arados eran de pau, que os facía o carpinteiro; outros que compramos eran de ferro -.
A leña traíase nun carro de madeira que tamén facía o carpinteiro.

Sementábase nas leiras cebada, trigo e pan.
Había que segalos cunha fouce e facer os mollos, enmedábase na leira e despois á eira onde se mallaba con mallos, e despois limpábase coa máquina de limpar.

Había que levar a moer en burros. Había muíños de auga. No inverno, nos rigueiros. Había que ir a Santa Cruz, era o Guímaro o muiñeiro. Anos máis tarde, a Bulso. Anos máis tarde en Cimadevila, que era no lugar de Figueiroá. Máis tarde, ao vir a luz, xa os había na casa.

Tamén se sementaban nabos, co que se alimentaban as vacas e os marraus; cocíanse nun caldeiro con auga e dábanselle con fariña.

Tamén se sementaban verzas, plantábanse nos hortos. Eran unhas verzas moi boas que se comían de moitas maneiras: no caldo, o grelo con patacas, con garbanzos, que tamén se sementaban, e fabas e hervellas.

Nós sementabamos moitas patacas, e millo tamén moito, e chichos. A verza era un alimento para todos os animales: marraos, pitas, coellos, becerros... Eran un alimento de todo o ano.

As castañas tamén quitaban moita fame. Comíanse asadas, cocidas e purgadas, que se cocían en leite mazado, que se mazaba para quitarlle a manteca, que se comía con azúcar, con mel e tamén se derretía, que se lle chamaba manteca cocida. Era o que se lle daba ás mulleres cando parían, dicían que era moi sana, dábana cas sopas."

25 may 2015

Avanti País ribeirao! (resultados Municipais 2015)


No noso pequeno mundo ribeirao poucas cousas mudaron, pero os aires da ilusión tamén se expresaron en múltiples candidaturas que, sexan da sigla que sexan, son de cambio, participación e berro de vida digna neste rural que non queremos abocado a ser un "deserto verde". Pero, para iso, hai moito que pensar e traballar.

Gustaríame que, xunto con outras persoas non electas, conversáramos sobre problemas e retos comúns e, en primeiro lugar, que recibades unha aperta moi grande: Diego Xesús López González, compañeiro de batallas en terreo dificultoso, concelleiro electo en Sober co que formarei grupo municipal que se debe ao proxecto participativo Agroma Sober; Garcia Do Outeiro, concelleiro electo en Chantada, que personifica a humildade da cultura labrega da que procedemos e non renegamos, o rigor intelectual e o saberse do pobo galego máis expoliado; Rosana Prieto Florines, fenómena!, por ese resultadazo de Pantón, con Roi López Carmona; Antia Rodriguez Nieves e Isidrez e demais, polo gran traballo feito; do outro lado do Sil a Chorima Peral, gran resultado, que seguro mellora Castro Caldelas, e a Davide Kandepalleiro por consolidar un proxecto de futuro en Manzaneda; da zona queiruguesa a Amparo Montenegro Díaz, porque sabemos o duro que é facer política en determinadas condicións; e para a xente do Caurel vivo. Avanti País Ribeirao!


3 feb 2015

Só van quedar os xabaríns: a comarca de Lemos perdeu case 2000 persoas dende o inicio da “crise”


O día da lotería de Nadal o IGE publicou a última revisión do Padrón Municipal de habitantes dos concellos de todo o Estado e á comarca de Lemos, dende logo, non nos caeu “o Gordo”.
Neste territorio, tento en conta os municipios de Bóveda, Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón, Saviñao e Sober, habitamos, a data de 1-1-2014, 31.876 almas (en pena), perdéndose 1910 habitantes dende que estourou a crise financeira global en 2008. Se comparamos con 1996, a comarca perdeu 4.815 habitantes.

A estrutura por idades da poboación comarcal revela unha pirámide invertida na que (cos datos do ano 2013) só un 9 % corresponde ás persoas de menos de 15 anos. Un 56 % está na franxa entre 16 e 64 anos e un 35% ten máis de 65 anos.

En canto a emigración, 1113 persoas abandoaron a comarca en 2013 e chegaron 1155. Pero o saldo nacementos/defuncións foi de 157 a 586. Resultado: 387 persoas menos en 2013. E así vai a conta de todos os anos.

Esta sangría demográfica sucede nunhas terras bañadas por augas encoradas que producen enerxía eléctrica, nun fértil val con terreos apropiados para diversas actividades agrogandeiras, entre elas que se tivera desenvolvido un sector leiteiro de primeira, con industrias de transformación, ademais do viño e do sector turístico, que son dos puxantes da comarca aínda que, non se fagan ilusións: neste momento esta comarca sen as percepcións de xubilación case non podería subsistir.

Vexámolo. O paro na Terra de Lemos ascende a un 8,3%, ben inferior á media galega (20,2%). Pero é que a taxa de actividade (persoas afiliadas á Seguridade Social) é só dun 29,2% (53,9% é a media galega). Entre tanto, as persoas perceptoras de pensións na comarca en 2013 eran 10.410 (32,6% da poboación), das cales 8.832 tiñan máis de 65 anos.

Das 2.162 empresas da comarca o 60% non ten persoal asalariado e só hai dúas empresas (datos do ano 2013) que superan os 50 asalariados. Das 867 explotacións gandeiras, o 35% concéntrase no Saviñao.
Calquera pode darse conta de que a perda de actividade agrogandeira no rural incide negativamente no tecido empresarial comarcal e no pequeno comercio das vilas.

Cantas oportunidades e ilusións perdidas tivemos? O ferrocarril, desmantelado co cambio ao transporte de mercadorías por estrada (e agora está ameazado o taller de Renfe en Monforte); o leite, asasinado por unha política europea que penalizaba ás explotacións galegas; un Porto Seco que continúa seco de empresas... 
 
E xa que somos unha comunidade, a lemava, con problemas comúns, non parecería lóxico que este territorio, o de Lemos, de pouco máis de 31 mil habitantes e cunha coherencia histórica e xeográfica integrase unha única entidade administrativa comarcal en lugar de termos, como actualmente, seis municipios e fondos destinados ás administracións locais xestionados por unha entidade provincial con sede en Lugo? Ou, canto menos, non habería que ir tendendo á comarcalización de certos servizos? Cunha comarca nin existiría o conflicto polas lindeiras do Reboredo, porque teríamos un parque industrial comarcal.

Agora que veñen as eleccións, preguntémonos: pódese dende os gobernos municipais (moito máis no marco presupostario actual, coa imposición por lei da "austeridade") subvertir esta situación de decadencia económica da comarca? Non precisa esta comarca un plan económico global e específico por parte da Xunta, participado cos axentes sociais, políticos e económicos da comarca? Non sería mellor aplicalo dende unha entidade administativa comarcal que tivera os recursos que hoxe teñen os concellos e a Deputación, con máis competencias que as que actualmente teñen os municipios? Ademais, esa descentralización administativa xeraría movemento económico.

Para acometer esta tarefa farían falta modificacións constitucionais e do réxime xurídico político de Galiza, pero: acaso non se precisan neste momento modificacións tanto ou máis radicais cando estamos a comprobar os límites dunha Transición que permitiu unha economía de casino e déficits democráticos?

Situacións límite requiren medidas audaces, pois de continuar así nin a declaración de Patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra podería revertir esta situación das Terras de Lemos. É certo que non é igual o estado de todas as zonas pero, en xeral, temos unha poboación envellecida e cada vez máis dependente, nun contexto de recortes na Lei de Dependencia e en servizos sociosanitarios (para exemplo, a baixa de médico da Pobra do Brollón que non se repón ou a falta de servizos de radioloxía e radioterapia en Lugo, tendo que ir a Coruña a xente enferma de cancro desta comarca para recibir tratamento), e poucas oportunidades de emprego. Iso tradúcese socialmente nunha sobrecarga de coidados sobre as mulleres, fundamentalmente, e en abandono, depresións... suicidios. De feito, Lugo é a provincia do Estado con maior taxa de suicidios.

Pese a todo, esta comarca ten as potencialidades necesarias para construír unha economía sostible que permita unha vida digna a moita xente. Pero, que máis ten! Total, estes catro pelagatos pouco importamos no conxunto do mundo e sobrevivir, imos sobrevivindo. A mágoa é que en breve tempo esto será pouco máis que lugar de paseos turísticos e coto de caza para ricachóns, que hai noites que saes e atopas a máis xabaríns que xente. E ollo! Que nin xabaríns van quedar por unha política errada de caza que os está a exterminar.

23 nov 2014

Un percorrido outonizo polo couto do mosteiro de San Paio da Abeleda co “Sorriso de Daniel”


Para a xente de aquén Sil, a Abeleda é lugar de paso e parada no camiño no Castro (de Caldelas), unha estación onde comer e beber ben para continuar a ruta. E dicir Abeleda é dicir viño, que madura de xeito excelente neste val do río Edo, zona onde enseñoraba o mosteiro de San Paio da Abeleda ata que a cobiza da Casa de Alba fixo decaer o seu poder.

As nosas guías foron Carmen, do Sorriso de Daniel, e outras amigas do Sorriso e da parroquia de Abeleda, que nos descubriron á vintena de camiñantes os segredos deste val da Abeleda un 23 de novembro de 2014.


Comezamos o percorrido no campo de San Paio, onde antano se celebrou a festa de Santa Lucía por parte dunha comunidade parroquial viva, a de San Paio de Abeleda, hoxe parroquia anexionada a Santa Tegra de Abeleda. Aquí, fronte ao vello cárcere onde penaban os encarcelados pola xustiza do mosteiro, tomamos camiño cara as adegas pertencentes a San Paio, ata onde chegaban, de entre os viños do val do Edo, os de Idrás, que seica eran os mellores, porque, como di a copla:

“Os viños de Idrás
fan andar aos homes
de diante pa'atrás.”

Xa na igrexa de San Paio, admiramos o inxente traballo de limpeza que fixeron as boas xentes do Sorriso de Daniel e da parroquia de San Paio da Abeleda, recuperando un espazo da nosa historia.

 
A igrexa, románica, conserva capiteis e canzorros ben interesantes e a súa boa factura fixo que permaneza en pé, malia que precise con urxencia unha teitume – polo menos! - para que os elementos non sigan a estragar San Paio. Tanto custa a dignidade para que non se invirtan uns poucos miles de euros nun dos edificios máis deteriorados destas comarcas ribeirás?

Tamén poidemos ver a capela dos señores do Couto, renacentista, na parte norte, e a parte sur da igrexa, dende a sancristía, onde se utiliza pedra de “ollo de sapo”, unha rareza.
O que non puidemos ver foi a portada gótica co pantrocrátor con San Pedro e San Paulo, pois esta parte está en mans privadas e permanece pechada, malia ser un dos fitos máis interesantes do noso patrimonio ribeirao.


Logo das adegas e da visita á igrexa, collemos camiño a carón do río Edo, que figura nos mapas como río da Abeleda porque, din, seica un mestre non lle sabía o nome propio deste afluente do Sil. Chegando ao río, coñecemos os muíños foran do mosteiro, que un deles o aforaran a un veciño de Soutelo e que a Ponte Cabalar, sobre o Edo, unía as parroquias de Santa María da Abeleda (hoxe da Teixeira) e San Paio da Abeleda (de Castro Caldelas). Tamén contan que esta distribución parroquial entre dous concellos das tres parroquias da Abeleda (Santa María, San Paio e Santa Tegra) se xogou nunha timba de cartas.

No lugar de Soutelo paramos na capeliña de Santo Antón, onde se garda a antiga pía bautismal de San Paio da Abeleda, onde se bautizaron as xentes de San Paio ata inicios dos anos 70 (a parroquia foi clausurada en 1972).


Subimos de Soutelo cara O Couto, pasando polo seu curioso Pazo. Foron estes señores quen construíron para se enterrar a capela renacentista da igrexa de San Paio.

Do Couto pasamos por Santiurxo e dalí a Santa Tegra de Abeleda, parroquia á que foi anexionada a desaparecida de San Paio. 

A pequena igrexa parroquial de Santa Tegra garda unha pía medieval e magníficos retábulos barrocos, que se cren relacionados coa inxente herdanza que deixou na zona o que fora na súa mocedade abade de San Paio e logo arcebispo de Sevilla , Rodrigo de Castro Osorio, da Casa de Lemos.

As xentes de Santa Tegra recuperaron a festa da Luz, que fora prohibída en 1936, que se celebra en torno ao 5 de agosto (se cadra a domingo, se non o domingo seguinte) e na que se baila con arquiños de cores e co Coco e a Coca, dous xigantes. Por esta labor recibiron un premio que lles entregarán en decembro deste ano. Parabéns!

Para rematar a andaina, camiñamos ata as fervenzas do Cachón, a ponte medieval de Lumeares – pola que pasou o padre Sarmiento durante a súa viaxe a Galicia, na que pernectou dúas noites en San Paio - e voltamos a San Paio polo camiño do Romeu, quizais antigo paso de romeiros cara este mosteiro da Abeleda, que precisa de todas e todos nós para recuperalo do abandono.

Visitade ao Sorriso de Daniel aquí.

8 jul 2014

768 B – 15 € night

* E este é o tipo de poemas que quedaban en primeiro lugar naqueles Concursos Poéticos Ribeiraos da primavera e polos que sempre se desesperaba "Fermín o Namorado", o zorro poeta que quedou desfasado nos anos-vinte-do-século-vinte, ou por aí.

Auuuuuuh...
Sopran as murmuracións violeta-metalizado/
entre as almenas do bosque de fibra óptica e formica.
Uns calzóns rosas colgan/
da galla esbrancuxada e raquítica do castiñeiro chic.

Traca-traca.
Os grilos de mecano trousan/
decibélicos e megahérzicos cri-cris sincopados.

Gruaaaaaag...
A panteira mixiricas apura a dose de poción máxica/
en tetra brick de deseño (Trade Mark en Paris – La nuit).

Zumba.
Son as avespas asasinas na procura/
da flor de fragancia máis cara e sofisticada.

Nun bosquexo de mercromina
detense o carrusel de luces e cabaliños do demo
e vanse lavando as legañas verde-vómito
nas fontes entubadas do Hostal Terra Galega.