28 jul 2018

Do castro ao colapso: diálogo entre David Rodríguez e Xosé Constenla



Algunhas lecturas para este agosto de 2018: ler en tándem O canastro sen tornarratos, de David Rodríguez, e O colapso territorial en Galiza, de Xosé Contenla, publicados no presente ano en Xerais e Galaxia. Ambos ensaios relatan, dende distintas ópticas, o escenario traumático da rápida “modernización” de Galiza nos últimos cen anos, as “feridas” que o desenvolvemento do capitalismo deixou no País, ben en forma do “colapso territorial”, ese “proceso de diseminación territorial inducido”, en palabras de Xosé Constenla, ben na economía terciarizada e o emprego precario.

 En conversa dialogada na libraría O Chan da Pólvora, lembrou David Rodríguez que “vimos dun século no que se desmembrou o País e, aínda así, temos certa capacidade de articulación política”. Sendo ambos autores “pesimistas” a respecto das posibilidades de reverter o proceso do “colapso”, non o son en canto á capacidade que como pobo aínda temos para encarar o noso futuro con decisión. Iso si, só pode ser dende unha concepción de País, dende entender que habitamos nun "lugar" e que somos un pobo, non dende un municipalismo benintencionado pero “funcional ás dinámicas do capital transnacional desregularizado”. No fondo, certo municipalismo actual vén a ser un “refuxio para evitar a cuestión nacional”, o problema nacional non resolto no Estado español. No contexto actual, son os Estados aínda un baluarte contra a destrución capitalista, a “ferramenta que nos queda” para loitar contra este. Ademais, historicamente o poder sempre foi transnacional, ou tivo vocación “cosmopolita” (dende as familias reais europeas ás elites burguesas), mentras que a masa popular, aínda hoxe, vive pegada ao seu lugar. A este respecto, a esquerda debe volver ter un discurso para a maioría social, fronte aos fascismos e populismos autoritarios tipo Trump ou Salvini, que si identifican a esta poboación como albo das súas mensaxes. “Non podemos vivir de xeito abstracto”, as persoas, os pobos, vivimos nun territorio.

E Galiza? Non tendo o noso País grandes cidades nin peso demográfico no conxunto do Estado, preocupa o papel que podemos xogar na reconfiguración do Estado español. Outros Países coma o noso son prósperos e non marxinais en Europa; iso si, teñen Estado propio. Quizais, só quede articular un proxecto colectivo de País, que o pense no mundo, e un movemento político que se afortale nas “loitas polo territorio”, ao xeito de como medrou o nacionalismo dende os anos 60’.

Chamaron os autores á necesidade de espazos de reflexión intelectual da esquerda nacional, sen sectarismos, e á importancia de reforzar os vínculos con Portugal, na medida en que as dinámicas espaciais galegas non poden separarse da Eurorrexión e desa “gran metrópole Ferrol-Porto” que é unha oportunidade de futuro. Alertaron, iso si, de evitar caer na “trampa do desenvolvimentismo” na que estivo instalado a maioría do pensamento nacionalista, e ter claro que o desenvolvemento debe levar parello un “como” e un “para que”, que o desenvolvemento económico per se non trae a felicidade.

Hai necesidade de que a esquerda nacional galega vaia recuperando relato e contexto: temos que xestionar o presente e as urxencias, pero tamén entender onde estamos como pobo, para proxectar, a medio e longo prazo, cara onde queremos ir. Agardando ter tempo para a lectura.

20 nov 2016

Aprendendo como avanzar na xustiza social dende o feminismo: xornadas da AGE-E en novembro de 2016




Lidia Senra e a equipa de Alternativa Galega de Esquerda en Europa trouxéronnos ao País unhas interesantes xornadas de formación e reflexión sobre o papel do feminismo na teima de construír unha Europa xusta.

A eurodeputada abriu as xornadas destacando o escaso avance da presenza das mulleres nas organizacións políticas e sindicais e nas institucións, así como os arrepiantes datos de violencia sobre as mulleres na UE, como amosa unha enquisa recente da Axenciados Dereitos Fundamentais da UE1 de cada 3 mulleres declara ter sufrido agresións físicas ou sexuais desde os 15 anos, 1 de cada 10 algunha forma de violencia sexual e aproximadamente un 12% foi violada por un adulto antes de cumprir os 15 anos.

Previamente, a brasileira Eliane de Moura Martins, militante do Projeto Popular para o Brasil e doutoranda en Socioloxía pola Universidade Federal do Río Grande do Sul ofreceu charlas sobre a situación política e social do Brasil en Santiago e Lugo (ver).

En Ourense, Saleta de Salvador Agra fixo un percorrido polo xa máis que bicentenario pensamento feminista, dende a súa “primeira onda”, no periodo das revolucións do s. XVIII, ás novas formas de ciberfeminismo.

Reivindicou Saleta de Salvador todo o legado da filosofía feminista e a pluralidade do movemento, chamando á necesidade de non sobredimensionar os debates intrafeministas cando o importante é combinar todas as formas de loita contra a sociedade patriarcal.

Como exemplo de inicio do ciberfeminismo, un movemento que ten como telón de fondo o neoliberalismo e as posibilidades que ofrece a rede (considerada como “espazo público”) para controlar a comunicación e estabelecer novas relacións comunicativas igualitarias, así como a posibilidade de “poñer en práctica identidades diversas”, amosounos o videoxogo “all new gen”, das Venux Matrix, nunha liña de “feminismo psicanalítico”.

Máis recentes, as accións “all men pannel” en Finlandia, e “Todopirolos”, na Galiza.

No debate posterior á charla, a cuestión da fenda dixital e a escasa participación das precarias na rede (matizado polo feito de que a rede ofrece posibilidades de ser altofalante a estas mulleres; véxase Las Kellys), a cuestión de resignificar as categorías tradicionalmente adscritas á feminidade, a necesidade de ensinar o feminismo na escola (“cando o ensinas, o 90% das rapazas acaban declarándose feministas”, sinalou unha mestra; lembrando que en Brasil o goberno conservador vén de eliminar por lei as discusións de xénero na escola) e a vontade de que as diversidades de debates do feminismo non limiten a loita común.

Traballos de Saleta de Salvador Agra: https://uvigo.academia.edu/SaletadeSalvadorAgra




Alicia Puleo desgranou a historia do Ecofeminismo como corrente minoritaria do feminismo, xurdida dunha visión crítica sobre O segundo sexo, propoñendo Françoise d'Eaubonne, discípula de Simone de Beauvoir, que non só hai virtudes no ámbito do público – asociado ao masculino – senon tamén no ámbito do doméstico, asociado ao feminino, como a “ética do coidado”.

Tradicionalmente veuse asociando muller e natureza, fertilidade, vida... coa intención de facer ás mulleres “menos humanas”, como animais e cousas. O ecofeminismo propón que a masculinidade é tamén unha construción social que debe ser revisada e busca unha transformación da relación entre seres humanos e natureza. Puleo defende un ecofeminismo crítico que evite caer en mistificacións sobre a maternidade. 


Foi o feminismo quen primeiro se ocupou dos debates sobre os efectos da contaminación ambiental – que afecta máis ás mulleres, porque o noso corpo funciona como un “bioacumulador químico” - e son as mulleres quen máis participan nas loitas ecoloxistas, como a asasinada Berta Cáceres.

Alicia Puleo coordina o libro Ecologíay Género en diálogo interdisciplinar.


Fotos: AGE-E.


As leccións da esquerda brasileira, por Eliane de Moura Martins

Foto: AGE-E.


* Nas xornadas de AGE-E.



Eliane de Moura analizou a evolución histórica do Brasil (“que non naceu como nación, senon coma  unha empresa”) para contextualizar os problemas estruturais da sociedade brasileira: a cuestión indíxena irresolta, o traballo asalariado que herdou as condicións da escravitude, o racismo, a violencia e a enorme desigualdade social.

Alertou Eliane de Moura Martins do gran aumento da represión sobre os movementos sociais no Brasil, especialmente sobre o Movemento SemTerra, directamente oposto ao modelo do agronegocio en Brasil, que, ademais de depredar as terras, provoca que, de media, cada persoa brasileira toque a 5 litros de agrotóxicos ao ano.

A militante brasileira advertiu (e as súas reflexións serven para a esquerda europea, na medida que os procesos vividos son globais) de como o neoliberalismo dos 90' acabou por destruír unhas institucións pensadas, na teoría, para o benestar social, chamando, en consecuencia, a procesos constituíntes; tamén alertou dos límites e perigos dos movementos “anticorrupción”, capitalizados pola dereita e/ou o fascismo. Particularmente, no Brasil, o movemento anticorrupción foi deseñado para identificar corrupción-goberno do PT e desaloxar mediante artimañas xurídicas a Dilma do poder. Neste sentido, a esquerda clásica non captou as mobilizacións xuvenís de 2013, mentras que a dereita si o fixo e as canalizou.

En Brasil, o Estado neoliberal previo á victoria de Lula provocou desemprego masivo, pobreza e miseria en masa. Ante esta situación, a esquerda, fronte aos modelos tradicionais partidarios e sindicais – en crise, igual que a base social - implementou campañas concretas, como a distribución de comida en 1993/94, na base do movemento que (dende distintas posicións, moitas críticas) levou a Lula á presidencia do Brasil tras a victoria electoral de 2002.

O PT organizou políticas de distribución da riqueza dende o Estado - nun momento inicial de crecemento económico internacional - e mesmo a esquerda crítica co modelo do PT (contemporizador coas grandes corporacións) defendeu a última campaña de Dilma ante a radicalización das elites brancas e conservadoras (“a bancada do BBBB: bola, polo fútbol, boi, polo negocio agropecuario, bala, pola mafia das armas, e biblia, polo movemento pentecostal"). Mais a victoria electoral non puxo fin á “furia neoliberal”: o golpe de estado organizouse para evitar o gran proxecto da “lei do fondo soberano”, que supoñía usar a riqueza xerada polo petróleo do Presal para os servizos públicos do pobo brasileiro.

A esqueda crítica brasileira ten analizado como un dos elementos negativos dos gobernos do PT o ter abandonado a “politización” e a formación da base social, fiando todo a unha redistribución da riqueza que foi concebida como a identificación de cidadán con consumidor, ademais de criticar a falta de reforma agraria e a contemporización dos gobernos do PT co agronegocio.

Mentras se poñía toda a carne na grella para gañar as eleccións, o movemento social estaba sendo cercado e as elites manobraban para desaloxar do poder ao PT. Ao final, o PT perdeu o 70% da base eleitoral nas municipais e Dilma foi apartada por un “golpe de estado xurídico”, iniciando con velocidade un proceso de desmontar as conquistas populares: reformas laborais reaccionarias, leis que favorecen a privatización ou a liquidación do gran proxecto de utilización dos réditos do petróleo para a Sanidade e Ensino.

Eliane chamou a reflexión da necesaria conciencia do límite do traballo institucional e da importancia da mobilización e organización social de base porque “as elites van cercando o movemento popular” e, cando poden, liquidan mesmo á esquerda reformista.

12 oct 2016

Quen era Cristóbal Colón e, sobre todo, que representaba?

No paradigma historiográfico influenciado, dunha ou doutra maneira, pola ideoloxía españolista da añoranza da "España Imperial", Cristóbal Colón é un iluminado e incomprendido sabio e hábil mariñeiro que, grazas ao seu empeño, logra "descubrir", sen el sabelo, un continente novo para maior gloria de Castela.
 
Imaxe icónica de Colón, por Dióscoro de la Puebla (ver).
Cóntanos Matthew Restall, no rigoroso e documentado libro Os sete mitos da conquista española [RESTALL, M. (2010): Los siete mitos de la conquista española. Ed. Paidós.], que un dos mitos que a historiografía dominante usa para explicar a conquista de América é "o dos homes excepcionais".

 
Segundo esta idea, o dominio rápido (outro mito, este, o da rapidez da "conquista") de todo o continente americano foi posible pola especial intelixencia e dotes militares duns cantos homes aventureiros e experimentados guerreiros que, grazas ás habilidades dos seus capitáns - Cortés e Pizarro - derrotaron a grandes imperios e someteron a todos os pobos indíxenas da América. Este mito parte da asunción acrítica dos relatos que sobre sí mesmos escribiron os propios conquistadores - coa intención de gañar favores na corte - e obvia a importancia que na conquista tiveron os milleiros de soldados negros e indios que loitaron como mercenarios xunto a eles, así coma a importancia dos pactos con pobos indíxenas enemistados con outros pobos americanos.
Pero, o mito dos homes excepcionais non exerce só para os militares, senón tamén para os mariñeiros, coma Colón, pois tanto de militares e mariñeiros é o protagonismo do relato oficial da conquista de América ("a la espada y al compás, más y más y más y más"). 


Segundo a versión tradicional noventaoitesca da Historia española de (en) América, Colón foi un sabio adiantado ao seu tempo porque coñecía que a Terra era redonda mentras os demais crían que o mundo era plano e que o barco se precipitaría nas tebras, mito fomentado tamén pola historiografía norteamericana (1). Así, Colón representa a ciencia moderna incipiente, o espíritu renacentista e humanista, fronte ao "escurantismo medieval" e a ortodoxia.
Pero, o certo é que a idea da esfericidade da Terra era aceptada pola comunidade científica amplamente; o que sucedía, e por iso consideraban os sabios da época que a viaxe que Colón propoñía era unha tolería, é que o mariñeiro fixera mal os cálculos e pensaba que a distancia ás Indias era sensiblemente menor. De feito, a conferencia de Salamanca só tratou sobre o tamaño do océano, non sobre a esfericidade da Terra, que non se cuestionaba (2). De América non existir a uns 6000 km das Canarias, Colón e a súa tripulación seguramente perecería perdida no inmensidade do mar.


Colón, á vista das fontes, e aínda deixando de lado unha visión hipercrítica, era un representante perfecto dese nacente sistema mundo: estaba interesado no ouro e nos escravos e ao servizo dunha nacente burocracia estatal.

"No tienen hierro. Sus lanzas son de caña. Serían unos criados magníficos"... "En la primera isla que encontré, atrapé a unos nativos para que aprendieran y me dieran información sobre lo que había en esos lugares" (3). Dos Diarios de Colón.


Así, malia que se nos soe presentar a Colón coma un curioso, un aventureiro, case coma un home predestinado pola divinidade - por iso quixo o azar que América existise! - o certo é que Colón era simplemente un home, digno representante dos procesos históricos que se estaban a iniciar no seu tempo, un mariño xenovés ou, mesmo, galego, vai ti saber (4). O importante é o contexto e as causas e consecuencias da chegada dos estados "ibéricos" a América; que Colón fora ou non un canalla comenenzudo non é de grande interese histórico.

1 - Por certo, foi nas independizadas "colonias" de Norteamérica onde se celebrou por vez primeira o 12 de outubro como "Columbus Day" en 1792.

2 -  [RESTALL, M. (2010): Los siete mitos de la conquista española. Ed. Paidós.]

3 -  [ZINN, HOWARD, (1999): La otra historia de los Estados Unidos. Ed. Las Otras Voces]

4 - Colón de Poio? 

6 abr 2016

A quen se lle ocorre, Ada, chegar a Alcaldesa!

Leiteira, de Ruth Matilda Anderson.
Pois claro que Ada Colau tiña que estar vendendo peixe ou calquera outra ocupación desta calaña, propia das clases baixas. A quen se lle ocorre! Chegar a alcaldesa de Barcelona unha muller que non herdou posición social nin fortuna; que non ten a pertinente colección de rimbombantes títulos académicos, másters carísimos ou matrículas de honra en prestixiosas escolas internacionais que pendurar do salón familiar; que carece das medidas corpoestéticas adecuadas ao canon patriarcal publicitario. Se nin sequera goza de relación marital con alto empresario de negocios! Onde se viu tal?

E é que Ada Colau molesta mesmamente por iso. Ada molesta. Molestamos. Porque, a pesares de levarmos nos xestos as marcas dunha secular pertenza ás clases subalternas, se rebela (nos rebelamos) contra os “peares das sociedades”.

Molesta porque, si, Ada Colau podería ser mesmamente peixeira, limpadora, prostituta ou física nuclear. Porque Ada Colau podería ser calquera das xentes que sosteñen o mundo e non só desa elite que, malia todo o avanzado, aínda é a que maioritariamente accede á instrucción superior e ás instancias políticas máis elevadas. 

Onde se viu tal? Unha alcaldesa da cidade máis chupi-cool da península ibérica que pon a dor e o amor no centro da vida política; a vida, en suma. Porque sabe (sabemos) que, paradoxicamente, a rexeneración política vén de situar no centro da cousa pública, na sagrada ágora de debate dos próceres (masculinos) da polis un grande montón de merda. Merda, mocos, menstruo, leite... En definitiva: os fluídos corporais que a diario recollen - maioritariamente - mulleres. Mulleres pobres. Os tan mentados "coidados". Para que non se vexan. Porque, xa se sabe, ese mundo visceral oposto á claridade e orde burguesa mellor só na arte e na industria do entretemento, que aí mesmo xera capital.

Onde van esas tolas! Se son fillas das que aínda antonte andaban cos peíños descalzos vendendo o leite aos señoritos das vilas! A quen se lle ocorre, Ada, chegar a Alcaldesa!

30 oct 2015

"As castañas tamén quitaban moita fame"


[Transcrición dun dos escritos que a Pilar de Barantes, moradora do Outeiro, vai deitando nunha libreta, nas tardes nas que non calceta.]

"Son Pilar, e nacín no ano 27, o 22 de novembro, nunha familia humilde, en tempos de miseria, onde había que traballar nas terras cas vacas e cos bois.
Había que se levantar moi cedo para muxir as vacas e facer o almorzo.
Había que acender o lume na lareira con cerillas; non había mecheros; non había luz eléctrica, eran candís de gas e había faroles para alumar de noite.

Había que traer a auga nos cántaros de barro; cortar a leña con machados; labrar as terras con arados e con vacas - os arados eran de pau, que os facía o carpinteiro; outros que compramos eran de ferro -.
A leña traíase nun carro de madeira que tamén facía o carpinteiro.

Sementábase nas leiras cebada, trigo e pan.
Había que segalos cunha fouce e facer os mollos, enmedábase na leira e despois á eira onde se mallaba con mallos, e despois limpábase coa máquina de limpar.

Había que levar a moer en burros. Había muíños de auga. No inverno, nos rigueiros. Había que ir a Santa Cruz, era o Guímaro o muiñeiro. Anos máis tarde, a Bulso. Anos máis tarde en Cimadevila, que era no lugar de Figueiroá. Máis tarde, ao vir a luz, xa os había na casa.

Tamén se sementaban nabos, co que se alimentaban as vacas e os marraus; cocíanse nun caldeiro con auga e dábanselle con fariña.

Tamén se sementaban verzas, plantábanse nos hortos. Eran unhas verzas moi boas que se comían de moitas maneiras: no caldo, o grelo con patacas, con garbanzos, que tamén se sementaban, e fabas e hervellas.

Nós sementabamos moitas patacas, e millo tamén moito, e chichos. A verza era un alimento para todos os animales: marraos, pitas, coellos, becerros... Eran un alimento de todo o ano.

As castañas tamén quitaban moita fame. Comíanse asadas, cocidas e purgadas, que se cocían en leite mazado, que se mazaba para quitarlle a manteca, que se comía con azúcar, con mel e tamén se derretía, que se lle chamaba manteca cocida. Era o que se lle daba ás mulleres cando parían, dicían que era moi sana, dábana cas sopas."

25 may 2015

Avanti País ribeirao! (resultados Municipais 2015)


No noso pequeno mundo ribeirao poucas cousas mudaron, pero os aires da ilusión tamén se expresaron en múltiples candidaturas que, sexan da sigla que sexan, son de cambio, participación e berro de vida digna neste rural que non queremos abocado a ser un "deserto verde". Pero, para iso, hai moito que pensar e traballar.

Gustaríame que, xunto con outras persoas non electas, conversáramos sobre problemas e retos comúns e, en primeiro lugar, que recibades unha aperta moi grande: Diego Xesús López González, compañeiro de batallas en terreo dificultoso, concelleiro electo en Sober co que formarei grupo municipal que se debe ao proxecto participativo Agroma Sober; Garcia Do Outeiro, concelleiro electo en Chantada, que personifica a humildade da cultura labrega da que procedemos e non renegamos, o rigor intelectual e o saberse do pobo galego máis expoliado; Rosana Prieto Florines, fenómena!, por ese resultadazo de Pantón, con Roi López Carmona; Antia Rodriguez Nieves e Isidrez e demais, polo gran traballo feito; do outro lado do Sil a Chorima Peral, gran resultado, que seguro mellora Castro Caldelas, e a Davide Kandepalleiro por consolidar un proxecto de futuro en Manzaneda; da zona queiruguesa a Amparo Montenegro Díaz, porque sabemos o duro que é facer política en determinadas condicións; e para a xente do Caurel vivo. Avanti País Ribeirao!