16 ago 2011

AMOR FEROMÓNICO


O Cocho Porquiño Lirón, da familia dos Liróns do Queiroedo - disque o alcume lle vén dun tataravó seu, porco colludo, que sempre quedaba durmido no medio dos actos carnais -, insigne veciño do lugar da Mina, en Sober, encargoume usar as miñas mans humanas para deixar escrito no espazo virtual este seu lamento de amor pola porca Mariquiña, que non lle fai caso ningún dende que o pusilánime marrau abandoou a comunidade libertaria da súa noiva e se prestou a que uns señores moi ben traxeados lle metesen un pequeno papel impreso nun sobre branco e o levasen a metelo nunha furniña de plástico transparente.
Así as cousas, ao Cocho Porquiño só lle queda o recurso á poesía, aínda que, sendo sinceiros, as súas coitas son reelaboradas por Fermín O Namorado - cantos destragos causa o amor! -, o raposo poeta post-enésimo-neo-trobadorista de máis sona do Outeiro de Proendos, do que quizais voltemos, nalgunha ocasión, a transcribir os seus versos.

Aí vai, pois, o soneto titulado AMOR FEROMÓNICO.
* Sede benévolos co pobre porco namorado, que é un pouco clásicón, e tede en conta que os gustos porcinos son un chisco diferentes dos humanos.

A estrume me arrecendes, miña amiga;
a estrume con orballo á fin do inverno.
Estrume, palla verde, margarida...
A gloria me arrecende o teu alento!

A estrume me arrecendes, oh, belida!;
a mexado colchón secando ao vento,
a pozo do purín no mediodía,
a cheirume de silo lamacento.

Orellas con olor de auga chocosa,
legañas verde moco que che escorren,
poutas que de fozar están pringosas.

Dende este meu cortello gris e podre
esquecerme non podo da borrosa
pátina color merda que te cobre.

11 jun 2011

Palabras no Pleno de Constitución da Corporación de Sober.

En primeiro lugar, os concelleiros e concelleiras xuraron ou prometeron os seus cargos, pasando, logo á elección de alcalde, que se fixo sen que previamente os candidatos tomasen a palabra.
O candidato do PP, Luis Fernández Guitián, recibiu os apoios do seu grupo político, con sete escanos: Luis Fernández Guitián, Domingo López Fernández, José Elías González Prieto, Sonia Fernández Martínez, Carmen Pérez Pérez, Abel López Fernández e Mirian Teresa Pérez Vázquez.
O candidato do PSOE, Iñaki Rodríguez Pérez, recibiu os dous votos do seu grupo, composto por el mesmo e por Eloy Pérez Otero.
O candidato do BNG, Alfonso Campos Pérez, só recibiu un dos dous votos do seu grupo, o de Paula Vázquez Verao, pois el mesmo abstívose.
Como resultado da votación, Luis Fernández Guitián resultou elixido alcalde do Concello de Sober.
A continuación, o alcalde electo leu un discurso no que lembrou aos seus predecesores no cargo, falou das liñas mestras do seu programa - viño, turismo, música - e pediu colaboración á oposición, rematando coa lectura do poema Bando, de Manuel María.
Logo, sen terse pechado a sesión, a prensa xa se dispoñía a entrevistar ao novo alcalde cando, a petición da oposición, este lles deu a palabra aos outros grupos políticos, falando tanto o BNG coma o PSOE. Ao remate, Alfonso Campos Pérez agasallou á nova corporación co libro de poemas Petroglifia, de Xosé Lois García, adicado a Sober.
O grupo nacionalista de Sober, por boca da portavoz, Paula Vázquez Verao, expresou o que resumimos a seguir.

Estamos aquí polo Pleno, non pola hora que é, pero é evidente que o despregue mediático se produce porque esta sesión é convocada pasado só un minuto do prazo legal para a constitución das corporacións. Poida que non sexa “de todo malo”, como dixera o candidato do PP á alcaldía que Sober exa coñecido por isto, pero o que si pode ser “malo” é que este pleno nos vaia dar a medida da lexislatura: é dicir, que importe máis o fulgor mediático que o debate e a práctica política. Nós, o nacionalismo galego, queremos que Sober sexa recoñecido pola súa beleza paisaxística, pola súa riqueza patrimonial e por unha boa xestión política, non por "plenos ás doce da noite". Ademais, o pleno xa é traballar, non vale dicir que se convoca o Pleno á noite porque se quere traballar ao día seguinte dende primeira hora: o Pleno é fundamental no traballo municipal.

Por outra parte, se queremos facer esta sesión realmente significativa, con impacto mediático e simbólico, recoñezamos todos e todas hoxe, solemnemente, como o facemos o grupo do BNG, á corporación municipal que se sentou aquí hai 75 anos, a corporación elixida en febreiro de 1936, composta por xentes humildes de Sober - labregos, xornaleiros, - que foron  asasinados, encarcelados ou expedientados por facer o que hoxe facemos nós. Recoñezámolos, porque este Concello non será moralmente lexítimo ata que faga un recoñecemento explícito da situación vivida en Galiza, e en Sober, do 36 en diante, que non foi unha guerra civil, senón un xenocidio, unha masacre en frío na que morreron milleiros de persoas sen haber fronte de guerra. E isto non é pasado, é presente, porque unha sociedade decide o que quere ser: se quere recoñecer o que sucedeu ou se quere seguir perpetuando o esquecemento e, con elo, perpetuando a ignominia. E, dende logo, eu e os meus compañeiros de lista non podíamos ocupar esta cadeira sen lembrar a aqueles que sentaron aquí en 1936 e que sufriron por defender os dereitos da poboación máis castigada. Por iso, un recordo especial aos concelleiros de Sober asasinados: Daniel Álvarez Carnero, de 33 anos, e Edmundo Pérez Díaz, de 34 anos, executados en Lugo por terse desprazado alí para defender a legalidade republicana, e José Benito Mantilla González, labrego, de 63 anos, asasinado unha noite despois de tortura.
Que sirvan os seus nomes para lembrar a todas as persoas que morreron ou foron represaliadas por causas políticas en Sober (con 356 persoas encarceladas entre 1936 e 1940 temos unha das porcentaxes de detencións máis altas de Galicia). 

O Luis – chamámolo así en plan informal porque, coma o resto dos concelleiros e concelleiras deste pleno, é amigo e veciño – pode ser un gran xestor, sen dúbida. Pero, xestionar non o é todo: hai que ter unha idea clara de sociedade. Nós queremos unha sociedade xusta, sen explotación de ningún tipo, onde cada quen poida desenvolver as súas capacidades persoais… Por iso, o Bloque Nacionalista Galego, apoiará todas as iniciativas que vaian nesa liña – e, como sempre fixemos, seguiremos a aportar as nosas propias propostas. Malia este apoio nas cuestións que beneficien a Sober e que axuden a construír un Sober con futuro, non podemos apoioar a investidura do candidato do PP porque non imos votar a partidos que defenderon sempre aos poderosos e machacaron aos débiles (apoio a rescatar os bancos causantes da crise con cartos públicos, elevación dos impostos indirectos ou a entrada na Unión Europea: que sería hoxe de Sober se nos deixaran producir o leite que podiamos producir, por exemplo?). Tampouco podemos apoiar, nin o mínimo, a un Partido Popular – irónico nome – que está dende a Xunta a destruír Galiza alí onde pode e como pode: recurtando e privatizando servizos públicos, coma a Sanidade, permitindo concesións empresariais en paraxes naturais únicos, aprobando un imposto sobre o consumo de auga, cobrar polo feito de consumir auga, non por derrochala, senón polo feito de beber, un goberno corrupto e falaz-mentiroso (onde quedou a promesa de rematar co paro en 45 días cando Galiza rexistrou a maior subida do paro do Estado?) e o único goberno do mundo que lexisla en contra da lingua propia do seu país - por certo, que Manuel María, a quen citou o alcalde, era gran defensor da lingua -. Así que, sinceramente, non queremos que o alcalde siga o exemplo da Xunta, como acaba de manifestar que vai facer.

Descupade que falemos aquí, en Sober, de Galiza, pero é que Sober está na Galiza, como está no mundo, e non podemos ignorar tampouco os problemas globais: a desigualdade, o expolio aos países do Sul, o deterioro medioambiental… A xente de Sober imos ter que resituármonos nese contexto de crise – as cousas vanse poñer aínda máis duras –, e temos a capacidade de facelo: desenvolvendo o noso sector agrario, por exemplo, para que poidamos vivir en Sober.

Deste xeito, queremos que esta sexa a lexislatura do aproveitamento das nosas potencialidades, a lexistalura do respecto polo medio ambiente, a lexislatura duns servizos sociais orientados á integración de todas as persoas na vida social, á convivencia. Un servizos sociais que tomen en serio as situacións de exclusión social e maltrato e que non consideren ás persoas maiores coma meros obxectos: as persoas somos moito máis que un voto.

E, por suposto, queremos que esta sexa a lexislatura da democracia, a real, a participativa, a das asembleas parroquiais, onde se informe á xente do que se pode facer en cada parroquia e cómo facelo, a das comisións de temas específicos, a da xente que poida elixir en que se gastan determinadas partidas orzamentarias.
Iso sí, nós queremos facer dos concellos institucións que permitan aínda máis esa participación e cunha lei que se adapte á realidade galega. Inda hoxe, desgraciadamente, está vixente en parte un texto de Castelao do Sempre en Galiza, de hai máis de 70 anos:

“O municipio rural de Galicia é o tobo da raposería caciquil. Ao botarmos unha ollada sobor do territorio galego é doado advertir que a poboación está distribuída en “natural desorde”, en evidente contraste cos módulos de agrupamento social en Castela e demais rexións hespañolas… Fóra das vilas e cibdades… o municipio en Galiza é un órgano arbitrario, delimitado artificialmente e cunha función simulada. O esprito nivelador do Estado centralista impúxonos un réxime local estraño ás características demográficas do noso país… O Concello rural de Galiza non se asenta en entidades naturais ou históricamente diferenciadas, e nesas condicións carede de alento vital e de control efectivo para que a súa xestión ofreza garantías de acerto”.

E, por último, lembremos sempre que a democracia non só está aquí nestas catro paredes: está nas xentes que, xeración a xeración, fixeron de Sober o que é. Foi grazas ao traballo e vida da xente común todo o que temos (o viño, a paixase da ribeira, as igrexas románicas ou o campo de fútbol): ha de ser a xente común, participando nun proxecto común en igualdade, a que transforme Sober. Sen non se conta coa xente, o que se poida facer dende este Concello, aínda que sexa espectacular e saia na televisión, non vale para nada.

17 abr 2011

Historia do viño - O viño na Galiza



* Texto sobre a Historia do viño e sobre o viño en Galicia elaborado sobre as notas dos cursos Home, auga e paisaxe na Ribeira Sacra (novembro de 2010) e A Cultura do Viño na Idade Media (xullo de 2010). 

- ORIXE DA VIDE E DO VIÑO
Os rexistros máis antigos sobre vide son da era Terciaria, de hai c. 35.000 millóns de anos antes do presente. Estas vides aparecían nas ribeiras das zonas lacustres. Só hai rexistros desta planta nas terras do hemisferio norte (no austral non hai videiras ata que as introduce o ser humano).
Co arrefriamento climático do final da era Terciaria extínguense moitas especies, mentras outras reducen a súa área de distribución, como no caso da vide, que se replegou ao sul do continente euroasiático.
No Neolítico inicial, cando c. 10.000 anos antes do presente (VIII milenio a. C.) se inicia o proceso de domesticación de especies botánicas e zoolóxicas salvaxes, non se constata a domesticación da videira.


Entre 6.500 – 6.000 a. C. dátanse os primeiros rexistros de vide domesticada nos territorios transcaucásicos e as primeiras evidencias de uso desta planta para a elaboración de viño. Aquí aparecen sementes que indican un proceso inicial de domesticación (aparecen pés de vide hermafroditas - as videiras salvaxes tiñan pés femia e pés macho) e acháronse en cerámicas de c. 6.000 a. C. restos de tecidos biolóxicos, coma o ácido tartárico, que só se producen durante o proceso de elaboración do viño. Restos de ácido tartárico tamén se documentan en múltiples xacementos neolíticos máis recentes do Próximo Oriente, coma en Susa, entre 6.000 e 3.000 a. C., polo que se supón unha expansión deste cultivo dende o Cáucaso. Progresivamente, o cultivo da vide tamén se expande cara o Mediterráneo oriental, con rexistros de cultivo da vide en Chipre c. 4.500 – 3.900 a. C. e co achádego de sementes de vitis claramente prensadas en Macedonia de c. 4.600 – 4.000 a. C. 
Entretanto, en Galicia non se documenta a existencia de vide no Neolítico.

- EXPANSIÓN DA VIDE POLO MEDITERRÁNEO ORIENTAL
Entre 3.000 e 1.500 a. C., os pobos mesopotámicos e exipcios cultivan e expanden a vide por todo o Mediterráneo oriental. 
O viño ten unha gran importancia comercial e cultural para estas civilizacións, nas que é distintivo das clases acomodadas. 
En Mesopotamia, Hammurabi (c. 1750 a. C.) establece as reglas do comercio do viño. 
En Exipto, o viño vai desprazando a outras bebidas (coma a cervexa) ata ser a bebida real por excelencia. Hai que ter en conta que o viño exipcio non só é froito da fermentación da uva, senón que o zume de uva se mixturaba co de granada e outras froitas, con pedras e resinas, entre outros compoñentes. O viño exipcio mellor considerado era o de perla negra. 
Na cultura xudea a vide ten unha grande importancia simbólica, sendo a primeira planta que cultiva Noé tras o diluvio. 
Entretanto, na Galicia do Calcolítico e do Bronce non hai evidencias da existencia de videiras.

- CHEGADA DO VIÑO AO MEDITERRÁNEO OCCIDENTAL

Entre 1.500 e 900 a. C. prodúcese unha segunda expansión do cultivo da vide a través dos gregos, exipcios e fenicios, chegando ata Cartago, Sicilia e o sul da península Ibérica. Namentres, arredor do 800 a. C. prodúcese un arrefriamento climático que dificulta o cultivo de vide en zonas coma Galicia.
Para Grecia, o consumo de viño é un elemento fundamental da cultura, costume que Roma importa do pobo grego. Lémbrese que nestas culturas o viño se consumía rebaixado con auga. En Pompeia acháronse variedades cultivadas de vide e puídose constatar que a videira silvestre era xa escasa (s. I d. C.), predominando a vide hermafrodita.
En Galicia, na Idade do Ferro (c. 800 a. C. ata a romanización) hai menos especies agrícolas que no Neolítico e non se constata a presenza de vide.  

- ÉPOCA GALAICO-ROMANA - SEN EVIDENCIAS CLARAS DE VIÑO CULTIVADO EN GALICIA
Na época galaico-romana (s. I a. C. – V d. C.) non hai evidencias seguras de cultivo de vide en Galicia (hai lagares en castros romanizados, pero non está constatado que fosen para a elaboración de viño). Sí hai evidencias de consumo deste produto
ánforas que contiñan viño nas rías da Coruña e Vigo, fragmentos de recipientes contedores de viño en Elviña e no entorno da Torre de Hércules, restos dispersos no val do Miño e inscripcións e representacións escultóricas de vides - 
, pero ningunha das ánforas atopadas con restos de viño foi fabricada na Gallaecia.  
A bebida popular dos pobos galaicos era, segundo a coñecida cita de Estrabón, o zythos. 
Os montañeses (galaicos, astures e cántabros) “beben zythos e o viño, que escasea, cando o obteñen consúmese enseguida nos grandes festíns familiares”.
Con todas as cautelas que se deben ter cunha fonte coma Estrabón, que agrupa a todos os pobos do norte ibérico na denominación xenérica de montañeses e que nunca estivo na península, pódese interpretar o testemuño do xeógrafo grego entendendo que os galaicos non coñecían o cultivo de vides e só obtiñan o viño a través do comercio con Roma.
Nos seus estudos arqueolóxicos Naveiro López atestigua que a maioría de ánforas de viño en Galicia se localizan cronoloxicamente entre 50 a. C. e 50 d. C., época dun intenso intercambio entre Roma, que importa viño, e Galicia, que exporta peixe. Dende mediados do s. I d. C. desaparecen estas ánforas de viño romanas no país, o que se podería interpretar como o inicio da produción propia de viño en Galicia, enlazando co xa exposto sobre os restos de lagares documentados en castros romanizados, mais, lembremos: non hai restos de vide en Galicia na época romana, e sí de outras moitas plantas. 
Volvendo ao zythos, que segundo Estrabón era o que consumían os montañeses, esta bebida podería ser a cicerasidra, dos documentos medievais, pois, aínda que tamén foi identificada coa cervexa, en Galicia non se constata produción popular de cervexa, mais si de sidra [sg. Anselmo López Carreira]. 

- SEN BASE HISTÓRICA PARA DICIR QUE O AMANDI FOSE "VIÑO DE CÉSARES"


Un selo coas letras AAD dunha ánfora romana elaborada na costa valenciana ou catalá atopada no monte Testaccio de Roma (lugar onde se desbotaban as ánforas que contiñan o aceite e viño importados á cidade) foi interpretado acriticamente como “de Amandi” e atribuído ao Amandi da Ribeira Sacra, e esta é a orixe da famosa confusión sobre os “viños de césares”, lenda sen base histórica.
Ademais, os autores greco-romanos que escriben sobre a agricultura e/ou sobre Galicia non mencionan o cultivo de vide no noso país. Non o fai Catón, en De agri cultura, que fala dos tipos de viño consumidos en Roma, da enxeñería vitícola ou dos sistemas de transporte de viño, nin Plinio, nin Columela, nin Estrabón, que di que o viño é levado aos galaicos polos romanos.
* Ver o artigo "As enganosas ánforas de Amandi", aquí. 

- O VIÑO NA IDADE MEDIA


No periodo medieval, o viño non era un capricho ou unha moda refinada da nobreza – que tamén – , senón unha necesidade ante a habitual contaminación das augas de bebida por falta dun sistema de canalización e evacuación de augas suxas adecuado, polo menos no que respecta á Europa cristiá en xeral. O viño foi, tamén, esencial na medicina oficial medieval polo seu papel antiséptico e continuou sendo elemento terapéutico principal dos remedios populares, sobre todo o tinto. Basta citar a Maimónides, que recomenda, como médico persoal de Saladino, os viños de moscatel de Al-Andalus, así como viño de garnacha.
Considerado un alimento máis, a bebida máis sa e a de maior prestixio, o viño converteuse en produto comercial europeo por excelencia da Plena e Baixa Idade Media. 

- PRIMEIROS INDICIOS DA PRODUCIÓN DE VIÑO EN GALICIA EN ÉPOCA ALTOMEDIEVAL
Para o período altomedieval (s. V – X) é moi escasa a documentación en todos os aspectos, mais no que respecta ao viño podemos deducir a súa produción en Galicia dunha serie de indicios.
Un deles atópase en Gregorio de Tours, historiador cristián do s. VI, que relata, nos Milagres de San Martiño, a lenda do milagre das uvas de Galicia, ubicada nun emparrado situado ante a basílica de San Martiño, que se indentifica coa primitiva basílica onde hoxe está emprazada a catedral de Ourense. Segundo a lenda, un bufón do rei quixo burlarse da prohibición de coller as uvas sagradas desta pérgola, alongando unha man para tomar un racimo. Mentras tal facía, o brazo íaselle convertendo en parra. O rei, airado, quixo castigar ao vasalo, mais detívoo o bispo, alegando que non impuxese o seu castigo cando Deus xa o fixera. Finalmente, o bufón obtivo o perdón divino.
Por outra parte, a palabra “lobio”, que significa emparrado, conservada en topónimos galegos, coma o Lobios de Sober, é de orixe sueva, polo tanto incorporada ao noso acervo lingüístico na ápoca do reino suevo de Galicia (do 410 ao 585, continuando o reino baixo dominio visigodo ata 711).
Outro dato que apoia a hipótese da expansión do viñedo en Galicia en época sueva (s. V - VI) é que as variedades de vide galegas están relacionadas xeneticamente coa zona do Rin e co este de Europa.
No século VII está documentado o tráfico marítimo entre Galicia e Bourdeaux, zona vitícola, pero sen evidencias de comercio de viño. 
A partir de aquí, unha historia do viño en Galicia dende a Idade Media xa non se pode facer apoiándose na paleobotánica, pois no noso país non houbo tradición de aplicar as técnicas paleobotánicas máis aló da época romana.
De mediados do s. VIII, os documentos relativos ás fundacións de Odoario refiren que segundo se fundan vilas e igrexas se prantan viñedos e pomares. Estes documentos son problemáticos polas frecuentes interpolacións que sufriron, mais estes datos sobre o cultivos de vides e mazairas poden considerarse válidos, pois non habería interese ningún en falsificar tales informacións. Nesta época pódese supoñer o inicio do cultivo vitícola na Ribeira Sacra, impulsado polos bispos de Lugo, que “colonizan” esta zona.

- PRODUCIÓN SEGURA DE VIÑO EN GALICIA DENDE O S. IX E GRAN EXPANSIÓN DO VIÑEDO DENDE O S. XI

No s. IX – X a documentación constata que o viñedo está implantado en todas as zonas vitícolas de GaliciaUn exemplo é o documento da fundación de Santo Estevo de Atán, en Pantón, do ano 816, que di que cando se funda o mosteiro se plantan tamén viñas e maceiras.
Os documentos do s. X permítennos saber que hai un equilibro entre o pomar e o viñedo nas transaccións, sobresaíndo o primeiro ata mediados de século e comezando a aumentar o viñedo a finais de século ata a súa gran preponderancia no século XI. Tamén as compravendas que se pagan en especie amosan a preponderancia do viño (80% dos casos) como medio de pago, desaparecendo a sidra da documentación dende o s. XI, aínda que non as mazairas.
Así, o viño convírtese nun produto valorado comercialmente, estando na base do desenvolvemento de núcleos urbanos no s. XII.

Sempre se vinculou aos mosteiros, sobre todo aos do Císter, este impulso do cultivo do viñedo, aínda que hai que matizar isto, valorando a iniciativa do propio campesiñado na produción vitícola. Certo é que os mosteiros cobraron rendas en viño, fomentando a súa produción, tanto para usalo na Eucaristía e consumilo nos refectorios como para comerciar con el.


- O VIÑO: PRODUTO COMERCIAL GALEGO POR EXCELENCIA ENTRE OS S. XIII AO XV

Dos s. XIII ao XV intensifícase a plantación de viñedo no en todas as zonas vitícolas galegas, chegando a ser no Ribeiro case un monocultivo, onde no s. XV a vide ocupa un 80% da superficie cultivada.
A partir de 1380, pasada a peste negra, a expansión comercial galega coincide co fomento do cultivo do viñedo. Na documentación de foros e arrendamentos (datos da zona do Ribeiro) mencíonase a sutitución de soutos por viñas, aínda que é máis corrente que o viñedo gañe terras de monte e leiras de cereais, pois viñedo e o souto sempre se complementaron, con ambos produtos ben valorados, así coma polo uso das pólas de castiñeiro para a viña e da súa madeira para facer barricas.
É difícil documentar as prácticas agrícolas, pois o único recollido nas fontes documentais é o produto desas actividades; en función do valor que se lle dá a cada produto e das fincas que se venden, compran ou arrendan deducimos o “mapa” agrícola.
Tradicionalmente foi atribuído ao asentamento do Císter en Galicia, a partir de mediados do s. XII, a introdución de melloras técnicas no cultivo do viño e de novas variedades, aínda que non existe documentación para poder afirmar tais extremos; o único que podemos facer é deducir a influencia que no mundo vitícola galego puido ter Borgoña, zona produtora de viños de calidade con viticultura ben documentada dende o s. IV, coa influencia franca en Galicia dende finais do s. XI (chegada de Afonso Reimúndez e Afonso Enríquez, de monxes de Cluny e instalación de artesáns e comerciantes francos nas vilas do Camiño de Santiago). Non sen desbotar a importancia dos mosteiros – non só dos do Císter – no impulso ao cultivo do viño, o profesor Francisco Javier Pérez, na súa maxistral exposición O viño e os mosteiros do Ribeiro medieval [curso: A Cultura do Viño na Idade Media], puxo acento no saber popular en canto ao cultivo vitivinícola, documentado, como dixemos, en Galicia moito antes da expansión do Císter, legado que os mosteiros recolleron. Ademais, o profesor sinalou que no impulso comercial galego de finais do s. XIV, onde o viño ocupa un papel central, foi moito máis importante a iniciativa da burguesía cidadá cá a dos mosteiros, malia que a conservación da documentación é moi desigual e sobreabunda a dos centros monásticos sobre a dos arquivos da nobreza galega, dispersos por Castela, onde invertiron e construíron os seus pazos os nobres galegos dende o s. XIII.
Hai poucos datos sobre as especies de uva cultivadas e sobre o viño producido en Galicia. Só podemos saber que se cultivaba branco e tinto e que, no caso do Ribeiro, o branco é o máis mencionado nos documentos do s. XIV e XV.
O aprecio polos bos caldos e o xurdimento de toda unha cultura enolóxica a finais da época medieval está en relación co ascenso da burguesía e a necesidade creada de distinción das bebidas de prestixio das populares.

Nos momentos finais da Idade Media, o viño de misa, antes tinto, en clara analoxía co sangue de Cristo, cambiouse polo branco quizais por qué, como di Francisco Xabier Castro Pérez, o pobo xa aceptaba a abstracción de que o que se consagraba era sangue de Cristo e non era tan importante a color do líquido; quizais tamén porque dende o s. XIII a comuñón deixo de ser administrada aos laicos baixo as dúas especies.
Tamén a fin da Idade Media é a época de decadencia do emparrado, dos “lobios”, sustituído xeralmente polo estacado, achegando máis os acios á terra.


- O VIÑO EN GALICIA ENTRE OS S. XVI E XIX


Xa na época chamada moderna (s. XVI – XVIII), o comercio interno de viño foi importante en Galicia, sendo o mercado dos viños do Ribeiro a zona compostelá, coma na Idade Media, e para os da Ribeira Sacra Lugo, concentrándose a maior parte das ventas na época do San Froilán. 
A gradación do viño nos s. XVIII – XIX non era superior a 8%, do que se pode inferir que tamén anteriormente o viño sería igualmente frouxo; ademais, en moitos casos a uva soía misturarse con outras froitas para os caldos de consumo diario. Con todo, a bebida popular no Antigo Réxime non era o viño, produto caro, moito máis nos lugares sen produción local, senón a sidra.
O viño era valorado tamén como bebida espirituosa que axudaba a afrontar as duras tarefas campesiñas, aínda que cómpre sinalar que no caso das mulleres só era tolerado que bebesen na casa, e non habitualmente.




- CONLUSIÓNS PARA A NOSA RIBEIRA

No estado actual de coñecementos, non hai evidencias sobre a produción vitícola en Galicia en época romana. Polo tanto, o suposto consumo de viño de Amandi polos "césares" romanos só é unha lenda, xurdida dunha mala interpretación histórica.
Na chamada Ribeira Sacra podemos deducir - como para o resto de Galicia - que a vide se introduciu no s. V ou VI, estando o seu cultivo xa implantado, con seguridade, no s. IX (no 816 dátase o primeiro documento que menciona vides na zona de Lemos, no mosteiro de Atán, Pantón), e que se produxo unha gran expansión do viño, como produto comercial, dende o s. XI.
E, unha reflexión. ¿Acaso é menos digna a nosa Historia porque o Amandi non fose "viño de césares"? No viño de Amandi, no viño de toda a ribeira de Sober e das outras zonas da D. O. Ribeira Sacra, condénsase unha historia de saber agrícola e a suor de quenes con amor e esforzo sacan da terra, ano a ano, o seu zume. 
A cuestión de por qué nos interesan máis as películas de romanos cá a complexa e interesante realidade que pouco a pouco imos desentrañando - ou descubrindo, escoitando ou lendo a investigadores que xa teñen moito traballo feito sobre o tema do viño en Galicia - é outro asunto, relacionado coa mecánica de ver todo con ollos de consumidor, e será que ao consumidor lle interesa máis a Roma imperial imaxinada que unha comarca campesiña da Romania pero, como deixou dito Kant, “cómpre distinguir aquilo que ten dignidade do que só pode ter valor”. Ollo! Que non houbese viño na época romana na chamada Ribeira Sacra non quere dicir que non fose importante nesta zona o proceso de Romanización, con múltiples vilas romanas, castros romanizados e asentamentos tan importantes coma Castillón, Proendos ou San Vicente.


O viño foi sempre símbolo de civilización en distintos sentidos: para Roma beber viño era o civilizado, fronte ás outras bebidas fermentadas dos “bárbaros”, era o sangue de Cristo, usado para a Comuñón, beber viño de calidade era símbolo de distinción da burguesía ascendente tardomedieval, foi considerado sangue da terra dende antes do Cristianismo, e así os nacionalismos da “primavera dos pobos”, na Europa decimonónica, consideraron o viño un dos elementos máis representativos dun país…


Hoxe, na Ribeira Sacra, o viño é goce de vivir, gusto pola calidade e valor comercial, sangue da nosa ribeira empenzoñada de velenos das empresas que nos colonizan que apaga as penas desta terra na periferia do primeiro mundo.



- FONTE 

* Texto elaborado sobre as notas das conferencias de Pablo Ramil Rego, Anselmo López Carreira, Francisco Javier Pérez e F. Xabier Castro Pérez nos cursos citados arriba.

31 oct 2010

Monstruación (sic) e outros asuntos non só "de mulleres"


A regla, o periodo, “flo” – nas series americanas pijas –, a mestruación, o “tomate” , lonxe de ser “cosa de chicas” é un tema ao que podemos reservar un instante no debate público, aínda que sexa no pequeno espazo deste humilde blog irmandiño. Primeiro, pola obviedade de que sen ela non existiría a concepción, polo tanto todas e todos nós; segundo, porque nas nosas sociedades pretendidamente asépticas implica, xeralmente, unha pegada ecolóxica importante (tóxicos no proceso de fabricación de apósitos, sobreempaquetado, residuos…) sobre a que cómpre reflexionar nesta era da fin do petróleo, e así o imos facer dende o nivel usuario nestes temas.

O capitalismo medicalizou a vida das mulleres dende a menarquía ata a menopausia, vendo neste eido un gran filón de mercado nos mil e un produtos especificamente femininos, moitos deles inútiles e algúns, mesmo, nocivos. Hoxe en día, por exemplo, é habitual que unha consulta de xinecoloxía comece así –nótese a diglosia–:

- ¿Te gustaría tomar la píldora?

Non son quen de menosprezar o avance que supuxo a píldora anticonceptiva nos anos 60, cando comezou a súa comercialización, no que respeita a permitir que moitas mulleres poidesen planificar a súa vida reprodutiva mais, hoxe, os anticonceptivos orais – e os novos produtos hormonais tipo parches e esas cousa – son un ben de consumo máis que o mercado trata de vender – ao fin, esa é a súa lóxica – sen preocuparse porque as mulleres reflexionemos sobre cando e en que medida os necesitamos. Respetando a opción de cada muller, e tendo en conta que estes produtos tamén se utilizan no tratamento de enfermidades, pregúntome – pregúntolle ás numerosas mulleres casadas de mediana idade que teño escoitado na sala de espera do Centro de Planificación Familiar de Monforte –:

¿Dende unha postura anticapitalista, ecoloxista e antipatriarcal é coherente tomar un cóctel hormonal diario, que agrava o risco de afeccións cardiovasculares e que pode reducir o desexo sexual feminino tendo como única vantaxe que o “teu” home se poida correr a gusto sen condón? ¿É esta a emancipación feminina, tomar a píldora porque “ao meu marido non lle gustan os preservativos”, glorificar a penetración como única fonte de placer sexual?

Xa digo: non critico a elección das mulleres, senón a elección condicionada por prexuizos machistas e non polo benestar propio da muller.

Neste contexto tamén se insire a obsesión - non sei se chamarlle postmoderna - pola asepsia, cuxo máximo expoñente é o marabilloso mundo dos anuncios de compresas, onde a regla non doe e as mulleres menstruantes somos como a auga: inodoras, insípidas, incoloras e, de paso, con poucas luces. Os produtos ao redor da menstruación que buscan, non só a comodidade da muller, senón tamén a pulcritude e a ocultación do feito de menstruar, son moi variados e cunha grande pegada ecolóxica: compresas dos máis diversos formatos fabricadas con plásticos, tampóns que foron decolorados con dioxinas ou pastillas para a dor, inevitábeis en moitos casos, mais que noutros son tan efectivas coma aplicar calor no ventre e unha infusión de albahaca. Tamén podemos ser ecoloxistas e feministas, e polo tanto anticapitalistas, na xestión da nosa menstruación, probando as opcións naturais para a dor e recollida do fluxo menstrual: copas menstruais, compresas feitas sen produtos tóxicos, compresas de algodón feitas na casa, infusións de herbas medicinais, calor… Certo que, nesta andaina, as mulleres traballadoras son, coma sempre, as máis desfavorecidas no acceso a estas solucións, pola falta de tempo que impón a xornada laboral neste mundo produtivista. Mais, o natural tamén ofrece vantaxes individuais para todas, alén das innegábeis vantaxes colectivas, coma o aforro – no caso de escoller as copas menstruais, por exemplo – e a eliminación de elementos tóxicos dos nosos corpos.

Cada vez que sangremos – sí, dixen sangue e non morreu ningún gatito – temos unha oportunidade para poñer paus nas rodas do sistema que nos soe reservar a peor parte ás mulleres.

* O título do artigo está tomado do blog http://monstruacion.blogspot.com/
* Máis información: nº 18 – Revista de consumo Options (cat), aquí.

7 ago 2010

Iº ENCONTRO DE VERÁN DO EI

Introdución ao Encontro de Verán do EI en Sober.


Este foi o texto intrudutorio á conferencia de Beiras sobre a crise que tivo lugar en Sober - que comeza a respirar tras calcinarse lentamente durante dous días por  "lume forestal" "- o pasado 7 de agosto, e que non puido ser lido por falta de tempo, mais, como dixemos alí, colgámolo aquí, reiterando tanto o agradecemento ás persoas asistentes coma o convite a participar na III Asemblea Nacional do EI.


Tendo en conta que isto é un acto político, que nos atopamos en pleno verán e hai mil festas por toda a parte, podemos considerar que estamos hoxe aquí moita xente en Sober participando do acto central do I Encontro de Verán do Encontro Irmandiño, xente que seguramente acudistes por vir escoitar a Beiras, pero non só, ou iso agardamos, senon tamén para informarvos sobre as orixes, manifestacións e posíbeis alternativas a esta crise que vivimos.

Haberá quen pense que a atracción que exerce o irmán Xosé Manuel é suficiente para mover montes de xente polo país adiante, mais todo indica que, ademais do factor Beiras, hai algo no ambiente que fixo que centos de persoas ateigasen as charlas sobre a crise de Bueu, Caldas, Vigo… Sober. Que é iso que está “blowing in the wind”? Pois que as xentes do común xa ventan a que se lles vai caer enriba, a que xa está caendo, algo que as mentes lúcidas xa levan anos advertindo, tamén aquí, na Galiza, como, por exemplo, Xosé Manuel Beiras no debate do Estado da Nación titulado Quince Anos Perdidos, da lexislatura 2003-2004, ou no discurso do Día da Patria de 2000, hai case exactamente dez anos, discurso que lembrou o compañeiro Antom nun artigo publicado no blog revoltairmandinha que recomendamos, por certo, e que dicía, en parte:

"A sociedade actual abandonase, deixa que lle dicten a súa conducta, baleirase progresivamente do seu contido. O seu rasgo dominante é a pasividade. Pasividade dos dirixentes políticos, que cederon o seu poder aos verdadeiros dirixentes do mundo: os grandes fondos de pensións, os especuladores e os técnicos da cousa pública. Pasividade da sociedade civil, que asume a idea de progreso, mais atura o rol subalterno que o poder lle atribue. Pasividade da opinión pública, en gran parte manipulada polas enquisas e os acontecementos falsificados. Pasividade dos individuos, cada vez máis afastados uns dos outros, atomizados nun contexto sen contornos, e sen outra perspectiva que tentar asegurar un nivel de vida ".
"Está a instalarse un modelo de sociedade que barre ao seu paso aquelo que constituía o fundamento democrático dos nosos vellos países: o control cidadán das decisións políticas, control que se esvaece ao passo que se eslúen as diferenzas entre conservadores e progresistas. Esbarrullase un mundo sen que as xentes o decidan. Emergulla outro mundo sen que as xentes o discutan. Nom é o final da Historia, pero semella ser o final da Política".

A isto engadídelle a terríbel crise ambiental e alimentaria e conviremos que, en comparación co explosivo da situación, somos ben pouca xente aquí. Debían rebentar este e os edificios oficiais todos, deberían estar xa as rúas ateigadas cada día e non porque gañase “la roja”, precisamente. Mais, aínda que a Casa da Cultura de Sober non rebente, é certo que somos moitos hoxe aquí. A boa acollida que neste momento teñen este tipo de actos do Encontro Irmandiño parecen darnos pistas sobre por onde deben ir as alternativas a esta crise. Así, poida que para acadar esa “masa crítica” que esborralle o círculo de morte no que o sistema-mundo anda metido non vallan as consignas nin os actos públicos electoralistas cortados polo mesmo patrón; non sirva entender o corpo social coma quen resolve un problema de matemáticas; non sexan suficientes as condicións obxectivas para tronzar o modelo socio-económico e, en cambio, sí precisemos da toma de conciencia por parte do pobo - coma nós, que vimos hoxe aquí a tomar conciencia do que nos sucede -, da iniciativa persoal inserida na organización colectiva consciente e, tamén, por suposto, das grandes personaxes que saben observar a Historia coma dende un alto. 

O propósito fundamental deste tipo de actos é achegar unha explicación sobre a crise ás xentes do común, de irmáns á irmás e viceversa, nun diálogo entre iguais, pois non só chega coa prédica dos expertos – moito menos dos que cren selo porque os chaman para falar en Intereconomía TV –, que é fundamental tamén coñecer as impresións que tén a propia clase operaria, as labregas, os mariñeiros, sobor do sistema que os esgana. Se Beiras cae tan “simpático” no sentido etimolóxico do termo, do grego  συν- e πάσχω, padeder con – , agora coma hai vinte ou dez anos, non é por ser un inteletual brillante, que tamén, senon por comprender os padecementos da xente galega, por conectar coas súas arelas de xustiza - como di a compañeira Emma -, por explicar coas palabras do pobo o encerello das finanzas mundiais, o engano da moeda común europea, a crise da hexemonía estadounidense, a erosión do Estado do Benestar… E, sobre todo, pola coherencia que sempre demostrou entre o discurso e a praxe. Dicía tamén Beiras naquel día da patria que hoxe semella tan lonxano:

"a praxe nom é a simple prática, senón a combinación do discurso e máis a prática, do pensamento e máis da acción: o pensamento modela as pautas da acción, e a acción remodela o pensamento. O pensamento político tradúcese en proxecto, e o proxecto esprésase en discurso"

Cando Beiras falaba de Diz Goebbels ou sacaba o zapato no Parlamento sintonizaba cos sectores populares deste país - como sempre recorda - porque iso se correspondía cun exercicio diario de estar coa xente máis castigada e porque o nacionalismo tiña un proxecto de emancipación para a nación galega.

Falando de proxecto, o Encontro Irmandiño está metido de cheo no proceso da súa III Asemblea Nacional, que se desenvolve en dialogo aberto coa cidadanía, contribuíndo a suscitar un debate nacional sobre as alternativas á crise e ao desmantelamento e destrución de Galiza a mans da “panda” do Feijóo ou Fabiñas, como lle chama a xente por aquí.

Animámosvos a participar nesta Asemblea, acudindo ás xuntanzas comarcais que o EI está a celebrar por todo o país e inscribíndovos directamente na web do Encontro Irmandiño.

Cremos que é precisa esta profunda reflexión da esquerda galega que xa iniciamos na Rolda de Rebeldía. Non se trata de guerras internas de “los del Bloque” – que ademais o proceso excede os límites do nacionalismo organizado –, nin de ensimesmarse nin de abrirse á sociedade. Trátase de ser sociedade, de exercer de cidadáns e cidadás, no sentido republicano, e de forzar a conciencia crítica do noso pobo, que non pode ninguén negar a capacidade das xentes do común para enfrontar este repto, malia aceptando a actuación dos mecanismos coloniais e alienantes de distinto signo que difunden os “falsimedia” e demais aparatos: todas e todos temos na nosa man rematar “con esta vergonza”, e non por ser demasiado pobre ou demasiado iletrado, ou demasiado vella ou demasiado novo deixamos de ter algo que aportar. Por iso, durante o proceso de celebración da III Asemblea Nacional do EI recolleranse e debatiranse as distintas opinións que aportedes sobre a situación política do noso país e do nacionalismo e sobre o modelo organizativo do que debemos dotármonos. Será un debate entre irmáns e irmás, porque o proxecto común para a emancipación do noso pobo ten que ser iso, común, contruído tras a reflexión profunda nun diálogo fraterno de todas as voces que aspiramos a camiñar “do Courel a Compostela por terras liberadas”.

Diálogo fraterno e posta en común de ideas é o que imos facer hoxe, pois esta non vai ser unha mera prédica, senon un coloquio no que agardemos que participedes*.

ENCONTRO IRMANDIÑO - SOBER

* Nefeito, mantívose un animado diálogo co público, que colgaremos proximamente xunto coa conferencia de Xosé Manuel Beiras.