16 nov 2011

O valor do viño, que non o prezo...

O viño da nosa ribeira poderá ter prezo, máis caro ou barateiro, e levar etiquetas de deseño e gañar concursos, pero o seu valor, o da historia que hai por tras, é incalculable. Así se desprende do que nos contou desenfadadamente o Pepe Verao do Outeiro, o 7 de novembro pasado, nunha entrevista que lle fixemos dende O Colado do Vento para un proxecto de recollida de prácticas agrícolas tradicionais na DO Ribeira Sacra. Estes son só algúns fragmentos. [A foto é do ano 1987, tirada por Xesús Verao, acompañado do propio Pepe].

A construción do encoro cambiou a paisaxe, a auga anegou “as mellores terras”. Antes de ser construído o encoro, na viña da Cividade, “cando era chaval, que iba con meu pai, cando o río crecía inda chegaba ás cepas, inda chegaba a algunhas cepas”. “E volvíanse descubrir e quedaban escarabelladas das aguas. E resulta que alí, aquela viña, foi mui boa. E despois alí había cepas, abaixo, donde cubriu a agua.” Antes subíanse “ó cima”, “ahora temos barca, e van alí ós Chancís”.
“Desde o fondo da viña ó cima había unha pousa – así se chama cando se pousa o cesto – e aquelo era temible, eu non sei como eu estou vivo co que anduven alí naquela viña.” “Era unha rega, unha rega lle chamamos, había moita pedra”. 
 
“Elí había moita mencía”. “Hainas aínda das d’antes”. “Tamén hai albarello, xa o había antes”. “Había mouratón, agora alí non hai”. “Había unha que será blanco lexítimo, porque é ela a uva branca, pero é un pouco longo o bago”. “Había algunha cepa do miudiño que lle chamaban produto”.


“Elí mira que había cepas – esas están atuadas abaixo, onde colleu o embalse – e un ano levamos á arca catorce cestos de dúas cepas”. Estaban “estendidas polas pedras”, “unhas penas grandísimas, todas cheas de varas”. “Eran brancas, desas que lle chaman palomino”. “Lloutra era dunha clas boa, que nos quedamos sin ela, de blanca, sería blanco lexítimo”. Alí hai unha cepa, a única que queda da ribeira, desa variedade. Recuperámola “eiquí nesta ribeira, baixando polos Hortos, en Lobeiras”.
 
“Había que ir andando (á Cividade). Durmín moitas veces alí, e andar de noite cun farol”. “Empezaban (a vendimar) ó ser día, e sólo botaban tres viaxes deica a medodía”, “despois non se paraba na viña”. “Naquela viña, deica cerca das doce, non dá o sol, na rega aquela”.


“Alí o camiño (para subir) era moi malo”. “E, eu que sei, empezabas a subir, e subir, e subir, e subir e con aquil ánimo de subir as uvas botábanse tres viaxes nunha mañá”. “En todo o día, eu teño botado oito viaxes”. “Andabas de noite, tamén, co candil, cunha mau no cesto lloutra no candil e subindo”. “Cada viaxe un solo cesto”. “Levaba un cesto a unha pousa arriba e volvía por outro. Despois levaba aquelo máis arriba e así iba subindo”. “Aquelo era unha esclavitú, non sei como estou vivo”.

31 oct 2011

A partires do un de novembro...


Dixo un señor con pinta de Amancio Prada que veu isoutro día visitar as igrexas románicas de Sober que cando el era novo, aquí en Sober, había a norma consuetudinaria de que a partires do 1 de novembro todos os froitos que quedaran no chao - nomeadamente castañas - era de dominio público (sic), que calquera persoa podía apañalas en calquera lugar, fose o tipo de propiedade que fose.
Xa non se estila por acó esa especie de fosilización de dereitos medievais - para que digan logo da Idade Media - sobre o uso da produción agrícola, dereitos que conviñan aos segmentos máis míseros da poboación e que se foron extinguindo coa introdución da capitalización no agro, en cada país ao seu ritmo, e así dende a época das enclosures, que non só son físicas, senón mentais, que iso é o carallo, as enclosures mentais.
Comeza mañá, logo, o tempo do glanage, e non vos poden dicir nada por ir apañar os marmelos que aínda resistiran a podremia ou as castañas e carrolas que aínda queden.
Levade cesta, que, parece mentira, pero hai moito castiñeiro sen atender.


3 oct 2011

Viaxe á outra beira do "país ribeirao".

Vista do Sil dende o miradoiro de Cabezoás, Parada de Sil.
Un domingo post-vendimas, co corpo aínda delorido, marchamos algunha xentiña de Sober - e arredores - de visita á outra beira do país ribeirao: as terras de Parada de Sil.

Canón do río Mao.
Sabida é a unidade paisaxística e histórico-cultural que conforman ambas marxes do canón do Sil, por iso nos sentimos coma na casa, pero iso non quita que haxa algunha que outra diferencia. A fundamental radica na distinta orientación das ladeiras: cara o sul, no caso da limesa (=de Lemos), cara o norte a da beira caldelá (=de Caldelas). Esto orixina unha vexetación mediterránea e un cultivo intensivo da terra dende antigo, do noso lado, coa omnipresente paisaxe de viñedo asocalcado, e unha vexetación fraguiza no caso ourensano, que alterna cos viñedos nas ladeiras orientadas meridionalmente. Deste xeito, desplazarse por Parada foi un permanente deambular por paraxes á sombra, entre soutos, e por lugares onde o sol picaba de máis. Pero esta simplificación oculta a gran diversidade de medios e paisaxes da vertende caldelá, coma o impresionante canón do Mao, un micromundo singular dentro da unidade ribeirá.

No aspecto etnográfico, achámonos no que poderiamos chamar o "triángulo dos oficios tradicionais" pois, se de Parada saían os barquilleiros e de Nogueira de Ramuín os afiadores, de Sober exportabamos augardenteiros - ou alambiqueiros - por Galiza adiante.

Historicamente sempre estivemos vencellados os dous lados do Sil, pois os grandes mosteiros do lado ourensán ben que aforaron terras do lado soberino, cando o río corría e o surcaban as barcas, que se mantiveron ata que o encoro veu a asulagar as mellores terras a prezos irrisorios para surtir de luz a outros lugares. Así, veu o "progreso" e rompeu o mundo de relacións económicas "pre-capitalistas" que enlazaban ambas marxes e a xente comezou a emigrar en masa. O país ribeirao despoboouse dende os anos 60, cun brutal acelerón nos 80, coa entrada no Mercado Común Europeo, e parece que da outra beira a despoboación foi maior, o que coincide coa menor incidencia do feísmo cá en Sober - ou é que a nós nolo pareceu -.
Casa Rectoral da igrexa de Parada de Sil.

Comezamos a excursión - organizada pola asociación O Colado do Vento - cun paseo dende a fábrica de luz do río Mao ao lugar de Barxacova, por pasarelas de madeira que permiten camiñar polas empinadísimas vertentes do Mao.
Camiño a Barxacova polas pasarelas do Mao.
Fomos logo ao miradoiro de Cabezoás, cunha panorámica privilexiada do enorme bloque granítico das terras de Bolmente, onde nos dimos conta da rotundidade que realmente ten o canón.

A ribeira de Bolmente vista dende Cabezoás.

Despois dun xantar en Parada visitamos o mosteiro de Santa Cristina, lugar acaído onde deter o tempo e esquecer os quefaceres cotiáns, ao que pertenceron a vila de Pinol e a igrexa de Bolmente, do noso lado, o que testemuña a unidade histórica dos nosos territorios. Dende alí vimos a ribeira de Bolmente e lembramos cando a mocedá dalí cruzaba o río en Barca para vir ás festas de Cadeiras e a de aquí facía outro tanto para ir xantar ao San Bieito a Parada.

A luz entrando na igrexa do mosteiro de Santa Cristina.
Escultura popular de San Bieito "no castiñeiro".
"San Benito Glorioso te Pedimos Por esta tu bendita imagen no Castiñeiro Cures os nosos males si nos Comben E Guianos Por bo Sendeiro. Padre Nuestro".
Igrexa do mosteiro de Santa Cristina do Sil.

Achegámonos logo ao miradoiro dos Torgás, visita obrigada para a xente de Sober, onde mirar de fronte o monte de Cadeiras, con toda a ribeira de Santiorxo ao oeste e o mundo de Chanteiro ao leste. Estamos no punto onde comeza o mundo granítico do canón, cara occidente, e onde as formas se suavizan e se abren, cara oriente, por mor da presenza de rochas pizarrosas máis brandas.

Xa na tardiña, achegámonos ao pobo de San Lourenzo, por carreteras imposíbeis, para ir ver a recén descuberta necrópole de San Vítor.

Necrópole de San Vítor de Barxacova.

Unha agradábel xornada no lugar dos topónimos que enchen a boca: Cristosende, Barxacova, Sacardebois, Purdeus Rabacallos, Lumeares... Nomes que son antídoto contra a desmemoria.


20 sept 2011

Recolleita improvisada de variantes dialectais e outros saberes (en Bolmente).

A ribeira de Bolmente retratada polo Alfonso de Francos.

Bolmente é unha parroquia xenuinamente ribeirá de Sober que linda con Barantes, Figueiroá e San Martiño de Anllo e, polo sul, co río Sil, nunha das zonas máis escarpadas do canón, onde as formas graníticas semellan cortadas a machado. 

Desas ribeiras, sulcadas de camiños, os "bonimentinos" - xa que se soe dicir que o nome de Bolmente prodecede do antropónimo latino Bonimentius - expurgaron os recursos ao máximo: leña, mel, pesca, viño ou pedras para as moas dos muíños, ao tempo que nas zonas máis chas da parroquia pacían as vacas e medraba o pan. 

Debe ser boa terra Bolmente, pois ben que duran as súas xentes, coma o meu bisavó, o Ci do Outeiro, que era ben pequeno pero tiña a forza de tres homes, o que fai pensar que por iso lle chamasen o Ci (de Cid), pero non: o Ci chamábanllo por mor dun defecto da fala que o facía cecear.  

O Verao do Outeiro.
Pero eu ao Ci non tiven o gusto de coñecelo, malia que case vive cen anos, e non puiden recoller del palabras do galego destas ribeiras, máis que as que me poidera legar o seu fillo, o Pepe do Outeiro, o Verao orixinal: tes porros (=larafuzas), non delubes os ollos, vou ir ao monte por un si-señor-non-señor (= un pau)... Neste caso, as palabras bonimentinas ofrecéunolas, sen querelo, a María do Taro, que naceu "no ano 20", como di toda orgullosa, e case nunca foi "aos médicos". Sentada coas ovellas unha tarde de fins de agosto contounos que moitas veces tiña ido ela apañar leña cara a Pena do Don Pedro, onde ían moitas veces o Demetrio e o Manolo aos polos da aghie (=aguia). Alá ía ela axudarlle ao Sindo do Taro, que mentras el apañaba e xuntaba ela o que facía era feixar (=xuntar a leña en mañizos). Logo, os dous traballaban na inchaia (=encher o carro, cos mañizos de leña, neste caso).

Díxonos tamén a María que cara a Pena de Don Pedro estaba a Fonte do Ledo e que para acceder á Casiña dos Ladrós se ía por un camiño dende o Colado das Pesqueiras, pero que hoxe estará todo tapado.

A Pena do Don Pedro.
A María do Taro non fala con gheada, só pronuncia algunhas palabras con ela, e din que esta variante dialectal ten presenza aquí en Sober, nas parroquias de Anllo e Bolmente, por mor da influencia dos numerosos homes destas terras que ían á estila (=destilar o bagazo para facer augardente) cara Pontevedra ou á Costa da Morte. E pola influencia das mulleres que casaron con moitos deles e viñeron vivir aquí, engadiría eu.

A María do Taro só nos ofreceu dúas peras da pereira que hai no lameiro onde saca as ovellas a pacer porque seica aínda lles faltaba unha semana para estar no chete (=no punto), así que fomos para a casa coa promesa - incumprida aínda - de volver un día destes.