28 may 2014

Bomb Art: comentario persoal


* Tal vez teña algo de posmodernidade o feito de comentar ás presas unha obra de arte no sentido de amosar que asimilamos as características da arte posmoderna para así obter a confirmación administrativa de que realizamos un cursiño universitario. Trataremos de axustarnos ao formato pedido e de elaborar un relato propio a partir da obra, algo, precisamente, moi posmoderno.


Bomb Art (2011)
Michelin Rodríguez (Venezuela, 1982)
Técnica mixta: acrílico / spray sobre madeira / stencil
Dimensións: 110 cm x 80 cm

A obra Bomb Art – que forma parte da serie Street Decó 2011-2012 – preséntanos unha serie de 6 retratos idénticos dun neno ataviado con pano “palestino”, realizados en negro e outra cor (diferente en cada un dos retratos) sobre fondos planos de cor intensa. A obra está realizada sobre madeira con técnica mixta, que inclúe acrílico, spray e stencil.

O autor, Michelin Rodríguez, mozo artista venezolano afincado en Monforte de Lemos, adícase á pintura e ao deseño, con obras pictóricas e obra urbana inserida no post-graffitti.

Entre os elementos da posmodernidade artística que podemos achar na obra citada está a seriación, as citas autorreferenciais da propia arte - neste obra, á arte pop e ao post-graffiti -, a reflexión política, o discurso sobre a identidade latinoamericana, a ironía e o o paradoxo – neste caso, o contraste entre a realidade brutal da guerra e o colorido da pintura -, ou na hibridación de materiais – aquí mixtura de stencil con materiais propios do graffitti -. A obra de Michelin Rodríguez non asume, iso si, a fragmentación da sociedade ou a falta de compromiso propia de certa posmodernidade.

Nesta obra, Michelin ascolle tema e estética populares nun formato sinxelo e apreciable polo espectador medio. Máis que só arte política, poderíamos mesmo falar de arte activista – xurdido nos 80' – que busca a implicación do espectador; ademais, Michelin usa nesta obra elementos populares identificables e está realizado con medios técnicos baratos, introducindo o paradoxo – moi posmoderno – do contraste entre materiais pobres e vontade de obra de arte perdurable e de temática universal.
Precisamente, as obras de Michelin desdebuxan a oposición arte inferior - arte superior, mixturando temáticas “cultas” con técnicas da arte de rúa, con eclecticismo e citas da propia arte, como se reflexa na obra comentada, cita de Andy Warhol e cunha pose da personaxe moi similar ás de Bansky, artista ao que cita noutras obras Michelin Rodriguez.

O paradoxo, a “revolución bonita”, o xesto de carraxe dun neno (cun fondo de tristura) feito arte pop; un xogo de contrastes intencionado, unha reflexión sobre a violencia. O autor, de Venezuela, coñece a realidade social latinoamericana das últimas décadas que está no trasfondo do cadro, e por iso quizais está nesta obra a reflexión crítica sobre a exaltación da violencia revolucionaria – plasmada na elección dun neno como suxeito revolucionario - , ou o tema da necesidade imperiosa da revolución ante a situación social pero que non esquece as sombras daquela, tema este que poderíamos decir que nace coa arte moderna (a dos “modernos”), cando a pintura da época napoleónica retrata o lado de morte e destrución das glorias imperiais francesas ou cando Goya relata nos seus gravados os “soños da razón”. Pódese apreciar tamén unha certa reflexión sobre a identidade, sobre o arquetipo de latinoamericano revolucionario post-levantamento zapatista. E mesmo unha chamada de atención sobre a realidade da pobreza latinoamericana, uns ollos que “acusan” a espectadores dunha Europa que sigue a senda do empobrecemento da maioría social; uns ollos dun neno latinoamericano que provocan unha identificación cas nenas e nenos empobrecidos de Europa precisamente nun ano, o 2011, de explosión de contestación social (revoltas árabes, 15M...) ante a crise económica global.

A intervención urbana a modo do post-graffiti é un formato moi querido polo artista, que busca remover as conciencias das persoas espectadoras, aspecto este que impregna a maioría das súas obras, coma esta, inserida na serie Street Decó 2011-2012, que é un conxunto de fogonazos, de chamadas de atención sobre a realidade. Mesmo o tema da obra e o estilo de pintar son similares ás intervencións urbanas de Michelin Rodríguez.

Arte crítica, decididamente política - no caso desta obra, sen sutileza algunha -, que busca a implicación da persoa que contempla, nun contexto dunha cidade en crise permanente – o Monforte en decadencia na Galicia interior – pero con certa apatía social.

Un artista que se vincula máis ao entorno social que aos circuitos artísticos – moito menos aos elitistas -, e que asume temáticas combativas e que animan á reflexión persoal: o ecoloxismo, o antibelicismo, a crítica á deshumanización das sociedades de consumo, a desolación que produce a pobreza... todas na estela da arte política posmoderna.

24 may 2014

Algún día seremos grandes



Algún día seremos grandes.
Cando non rabiches por se visto camisola verde ou violeta e te preocupes só porque a leve, para que non pase frío e poida saír a xogar, seremos grandes.
Pensa no que che digo, porque só cando sexamos grandes nos deixarán ir ao cinema entre semana ou deixar as rodas da bici no asfalto.
Non é que vaia ser sinxelo, pois xa ninguén nos dirá se nos pasamos co azucre no iogur, nin nos lembrará da mantiña para os pés da cama. Pero seremos grandes e saberemos que alá cada quen, que a liberdade é o maior ben do ser humano.
Cando sexamos grandes rememoraremos con querencia a nosa nenez nas tardes morriñentas do outono, pero iso será só porque esquezamos o que doe ir quedando sen avoas ou que che pisen un pé os nenos abusóns da clase.
E, si, seguiremos pasando os domingos de inverno ao redor do lume argallando castelos de papel no aire, pero seremos grandes, que carai, seremos grandes.
Algún día seremos grandes.

* A foto é: Nenos, niños e ovos, de Xosé Castro (1962), e está collida dun artigo de Margarita Ledo Andión (aquí).

1 abr 2014

Territorios estraños, a voz lírica-lúdica-libre do Sandoval da Riba

[Presentación de Territorios estraños (2013), de Ramón Sandoval en Sober. Os entrecomiñados son tirados da obra.]

Nos anos 90, dicir Sandoval naquel Sober en decadencia demográfica e social era case falar dun mito: o Sandoval do fútbol, o carteiro rockeiro, un poeta!

Personaxe mítica o Sandoval, o da melena negra albortorada, como míticos son os micro-mundos que recrea nas súas pezas literarias, nas que unha cantina de Viloriz pode ser un antro máis glamuroso que calquera pub londinense, onde a serie “CSI Las Vegas” está a altura intelectual de Bertol Brecht ou o “polígono de Monforte de Lemos” ten o encanto sensual dos moteis de carretera estadounidenses.

A poesía do Sandoval vén coma dunha ponla perdida da cultura da Movida dos 80 – a de verdade, non á edulcorada da progresía -; sabe a whiskie (“de garrafón”) apurado en tascas de madrugada, cun lonxano eco das carpazas da ribeira da Somoza e do Castriño; cheira a borralla de cinseiro (“de cigarros negros”) en habitacións de libros apilados e álbums de clásicos do rock confundidos co “póster do Che”.

A poesía do Sandoval sona a música (dos Stone, de Manolo Tena...), porque poesía e música van moi parellas na obra do da Arriba, que mesmo parece estar escribindo a priori letras de cancións, cal troveiro medieval compoñendo pezas para que sexan cantadas por quen saiba e que así, pasadas polo filtro da arte musical, sexan outro medio de chegar á amada, obxecto principal da súa obra. 

A poesía do Sandoval é coma un “esconxuro”, coma un bálsamo para as cicatrices, eses “costuróns sobre a pel gastada” de tanto dar “rodeos sen atopar nada” ata que se adquire un “pasaporte para viaxar á república da utopía”.

Territorios estraños é un poemario lírico-lúdico-libre de lectura fluída coma auga (ou “ron que sabe a ti”). De poemas de redondo e pulido acabado distribuídos en tres partes: “Interferencias” - tristura, dor, desubicación, búsqueda -, “De amores e ausencias” - a luz, o amor, o acougo e o desacougo pola ausencia, o desexo desinhibido, a esperanza, “mochilas de esperanza” - e “Principios de incerteza” - o fantástico cotián -. Un poemario de realismo máxico e oníricos escenarios. Poemas de amor, pero tamén da crise - poeta en crise permanente, “coas alforxas baleiras” -; poeta da dor de estar vivo, da dor de ter nacido e sobrevivir nun mundo alleo aos ritmos das persoas tímidas e sensibles (que se sinten “outsiders” e ás que lles “medra o desarraigo polo carné de identidade”); poemas da realidade gris confrontada coa molicie do amor desexado e correspondido e coa vontade de gozar da vida “sen doparse”; poemas no que o universo cultural é un todo, dende Cortázar ata o “león da Metro”; poeta das pequenas cousas que se convirten en mundos completos.

A poesía do Sandoval é unha revolta libertaria que comezará na Arriba e inundará o mundo todo de mazairas en flor, coma as da parroquia de Barantes, patria indiscutible do espírito de raposo que mora na alma libérrima do Sandoval e que, de vez en cando, lle dicta poemas. Ben seguro que o Eladio da Riba ía fachendear de neto.

25 de marzo de 2014
Paula

19 ene 2014

Feministas de Europa, unídevos!

* Publicado en A Comuna o 20 de novembro de 2013.



Un estudo revelaba hai días que o 60% das mozas reciben insultos e ameazas machistas de parellas e amigos no teléfono móbil e que unha parte delas considera que certo "control" é "normal" e síntoma de preocupación e amor.

Así estamos no quinto ano da crise global: coa violencia que non para - diminúen as denuncias, aumentan as agresións -, no seo dun sistema que ten a violencia como garante da súa continuidade: a violencia dos despexos de vivendas, a represión dos movementos sociais, a violencia de cobrar 500 €... así como unha omnipresente cultura audiovisual que presenta modelos de muller á medida dos estereotipos patriarcais. Terreo abonado para que unha moza de 14 anos pense que se un rapaz se pon algo violento é porque a quere, primeiro paso para chegar ás agresións e asasinatos machistas entre adolescentes que nos golpearon este ano.

Non podemos rematar coa lacra social do terrorismo machista que mata máis mulleres que calquera outra causa se non imos ás raiceiras fondas onde esta se xesta: un sistema económico que nos relega ás mulleres a unha posición subordinada, unha cultura que nos convirte en posesións e obxectos.

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, pídennos as camaradas de alén Miño un artigo para a fantástica revista A Comuna e nós imos enviar un S. O. S., unha mesaxe de socorro pola situación de acoso que vivimos as mulleres na Galiza e no Estado Español, onde se conxugan varias ameazas que nos esmagan: os recortes aos servizos sociais públicos, que afectan dobremente ás mulleres – ao asumir estas maioritariamente os coidados -, a chapoda das políticas de Igualdade e das axudas ás vítimas de violencia, o anuncio dunha regresiva lei do aborto, unha lei de Educación antidemocrática...

De certo que, infelizmente, esta mesma guerra contra as mulleres a estades a sufrir en Portugal, coma en toda a Europa da troika, pois, a crise – ou, por mellor dicir, estafa – serviu como coartada para re-situarnos ás mulleres con máis crudeza no papel que o sistema capitalista nos reserva: a reprodución da forza de traballo e a carga sobre nós do mantemento e coidado das masas proletarias, suplindo co noso esforzo os dereitos que o estado social en retirada abandona. Así, é sobre as mulleres sobre as que recae o maior peso da atención a persoas dependentes, as que suplen o recorte nos comedores escolares, as que asumen os coidados a persoas enfermas ás que os inmorais recortes sanitarios deixan na estacada –  na Galiza estase a desmantelar a Sanidade pública –, o que se vén a unir ás tarefas do fogar e ao coidado de nenos e nenas, que seguen a ser ocupacións maioritariamente femininas.

Por iso, ás feministas europeas non nos queda outra que unírmonos contra esta ofensiva patriarcal, que é global, mais que adopta formas comúns e específicas no noso continente. Por iso, a esquerda europea – e con máis razón a dos estados do sul, a quen a arquitectura infernal do euro nos ten reservado o papel de periferia – debemos aproveitar as eleccións ao Parlamento Europeo do ano que vén para que, polo menos, sirvan de altavoz da situación que vivimos as mulleres  - e o colectivo LGTB –: un retroceso brutal en condicións de vida, en dereitos e liberdades en todo o continente.

Os comicios europeos de 2014 deben poñer na axenda política aquelo do que sempre se fala en segundo lugar, aínda que afecte á metade da humanidade: as macro-redes de tráfico de persoas e prostitución forzada, o terrorismo machista, a pobreza que afecta en maior grao á poboación feminina europea (un 25% das mulleres da UE-28 atópanse en risco de exclusión social), as redes de pederastia e Europa como punto de onde sae o turismo sexual, a inferior taxa de actividade, inferior remuneración laboral e maior temporalidade (32% de taxa de emprego parcial nas mulleres fronte ao 9% dos homes), o traballo feminino precarizado e na economía sumerxida, a exclusión social das mulleres discapacitadas e das mulleres anciás na envellecida Europa, os infernos da anorexia e a bulimia inducidos pola "cultura" dos grandes medios, os atentados plásticos contra o corpo das mulleres ou a posta en cuestión dos dereitos sexuais e reprodutivos nos estados da UE. Este é o terreo onde campa a violencia de xénero en Europa, a principal causa de morte feminina.

Así, dende a Galiza, agardamos que esta pequena mensaxe de auxilio inconexa sexa o inicio dunha ponte de sororidade coas feministas do sul do Miño e que berremos xuntas no noso idioma común: nin sumisas, nin escravas, mulleres libres e liberadas na Europa dos pobos!

11 dic 2013

Helena Miguélez Carballeira: Galiza dende a óptica de xénero e decolonial


Interesantísimas as análises de Helena Miguélez-Carballeira no seu estudo da imaxe da identidade galega, dende un punto de vista de xénero e decolonial.
 
De como a identificación da nación cos estereotipos femininos, co sentimentalismo particularmente, busca un efecto desmobilizador político, colonizador.
 
Lembrando sempre que hai que entender as definicións sobre as características dun pobo como produto dunha dialéctica histórica, entender por que xurdiron nun momento histórico concreto, e cuestionalas criticamente. Por exemplo, o feito de que para Galiza se puxo énfase no seu suposto carácter "manso" e non na historia secular de loitas socio-políticas.

Ao fin, a imaxe do país na literatura é a dunha Galiza feminina que está ben para ser adorada, pero non como suxeito político.

Magnífica entrevista de Galiza Ano Cero. Non a perdades, en serio.

http://www.galizaanocero.tv/entrevistas/helena-miguelez

21 nov 2013

Santa Cecilia: patroa da música?


Santa Cecilia, ou "patroa d*s músicas", é máis ben o día na que a xente que toca nas bandas sae por aí a desbarrar e dalo todo.

Pero, por que é patroa da música - especialmente da sacra-, d*s músic*s, cantantes e organistas e de fabricantes de órganos e de instrumentos de corda?
Tocou un instrumento? Non. Gustáballe a música? Non.

Santa Cecilia de Roma foi supostamente unha moza patricia obrigada a casar cun mozo ao que convertiu ao cristianismo na noite de vodas, polo cal ambos foron condenados a morte.
 
Seica se salvou de morrer polo vapor e cando lle cortaron a cabeza, fallaron tres veces e sobreviviu tres días co pescozo a medio rebanar - curiosa maneira de ser protexida por Deus -. Co tempo, extendido o seu culto, chegou a haber cinco cabezas da santa diseminadas por aí.

O seu patronazgo da música apareceu a finais do século XV e por culpa dunha malinterpretación. Segundo a lenda, cando ía camiño da casa do seu forzoso noivo, ao son de instrumentos musicais, ela invocaba só no seu corazón a Deus, pedíndolle conservar "inmaculados" (sic) o seu corpo e corazón. Así que, como di Louis Réau, que é un gran sabio sobre santoral e simboloxía, "ela tería sido antes melófoba que melómana".

Así que, músic*s: cando celebredes Santa Cecilia pensade nunha rapaza forzada a casar, como tantas outras en tantas culturas patriarcais. Se queredes celebrar a música, conmemorade ao deus Pan grego.

13 ago 2013

De papeiras e rabudas dende unha fenda do Tempo (I)


Foto de estudio, Sober.
Historia(s) de xénero das terras de Lemos e Chantada

Artigo para a Voz do Agro.

Dende as terras de Sober, Chantada apenas é o monte do Faro divisado ao lonxe; un lugar case mítico e, tan lonxano, que para expresar que alguén ten moitas relacións sociais dise del que “coñece ata aos cás de Chantada”.

Alá no Faro dicíase que se xuntaban as bruxas para repartiren o mal, un “parlamento de meigas” da nosa tradición oral que, ás xeracións nadas nos 80, non pode máis que lembrarnos aquelas romarías mastodónticas do fraguismo. Nós, as da xeración do chándal de “táctet”, xa temos case en nebulosa aos grupos tradicionais tocando na gaita a muiñeira de Chantada, pero iniciámonos na música nas bandas populares que sobreviven – e nunca mellor dito – nas vilas de Sober e Chantada.

Únenos, pois, ás xentes de Chantada e de Lemos, a música, e únenos tamén unha orografía xurdida de fracturas tectónicas, un magnífico románico, testemuña do esplendor da zona na época pleno-medieval, e a cultura do viño. E esta unidade esencial faise riqueza nos detalles: un val fronte a unha penichaira, unha ribeira máis escarpada nas zonas esquistosas sobre as pizarrosas, adegas entre as muras para que o viño se faga primeiro na propia viña, se falamos de Chantada, inchadoiros e colados ata onde se carretaban as uvas para levar directamente á adega da casa, ou de cerca do lugar, se miramos para Sober.

Pero temos unha cultura común ribeirá, un mundo de relacións socioeconómicas que se desenvolvían por e para o río, sepultado e roto polos encoros dos 50' e 60', o suposto progreso que amañou os problemas de apagóns en Madrid – no caso da central de Belesar – e quitoulle a moita xente as mellores terras por catro patacos. Xúnguenos, así, a Sober e a Chantada o trauma de termos lugares asulagados!

E deste xeito, as ribeiras outrora cheas de vida e refuxio de escapados despois do golpe militar do 36, ficaran conquistadas. Emigración, despoboamento, avellentamento... Fríos datos demográficos esquecidos en despachos – en Sober a proporción de persoas maiores sobre persoas novas é de 10 a 1 - nunca tan ben definidos como o fixo a poeta escocesa en gaélico Meg Bateman: morren vellos que sabían dicir cousas que non podemos dicir en inglés.

Imos falar, pois, de nós, de “papeiros e rabudos”, habitantes da zona de Chantada e da de Lemos, respectivamente. Explica Xosé Manuel Vázquez Rodríguez no seu documentado libro Historias dos papeiros e rabudos que, segundo lle contou un veciño de Outeiro en Pesqueiras, aos de Chantada se lles di “papeiros” por seren cristiáns ou “papistas”, mentras que os de Lemos somos “rabudos” por sermos “rabinos”, é dicir, xudeos.

Muller nun canzorro da igrexa de Requeixo, Chantada.
Quixeron homoxeneizarnos co de “Ribeira Sacra” - apelativo afortunado, pero invento basado nunha confusión histórica -, mais a riqueza e diversidade das comunidades galegas sobarda toda denominación turística. Dende A Voz do Agro, abrollo esperanzado dende esta fenda penedía da Galiza, dende este mundo entre detido e metido de súpeto na centrifugadora da Historia, dende esta periferia interior, preténdese, coa investigación e a reflexión, atopar esa unidade na diversidade destas comarcas do sur lucense; atopármonos no pasado común, nos problemas comúns e, conseguintemente, no común das solucións.

Haberá ocasión aquí de escribir sobre as terras limesas e as dos papeiros de Chantada, do mítico lugar que, segundo o dito popular, lle puxera nome o demo cando, estando de viaxe por Galiza, e levando a costas á nai, en chegando a onde agora está a vila, o demo tirou con ela ao chan e espetoulle: —Aí quedas chantada!

Permitirédesnos facelo dende unha perspectiva de xénero, dende a reivindicación da(s) Historia(s) das papeiras e rabudas que construíron o que fomos, o que somos e o que seremos.