22 may 2020

Estamos mellor no rural na crise do coronavirus?

Con Antom Fente, publicado en Nós Diario.



"Por outra parte, no “rural”, no rururbano, ou nesa nebulosa territorial que conforma o interior galego, a crise do coronavirus non fai máis que evidenciar a crise permanente de abandono que padecemos: unha Atención Primaria precaria e en desmantelamento, uns hospitais comarcais con necesidade de máis persoal, un Servizo de Axuda no Fogar insuficiente ante as grandes necesidades, un modelo de residencias de maiores inadecuado e insuficiente ou unhas telecomunicacións precarias. Non mencionemos a falta de protocolos de actuación claros, as disparidades ou a falta de protección daqueles profesionais que o están dado na primeira liña."

Completo aquí.

28 jul 2018

Do castro ao colapso: diálogo entre David Rodríguez e Xosé Constenla



Algunhas lecturas para este agosto de 2018: ler en tándem O canastro sen tornarratos, de David Rodríguez, e O colapso territorial en Galiza, de Xosé Contenla, publicados no presente ano en Xerais e Galaxia. Ambos ensaios relatan, dende distintas ópticas, o escenario traumático da rápida “modernización” de Galiza nos últimos cen anos, as “feridas” que o desenvolvemento do capitalismo deixou no País, ben en forma do “colapso territorial”, ese “proceso de diseminación territorial inducido”, en palabras de Xosé Constenla, ben na economía terciarizada e o emprego precario.

 En conversa dialogada na libraría O Chan da Pólvora, lembrou David Rodríguez que “vimos dun século no que se desmembrou o País e, aínda así, temos certa capacidade de articulación política”. Sendo ambos autores “pesimistas” a respecto das posibilidades de reverter o proceso do “colapso”, non o son en canto á capacidade que como pobo aínda temos para encarar o noso futuro con decisión. Iso si, só pode ser dende unha concepción de País, dende entender que habitamos nun "lugar" e que somos un pobo, non dende un municipalismo benintencionado pero “funcional ás dinámicas do capital transnacional desregularizado”. No fondo, certo municipalismo actual vén a ser un “refuxio para evitar a cuestión nacional”, o problema nacional non resolto no Estado español. No contexto actual, son os Estados aínda un baluarte contra a destrución capitalista, a “ferramenta que nos queda” para loitar contra este. Ademais, historicamente o poder sempre foi transnacional, ou tivo vocación “cosmopolita” (dende as familias reais europeas ás elites burguesas), mentras que a masa popular, aínda hoxe, vive pegada ao seu lugar. A este respecto, a esquerda debe volver ter un discurso para a maioría social, fronte aos fascismos e populismos autoritarios tipo Trump ou Salvini, que si identifican a esta poboación como albo das súas mensaxes. “Non podemos vivir de xeito abstracto”, as persoas, os pobos, vivimos nun territorio.

E Galiza? Non tendo o noso País grandes cidades nin peso demográfico no conxunto do Estado, preocupa o papel que podemos xogar na reconfiguración do Estado español. Outros Países coma o noso son prósperos e non marxinais en Europa; iso si, teñen Estado propio. Quizais, só quede articular un proxecto colectivo de País, que o pense no mundo, e un movemento político que se afortale nas “loitas polo territorio”, ao xeito de como medrou o nacionalismo dende os anos 60’.

Chamaron os autores á necesidade de espazos de reflexión intelectual da esquerda nacional, sen sectarismos, e á importancia de reforzar os vínculos con Portugal, na medida en que as dinámicas espaciais galegas non poden separarse da Eurorrexión e desa “gran metrópole Ferrol-Porto” que é unha oportunidade de futuro. Alertaron, iso si, de evitar caer na “trampa do desenvolvimentismo” na que estivo instalado a maioría do pensamento nacionalista, e ter claro que o desenvolvemento debe levar parello un “como” e un “para que”, que o desenvolvemento económico per se non trae a felicidade.

Hai necesidade de que a esquerda nacional galega vaia recuperando relato e contexto: temos que xestionar o presente e as urxencias, pero tamén entender onde estamos como pobo, para proxectar, a medio e longo prazo, cara onde queremos ir. Agardando ter tempo para a lectura.