7 ago 2010

Iº ENCONTRO DE VERÁN DO EI

Introdución ao Encontro de Verán do EI en Sober.


Este foi o texto intrudutorio á conferencia de Beiras sobre a crise que tivo lugar en Sober - que comeza a respirar tras calcinarse lentamente durante dous días por  "lume forestal" "- o pasado 7 de agosto, e que non puido ser lido por falta de tempo, mais, como dixemos alí, colgámolo aquí, reiterando tanto o agradecemento ás persoas asistentes coma o convite a participar na III Asemblea Nacional do EI.


Tendo en conta que isto é un acto político, que nos atopamos en pleno verán e hai mil festas por toda a parte, podemos considerar que estamos hoxe aquí moita xente en Sober participando do acto central do I Encontro de Verán do Encontro Irmandiño, xente que seguramente acudistes por vir escoitar a Beiras, pero non só, ou iso agardamos, senon tamén para informarvos sobre as orixes, manifestacións e posíbeis alternativas a esta crise que vivimos.

Haberá quen pense que a atracción que exerce o irmán Xosé Manuel é suficiente para mover montes de xente polo país adiante, mais todo indica que, ademais do factor Beiras, hai algo no ambiente que fixo que centos de persoas ateigasen as charlas sobre a crise de Bueu, Caldas, Vigo… Sober. Que é iso que está “blowing in the wind”? Pois que as xentes do común xa ventan a que se lles vai caer enriba, a que xa está caendo, algo que as mentes lúcidas xa levan anos advertindo, tamén aquí, na Galiza, como, por exemplo, Xosé Manuel Beiras no debate do Estado da Nación titulado Quince Anos Perdidos, da lexislatura 2003-2004, ou no discurso do Día da Patria de 2000, hai case exactamente dez anos, discurso que lembrou o compañeiro Antom nun artigo publicado no blog revoltairmandinha que recomendamos, por certo, e que dicía, en parte:

"A sociedade actual abandonase, deixa que lle dicten a súa conducta, baleirase progresivamente do seu contido. O seu rasgo dominante é a pasividade. Pasividade dos dirixentes políticos, que cederon o seu poder aos verdadeiros dirixentes do mundo: os grandes fondos de pensións, os especuladores e os técnicos da cousa pública. Pasividade da sociedade civil, que asume a idea de progreso, mais atura o rol subalterno que o poder lle atribue. Pasividade da opinión pública, en gran parte manipulada polas enquisas e os acontecementos falsificados. Pasividade dos individuos, cada vez máis afastados uns dos outros, atomizados nun contexto sen contornos, e sen outra perspectiva que tentar asegurar un nivel de vida ".
"Está a instalarse un modelo de sociedade que barre ao seu paso aquelo que constituía o fundamento democrático dos nosos vellos países: o control cidadán das decisións políticas, control que se esvaece ao passo que se eslúen as diferenzas entre conservadores e progresistas. Esbarrullase un mundo sen que as xentes o decidan. Emergulla outro mundo sen que as xentes o discutan. Nom é o final da Historia, pero semella ser o final da Política".

A isto engadídelle a terríbel crise ambiental e alimentaria e conviremos que, en comparación co explosivo da situación, somos ben pouca xente aquí. Debían rebentar este e os edificios oficiais todos, deberían estar xa as rúas ateigadas cada día e non porque gañase “la roja”, precisamente. Mais, aínda que a Casa da Cultura de Sober non rebente, é certo que somos moitos hoxe aquí. A boa acollida que neste momento teñen este tipo de actos do Encontro Irmandiño parecen darnos pistas sobre por onde deben ir as alternativas a esta crise. Así, poida que para acadar esa “masa crítica” que esborralle o círculo de morte no que o sistema-mundo anda metido non vallan as consignas nin os actos públicos electoralistas cortados polo mesmo patrón; non sirva entender o corpo social coma quen resolve un problema de matemáticas; non sexan suficientes as condicións obxectivas para tronzar o modelo socio-económico e, en cambio, sí precisemos da toma de conciencia por parte do pobo - coma nós, que vimos hoxe aquí a tomar conciencia do que nos sucede -, da iniciativa persoal inserida na organización colectiva consciente e, tamén, por suposto, das grandes personaxes que saben observar a Historia coma dende un alto. 

O propósito fundamental deste tipo de actos é achegar unha explicación sobre a crise ás xentes do común, de irmáns á irmás e viceversa, nun diálogo entre iguais, pois non só chega coa prédica dos expertos – moito menos dos que cren selo porque os chaman para falar en Intereconomía TV –, que é fundamental tamén coñecer as impresións que tén a propia clase operaria, as labregas, os mariñeiros, sobor do sistema que os esgana. Se Beiras cae tan “simpático” no sentido etimolóxico do termo, do grego  συν- e πάσχω, padeder con – , agora coma hai vinte ou dez anos, non é por ser un inteletual brillante, que tamén, senon por comprender os padecementos da xente galega, por conectar coas súas arelas de xustiza - como di a compañeira Emma -, por explicar coas palabras do pobo o encerello das finanzas mundiais, o engano da moeda común europea, a crise da hexemonía estadounidense, a erosión do Estado do Benestar… E, sobre todo, pola coherencia que sempre demostrou entre o discurso e a praxe. Dicía tamén Beiras naquel día da patria que hoxe semella tan lonxano:

"a praxe nom é a simple prática, senón a combinación do discurso e máis a prática, do pensamento e máis da acción: o pensamento modela as pautas da acción, e a acción remodela o pensamento. O pensamento político tradúcese en proxecto, e o proxecto esprésase en discurso"

Cando Beiras falaba de Diz Goebbels ou sacaba o zapato no Parlamento sintonizaba cos sectores populares deste país - como sempre recorda - porque iso se correspondía cun exercicio diario de estar coa xente máis castigada e porque o nacionalismo tiña un proxecto de emancipación para a nación galega.

Falando de proxecto, o Encontro Irmandiño está metido de cheo no proceso da súa III Asemblea Nacional, que se desenvolve en dialogo aberto coa cidadanía, contribuíndo a suscitar un debate nacional sobre as alternativas á crise e ao desmantelamento e destrución de Galiza a mans da “panda” do Feijóo ou Fabiñas, como lle chama a xente por aquí.

Animámosvos a participar nesta Asemblea, acudindo ás xuntanzas comarcais que o EI está a celebrar por todo o país e inscribíndovos directamente na web do Encontro Irmandiño.

Cremos que é precisa esta profunda reflexión da esquerda galega que xa iniciamos na Rolda de Rebeldía. Non se trata de guerras internas de “los del Bloque” – que ademais o proceso excede os límites do nacionalismo organizado –, nin de ensimesmarse nin de abrirse á sociedade. Trátase de ser sociedade, de exercer de cidadáns e cidadás, no sentido republicano, e de forzar a conciencia crítica do noso pobo, que non pode ninguén negar a capacidade das xentes do común para enfrontar este repto, malia aceptando a actuación dos mecanismos coloniais e alienantes de distinto signo que difunden os “falsimedia” e demais aparatos: todas e todos temos na nosa man rematar “con esta vergonza”, e non por ser demasiado pobre ou demasiado iletrado, ou demasiado vella ou demasiado novo deixamos de ter algo que aportar. Por iso, durante o proceso de celebración da III Asemblea Nacional do EI recolleranse e debatiranse as distintas opinións que aportedes sobre a situación política do noso país e do nacionalismo e sobre o modelo organizativo do que debemos dotármonos. Será un debate entre irmáns e irmás, porque o proxecto común para a emancipación do noso pobo ten que ser iso, común, contruído tras a reflexión profunda nun diálogo fraterno de todas as voces que aspiramos a camiñar “do Courel a Compostela por terras liberadas”.

Diálogo fraterno e posta en común de ideas é o que imos facer hoxe, pois esta non vai ser unha mera prédica, senon un coloquio no que agardemos que participedes*.

ENCONTRO IRMANDIÑO - SOBER

* Nefeito, mantívose un animado diálogo co público, que colgaremos proximamente xunto coa conferencia de Xosé Manuel Beiras.