15 abr 2012

Porse no velo da outra.



Exercicio sinxelo de empatía inducida cunha mantilla dos anos 50.


Primeiro, velar a cabeza cun burka, chador, hiyab ou, por non ires ao mundo islámico, unha mantilla daquelas que ata hai uns cuarenta anos levaban as mulleres habitualmente á misa, e que se siguen a usaren  para lucir palmito nas procesións católicas de Semana Santa. Velar a propia cabeza sabendo que hai prendas distintas, que algunhas poden ser símbolos de loita ou identidade consciente, que mesmo poden representar actitudes de sinceira observancia relixiosa, pero que indubidablemente teñen en común ocultar un dos signos distintivos do sexo feminino humano: o cabelo que medra máis e máis rápido que o do sexo masculino - uns 15 cm ao ano nas mozas - [véxase o capítulo "El cabello", en MORRIS, DESMOND (2005): La mujer desnuda]. 


O cabelo quizais sexa a parte do corpo feminina máis suxeita a amosar símbolos culturais, cunha grande versatilidade: as distintas modas de peinado, o pelo solto considerado erótico, propio das prostitutas, ou considerado como de muller despreocupada da súa imaxe, e polo tanto non erótico, a cabeza feminina rapada como símbolo de escravitude, como marca de marxinada (as "rojas" do 36) ou como símbolo de rebeldía. Distintos significados segundo a época e o lugar e distintos xeitos de modificar, realzando ou minimizando, a abundante cabeleira das mulleres: tocados, pelucas, trenzas, cardado...

Segundo paso do exercicio, mirarse detidamente no espello e darse conta da sexualidade implícita no acto de se cubrir: cóbrese unha porque hai algo que pode ser desexado se se mirase abertamente. Unha sexualidade suxerida, reservada só para o home posuidor da velada en cuestión - ese é o sentido do velo relixioso: tapar o que só pode ver o esposo, porque é por el por quen só pode ser amada lexitimamente unha muller -, pero unha sexualidade que tamén se revela pecadenta: a muller como misterio que o home ha de "desvelar", a muller fetiche, obxecto, sublimación dun ideal, unha muller que só é desexada se é candorosa - ou o finxe ser: "as caladiñas son as peores" - pero que en canto se consuma ese desexo se volve indesexable. A monxa e a puta baixo a mesma tea. Quizais por iso o encaixe pasou tan suavemente das requintadas toquillas á lencería máis sexi. 


Terceiro: porse na pel das mulleres que levan calquera tipo de velo baixo pena de cárcere ou castigos físicos; daquelas que o levan porque así é costume, sen preguntárense o porqué de tal norma consuetudinaria; no daquelas que se cuestionan o papel subordinado da muller na súa sociedade e se rebelan tamén contra as marcas externas de tal situación, sexan velos ou tacóns imposibles; porse na pel daquelas que, sendo conscientes do seu papel na sociedade, pulan por cambialo e adoptan obxectos fetiches do patriarcado como símbolo de liberación. 

Cuarto, saber que non podemos condenar por machista tal ou cal prenda de vestir, este ou aquel anuncio de publicidade, unha foto, unha pose, unha novela, sen preguntármonos o porqué. Un corpo espido de muller pode ser expresión sana de erotismo ou usado como reclamo publicitario de obxectos de consumo que, ademais, se producen nun sistema socioecoloxicamente insostible. O corpo da muller como un ben máis que adquirir que se convirte en icona dun tipo de "muller ideal" que aprisione as mentes das mulleres dende a infancia. As escravitudes da talla 38, da heterosexualidade ou da mocidade eterna.

Un dos símbolos fundamentais da cultura xudeo-cristiá - a muller que induce ao pecado ao home - usada como reclamo publicitario no século XXI.
Quinto. Pensar sempre nos porqués, no carácter cutural de calquera costume - polo tanto xurdido historicamente e suxeito a ser símbolo inconsciente de mantemento de determinado statu quo -. Saber sempre que temos o poder de elixir libremente o que só ao noso corpo individual afecte, sexa ir espida pola rúa (digan o que digan as normativas municipais de cidades pseudo-progres) ou vestirse de coiro vermello; o deber republicano de así facelo, de cuestionar cada actitude herdada, cada prenda, mesmo cada xesto que facemos.

Sexto. Usar o velo e levar os cabelos como mellor prouga a cada unha pero non permitir nunca-nunca-nunca que sexa o estado, a relixión, a moda ou o modelo de familia establecido o que nos impulse a facer ou non facer tal ou cal cousa.

Eu, por exemplo, usei a mantilla para facer un post.