Nos anos 90, dicir Sandoval naquel
Sober en decadencia demográfica e social era case falar dun mito: o
Sandoval do fútbol, o carteiro rockeiro, un poeta!
Personaxe mítica o Sandoval, o da
melena negra albortorada, como míticos son os micro-mundos que
recrea nas súas pezas literarias, nas que unha cantina de Viloriz
pode ser un antro máis glamuroso que calquera pub londinense, onde a
serie “CSI Las Vegas” está a altura intelectual de Bertol Brecht
ou o “polígono de Monforte de Lemos” ten o encanto sensual dos
moteis de carretera estadounidenses.
A poesía do Sandoval vén coma dunha
ponla perdida da cultura da Movida dos 80 – a de verdade, non á
edulcorada da progresía -; sabe a whiskie (“de garrafón”)
apurado en tascas de madrugada, cun lonxano eco das carpazas da
ribeira da Somoza e do Castriño; cheira a borralla de cinseiro (“de
cigarros negros”) en habitacións de libros apilados e álbums de
clásicos do rock confundidos co “póster do Che”.
A poesía do Sandoval sona a música
(dos Stone, de Manolo Tena...), porque poesía e música van moi
parellas na obra do da Arriba, que mesmo parece estar escribindo a
priori letras de cancións, cal troveiro medieval compoñendo
pezas para que sexan cantadas por quen saiba e que así, pasadas polo
filtro da arte musical, sexan outro medio de chegar á amada, obxecto
principal da súa obra.
Territorios
estraños é un poemario lírico-lúdico-libre de lectura fluída
coma auga (ou “ron que sabe a ti”). De poemas de redondo e pulido
acabado distribuídos en tres partes: “Interferencias” -
tristura, dor, desubicación, búsqueda -, “De amores e ausencias”
- a luz, o amor, o acougo e o desacougo pola ausencia, o desexo
desinhibido, a esperanza, “mochilas de esperanza” - e “Principios
de incerteza” - o fantástico cotián -. Un poemario de realismo
máxico e oníricos escenarios. Poemas de amor, pero tamén da crise
- poeta en crise permanente, “coas alforxas baleiras” -; poeta da
dor de estar vivo, da dor de ter nacido e sobrevivir nun mundo alleo
aos ritmos das persoas tímidas e sensibles (que se sinten
“outsiders” e ás que lles “medra o desarraigo polo carné de
identidade”); poemas da realidade gris confrontada coa molicie do
amor desexado e correspondido e coa vontade de gozar da vida “sen
doparse”; poemas no que o universo cultural é un todo, dende
Cortázar ata o “león da Metro”; poeta das pequenas cousas que
se convirten en mundos completos.
A poesía do
Sandoval é unha revolta libertaria que comezará na Arriba e
inundará o mundo todo de mazairas en flor, coma as da parroquia de
Barantes, patria indiscutible do espírito de raposo que mora na alma
libérrima do Sandoval e que, de vez en cando, lle dicta poemas. Ben
seguro que o Eladio da Riba ía fachendear de neto.
25 de marzo de
2014
Paula