1 ago 2006

COSME

Foto: GreenPeace. Praia de Sada.
Cosme nunca vira o mar.

E, sen embargo, debecía polo reflexo irisado das valvas da vieira, pola mueca inquiridora do rodaballo, polos catro vellos mariñeiros todos metidos nun bote, polo espertar do sol sobre as suavísimas ondas dalgunha praia de Ribeira... Pero Cosme nunca vira o mar.

Sentir, abofé que o sentira moitas veces nas mans-pergamiño do compadre Ramón. E aínda o oira, ao mar, nesas noites de esmorga cantineira, hora propicia para os relatos do "glosario de una historia que no es". Porque compadre Ramón fora mariñeiro, varado en terra por unha querencia, xa se sabe, pero se mariñeiro fora, mariñeiro era e sería. E verdadeiramente Cosme moito disfrutaba coas súas historias de vello bébedo. Así que, aínda que Cosme nunca vira o mar, podemos concluír que era coma se o tivera visto.

Canto lle quería Cosme ao compadre Ramón! En canto este erguía, xa estaba Cosme ao seu pé, mirándoo con ollos de total entrega. Mesmo se podería dicir que andaba sempre a rabo del. Axudáballe a gardar as vacas e facíalle compaña cando ía á cava ou estrar o abono, que non son tarefas gostosas, nin para o labrego máis curtido.

A razón destes afectos seguramente residira no feito de que compadre Ramón curara ao magoado Cosme logo dunha riña entre mozotes. Díralle acobillo na súa casa e, dende aquela, case sempre o convidaba á merenda. Tanto fora o ben recibido que Cosme mesmo permitía que o compadre Ramón lle chamase, con sorna, facendo referencia ao cromático: Morito.

Mais, seica, un amencer de verán, o compadre Ramón non apareceu. E alí estivo Cosme o día enteiro á súa porta. "Virá mañá", había pensar. Pero nin veu mañá, nin pasado, nin despois de ducias de mañás.

Chegou o outono amareleando. E a Cosme, claro, apretábano as caravillas da fame pois, malia que o convidaban a un tóspiro os veciños nas fins de semana, sendo un garrulo coma el era, non lle chegaba nin para un dente.

Para máis, veu o inverno cun alento xeado que se metía rebuldeiro polas orellas guichas. Así, compréndese que a Cosme, por veces, lle levase a idea ir mendigar polo chigre ou no adro á saída da misa, pero: "E se compadre Ramón vén e non me atopa? Ha dicir que xa non son o seu amigo", debía de cismar aquela cabeciña, mentras aterecía á intemperie.

En fin, cada can lambe a súa caralla. E sobre todo os de palleiro, coma Cosme, que cada vez semellaba máis o can do Lagarizas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario