20 sept. 2011

Recolleita improvisada de variantes dialectais e outros saberes (en Bolmente).

A ribeira de Bolmente retratada polo Alfonso de Francos.

Bolmente é unha parroquia xenuinamente ribeirá de Sober que linda con Barantes, Figueiroá e San Martiño de Anllo e, polo sul, co río Sil, nunha das zonas máis escarpadas do canón, onde as formas graníticas semellan cortadas a machado. 

Desas ribeiras, sulcadas de camiños, os "bonimentinos" - xa que se soe dicir que o nome de Bolmente prodecede do antropónimo latino Bonimentius - expurgaron os recursos ao máximo: leña, mel, pesca, viño ou pedras para as moas dos muíños, ao tempo que nas zonas máis chas da parroquia pacían as vacas e medraba o pan. 

Debe ser boa terra Bolmente, pois ben que duran as súas xentes, coma o meu bisavó, o Ci do Outeiro, que era ben pequeno pero tiña a forza de tres homes, o que fai pensar que por iso lle chamasen o Ci (de Cid), pero non: o Ci chamábanllo por mor dun defecto da fala que o facía cecear.  

O Verao do Outeiro.
Pero eu ao Ci non tiven o gusto de coñecelo, malia que case vive cen anos, e non puiden recoller del palabras do galego destas ribeiras, máis que as que me poidera legar o seu fillo, o Pepe do Outeiro, o Verao orixinal: tes porros (=larafuzas), non delubes os ollos, vou ir ao monte por un si-señor-non-señor (= un pau)... Neste caso, as palabras bonimentinas ofrecéunolas, sen querelo, a María do Taro, que naceu "no ano 20", como di toda orgullosa, e case nunca foi "aos médicos". Sentada coas ovellas unha tarde de fins de agosto contounos que moitas veces tiña ido ela apañar leña cara a Pena do Don Pedro, onde ían moitas veces o Demetrio e o Manolo aos polos da aghie (=aguia). Alá ía ela axudarlle ao Sindo do Taro, que mentras el apañaba e xuntaba ela o que facía era feixar (=xuntar a leña en mañizos). Logo, os dous traballaban na inchaia (=encher o carro, cos mañizos de leña, neste caso).

Díxonos tamén a María que cara a Pena de Don Pedro estaba a Fonte do Ledo e que para acceder á Casiña dos Ladrós se ía por un camiño dende o Colado das Pesqueiras, pero que hoxe estará todo tapado.

A Pena do Don Pedro.
A María do Taro non fala con gheada, só pronuncia algunhas palabras con ela, e din que esta variante dialectal ten presenza aquí en Sober, nas parroquias de Anllo e Bolmente, por mor da influencia dos numerosos homes destas terras que ían á estila (=destilar o bagazo para facer augardente) cara Pontevedra ou á Costa da Morte. E pola influencia das mulleres que casaron con moitos deles e viñeron vivir aquí, engadiría eu.

A María do Taro só nos ofreceu dúas peras da pereira que hai no lameiro onde saca as ovellas a pacer porque seica aínda lles faltaba unha semana para estar no chete (=no punto), así que fomos para a casa coa promesa - incumprida aínda - de volver un día destes.

4 comentarios:

  1. Para vocês lá as larafuzas som qualquer sorte de máculas ou sujidade, nom é? Cá larafuzas ou larafuceiro (esta segunda variante resulta-me menos familiar) é quem está sujo, normalmente após comer e por efeito de ter na cara restos de comida. Certamente a forma "feixar" resulta interessante, sobretodo se a palavra que utlizades lá é manhiços e nom feixes; seja como for é mais usual formar o verbo a partir do substantivo "feixe" antepondo-lhe um "en-" como acontece com "larafuceiro" (enfeixar, enlarafuçar...). Muito interessante o post, sobretodo a questom da gheada, que a todo isto também puido ser endógena, digo eu... Bom, por último dar-che a bem-vinda nesta "iniciaçom ao onanismo" do que falas na cima de todo no blogue este, embora quase resulta desnecessário, pois nom é ontem que começache a navegar por estes mares. Cumprimentos marinheiros.

    ResponderEliminar
  2. Pois si, nós chamamos larafuzas a "calquer sorte de máculas ou suciedade". O de feixar chamoume a atención, tanto máis porque aquí, como dis, dicimos mañizos aos feixes de leña (tamén lles chamamos feixes, claro). O da gheada sempre din que é por influencia de ir á estila. O curioso é que non din todas as palabras con "g" con gheada, só algunhas.
    Tamén me chamou a atención que cando dixo a Fonte do Ledo o fixo cun "e" moi moi aberto. Cando se lle repetiu ela corrixiu, repetindo con "e" moi aberto.
    Grazas pola benvida a este mundo dos blogs, eu xa andaba por estes lares, pero faltábame o meu espazo onanista particular. Cumprimentos do interior. Ti tes espazo onanista persoal? Xa te buscarei por aí.

    ResponderEliminar
  3. Acho que o meu espaço de onanismo é "o rapaz de casares" ou parecido, mas anda meio morto pola inactividade. O de Ledo é também surpreendente, mas se procede de "laetus" o problema é determinar a altura histórica na qual no percurso do latim ao galego o grupo -ae- fundiu o ditongo em -e- longo (aberto num princípio), mas o -e- longo tende a fechar o seu timbre sempre. Para manter a abertura tivo de desfazer-se o ditongo após desaparecer a diferença entre vogais breves e longas. Ainda assim é umha excepçom clara ao que é a norma em grande parte da Galiza: "medo" deveria ter -e- aberto (e tem-no ainda numha área) mas pola influência do -o final fechou por norma geral, com "ledo" passaria-se o mesmo... em teoria. Só umha hipótese para acabar, e se o que ti interpretas como um "-e- muito aberto" é um "-a- muito fechado"? Se se lhes sente "ághie" por águia algum sentido pode fazer.
    Bom, é igual, se quadra algumha reflexom destas che pode resultar útil em futuras pesquisas, se nem isso aproveito ainda que for para encaminhar-che saudaçons e abraços

    ResponderEliminar
  4. Mi ma! Xa farei pesquisas para que as proceses dende o punto de vista de versado na materia. Penso que o e aberto non era un a pechado, pois o resto da xente di Fonte do Ledo, co e máis pechado. Abraço!

    ResponderEliminar