6 jun 2012

Noticias verídicas do tempo Cuaternario (I).






Durante milleiros de anos, e ducias de milleiros de anos, tal vez, os escarabellos da pataca reuniron nas caracochas* fragmentos de todas aquelas obras literarias sobranceiras que uns extraños e coitados animais de andar ergueito escribiran ao longo da súa curta (e destrutiva, cómpre dicilo) existencia sobre a face da Terra.


Pero, os escarabellos, convertidos en depositarios da Palabra - da palabra escrita, enténdase - non podían carrexar, tan pequenos eles, máis de sílaba e media por cabeza, así que, no proceso de montado de tan inxente legado, os coleópteros moveron frases de lugar, permutaron letras, omitiron verbas e confundiron autores e mesmo idiomas. O resultado de tal remexido quedou como reliquia dun pasado remoto no milenario lugar do Souto do Tellada, onde acudimos os seres amantes do estudo e con moitas horas de vagar para autoconvencérmonos de que temos unha misión na vida e tal.

Ofrecemos a seguir, por partes, unha selección desta escarabellada ordenada cronoloxicamente, mal que ben, pois os datos son escuros e escasos. 

* Castiñeiros ocos.

I. Re-relato das orixes.

- A ver se te enteras, parviño: non podes dominar "a Natureza", estás espido, famento e terríbelmente só. Anda, toma un bocado de mazá e deixa de choromicar.

E así, Eva compartiu a sabedoría e a anguria vital.





 

No hay comentarios:

Publicar un comentario