26 nov 2012

Polo dereito a saber a que sabe unha cunca de leite da Morita.


As famosas cántaras onde se gardaba o leite, agora reutilizadas coas pinturas que ensinan a facer nos cursos de manualidades que organiza ASAJA, financiados con fondos europeos.

Hai uns 25 anos, en mañás de inverno algo máis fríos ca este, cando non era día de clase, o meu avó levábame con el no seu mítico Land Rover de carga a recoller o leite polas parroquias de Sober. Chegaba a un lugar (“vai fríu, non!”), sacaba unha cántara, botaban o leite recén muxido, medíao cunha variña azul, anotaba nuhas tarxetas alongadas os litros e o prezo, pagáballe á xente e, así aos pouquiños, xuntábanse bastantes recipientes de leite nas numerosas pequenas explotacións de Sober que daquelas funcionaban.
                                                                  
Tratábase, na práctica, dunha incipiente rede de recollida de leite a pequenos produtores de Sober e outros municipios por parte de Queixerías Prado. Un poder galego digno de tal nome debería ter impulsado a innovación en dita empresa queixeira para que diversificara a súa produción, fomentando a recollida de proximidade, con axudas a explotacións labregas para que se especializaran na produción leiteira, con estudos para a consolidación de mercado... Pero todo se deixou ao arbitrio dos "mercados" e dos “ditados” da UE e a cabana gandeira reduciuse en Sober drasticamente tras o ingreso no Mercado Común, nun proceso análogo a toda Galiza, pero agravado aquí polo maior despoboamento.

Na Galiza actual, o do sector lácteo non é un problema de produción: prodúcese máis que hai vinte anos, as explotacións leiteiras galegas mercaron cuota e modernizáronse, mesmo contra a política da UE que procuraba reducir o potencial do sector. O problema é de organización do mercado: tendo un mercado de proximidade deficitario o leite galego debería ser máis valorado. En cambio, o leite producido na Galiza é mercado polas empresas a prezo máis baixo que o de outros lugares, facendo ruinosa a súa produción. Así, o problema é político: a falta de soberanía política e financeira de Galiza (máis despois do expolio do aforro galego e dos únicos instrumentos financeiros do noso País que eran as caixas de aforro), que non permite desenvolver un sector transformador dos produtos leiteiros no propio País, apostando pola innovación (lembremos que o goberno do PP reduciu o orzamento de I+D+i na pasada lexislatura). Durante vinte anos des-gobernou o PP de Fraga, tendo a disposición as caixas como instrumentos ao servizo da política da Xunta e fondos europeos que puido ter usado para crear un sector leiteiro puxante e non o fixo, e agora tod*s choramos cando a situación do sector leiteiro é desesperada, con prezos que non cubren a produción mentras o cartón de leite se atopa a menos de 50 céntimos nalgunhas grandes superficies.


Que morra o sector lácteo non é só perder milleiros de postos de traballo, senón tamén – en Sober ben o sabemos – perder a verdadeiros axentes de xestión do territorio, as gandeiras e gandeiros, poñendo aínda máis en risco medioambiental o noso rural, e deixar esmorecer a vida do mundo galego rural, deixando ás sociedades indefensas, sen continxentes de xente moza que loite por servizos cada vez máis escasos (reducen as prazas médicas, eliminan aulas en infantil e primaria…), re-convertindo pola forza a rica cultura rural en xantares mastodónticos en polideportivos o día da festa dos avós, condenándonos a unha agonía visíbel que nos enche de dor o corazón.


Podemos producir e facelo cun modelo que reduza os custes ambientais e mellore a calidade do leite. Podemos acadar a soberanía alimentaria do noso pobo e contrubuír así dende Galiza a un dos retos da Humanidade, cando cada vez menos compañías transnacionais controlan a produción alimentaria, mentras se perpetúa a fame. Hai, a nivel mundial, unha vontade de exterminio do campesiñado, sector social que pode protagonizar unha rebelión contra o este inxusto sistema global: se o campesiñado e os pobos non controlamos o noso sector alimentario básico, dominarannos totalmente, a nosa vida dependerá do lucro duns poucos. E iso é internacionalismo, non o mercado "desregulado". Así, o estado do sector lácteo galego e a valente resistencia que están a desenvolver gandeiras e gandeiros hai que enmarcala nesa loita mundial pola soberanía alimentar, que é unha loita pola liberdade e a dignidade humana.


E, de todo aquilo da recollida de leite, que queda agora en Sober? As famosas cántaras onde se gardaba o leite, agora reutilizadas coas pinturas que ensinan a facer nos cursos de manualidades que organiza ASAJA financiados con fondos europeos, que manda moito carallo. Metáfora perfecta e perversa da evolución do País neste último cuarto de século. 
En Sober afogaron o sector leiteiro, non permitades que pase o mesmo noutras comarcas leiteiras galegas. Porque os nenos e nenas galegas do rural teñen dereito a saber a qué sabe unha boa cunca de leite da Pinta ou da Morita, teñen dereito a saber o que vale unha vaca.

No hay comentarios:

Publicar un comentario