11 nov. 2012

Rap do Sil




Da aldea, non lonxana, non fumegan
as tellas desas “mixtas” que poñían
cos cartos da augardente - quen os dera! -
nas casas neo-indianas dos setenta
a boa xente de Anllo San Martiño
no tempo de soñar e das quimeras.

E un sapo mormeiro que moraba
na poza da fervenza mutilada
non dixo nin cro-cro e pasou do tema:

- Quen anda por aquí a perder o tempo,
a disturbiar con ruído a madrugada
alén dos mil estoupos da ribeira?

E foi así que, enriba dunha cepa,
se fixo medio ouvir unha prosmeira
voz, levísimo lamento:

- Quizais eu non debera revirarme
a cara descuberta contra o medo
que queren impoñeren os de sempre
valéndose do riso dos lacaios,
roubándonos o pan, mentindo á xente.

Quizais non debería sentir noxo
de ter no consistorio empoleirada
a parentela toda dos fascistas
que andaban polas noites de ruada
facendo da ribeira un acubillo
dos homes e mulleres descastadas – din – ,
aquelas que raparon en Proendos
- ou foi un soño e nunca pasou nada? -;
que a N-A-D-A é o máis certo que nos queda…

Quizais sexa verdade que as mulleres
só levamos as hostias por querelas,
que é que “somos todas unhas putas”,
que non sabemos ser unhas señoras
que escoiten e non digan o que miran:
que todo rula ben nesta verbena!

Quizais non sopra o vento polo inverno
ripando as uralitas das chabolas;
quizais non coce a fame a lume lento
a raiba acubillada aló no peito
de quen por ter non ten nin o seu nome,
perdido nas andainas do deserto.

En fin, debera ser máis compracente,
embebedar en viño as miñas lerias,
deixar facer o mundo á súa maneira…
Unámonos na festa decadente!
Fodamos mentras cae Radio Alemaña!
Que nos importen ren as “preferentes”!

O Sil dorme no sono das barraxes,
domado e enlamado e cheo de lixo:
nin hai onde meter tanta chatarra
nin hai tanta chatarra que servise,
xuntándoa así con gran creatividade,
para chimpar o encoro que nos xungue
ao pobo da incerteza e a levidade.

E aquel sapo mormeiro da fervenza
abriu moi ben o papo e foi tragada
a mosca que no Sil así cantaba.

2 comentarios: