13 ago. 2013

De papeiras e rabudas dende unha fenda do Tempo (I)


Foto de estudio, Sober.
Historia(s) de xénero das terras de Lemos e Chantada

Artigo para a Voz do Agro.

Dende as terras de Sober, Chantada apenas é o monte do Faro divisado ao lonxe; un lugar case mítico e, tan lonxano, que para expresar que alguén ten moitas relacións sociais dise del que “coñece ata aos cás de Chantada”.

Alá no Faro dicíase que se xuntaban as bruxas para repartiren o mal, un “parlamento de meigas” da nosa tradición oral que, ás xeracións nadas nos 80, non pode máis que lembrarnos aquelas romarías mastodónticas do fraguismo. Nós, as da xeración do chándal de “táctet”, xa temos case en nebulosa aos grupos tradicionais tocando na gaita a muiñeira de Chantada, pero iniciámonos na música nas bandas populares que sobreviven – e nunca mellor dito – nas vilas de Sober e Chantada.

Únenos, pois, ás xentes de Chantada e de Lemos, a música, e únenos tamén unha orografía xurdida de fracturas tectónicas, un magnífico románico, testemuña do esplendor da zona na época pleno-medieval, e a cultura do viño. E esta unidade esencial faise riqueza nos detalles: un val fronte a unha penichaira, unha ribeira máis escarpada nas zonas esquistosas sobre as pizarrosas, adegas entre as muras para que o viño se faga primeiro na propia viña, se falamos de Chantada, inchadoiros e colados ata onde se carretaban as uvas para levar directamente á adega da casa, ou de cerca do lugar, se miramos para Sober.

Pero temos unha cultura común ribeirá, un mundo de relacións socioeconómicas que se desenvolvían por e para o río, sepultado e roto polos encoros dos 50' e 60', o suposto progreso que amañou os problemas de apagóns en Madrid – no caso da central de Belesar – e quitoulle a moita xente as mellores terras por catro patacos. Xúnguenos, así, a Sober e a Chantada o trauma de termos lugares asulagados!

E deste xeito, as ribeiras outrora cheas de vida e refuxio de escapados despois do golpe militar do 36, ficaran conquistadas. Emigración, despoboamento, avellentamento... Fríos datos demográficos esquecidos en despachos – en Sober a proporción de persoas maiores sobre persoas novas é de 10 a 1 - nunca tan ben definidos como o fixo a poeta escocesa en gaélico Meg Bateman: morren vellos que sabían dicir cousas que non podemos dicir en inglés.

Imos falar, pois, de nós, de “papeiros e rabudos”, habitantes da zona de Chantada e da de Lemos, respectivamente. Explica Xosé Manuel Vázquez Rodríguez no seu documentado libro Historias dos papeiros e rabudos que, segundo lle contou un veciño de Outeiro en Pesqueiras, aos de Chantada se lles di “papeiros” por seren cristiáns ou “papistas”, mentras que os de Lemos somos “rabudos” por sermos “rabinos”, é dicir, xudeos.

Muller nun canzorro da igrexa de Requeixo, Chantada.
Quixeron homoxeneizarnos co de “Ribeira Sacra” - apelativo afortunado, pero invento basado nunha confusión histórica -, mais a riqueza e diversidade das comunidades galegas sobarda toda denominación turística. Dende A Voz do Agro, abrollo esperanzado dende esta fenda penedía da Galiza, dende este mundo entre detido e metido de súpeto na centrifugadora da Historia, dende esta periferia interior, preténdese, coa investigación e a reflexión, atopar esa unidade na diversidade destas comarcas do sur lucense; atopármonos no pasado común, nos problemas comúns e, conseguintemente, no común das solucións.

Haberá ocasión aquí de escribir sobre as terras limesas e as dos papeiros de Chantada, do mítico lugar que, segundo o dito popular, lle puxera nome o demo cando, estando de viaxe por Galiza, e levando a costas á nai, en chegando a onde agora está a vila, o demo tirou con ela ao chan e espetoulle: —Aí quedas chantada!

Permitirédesnos facelo dende unha perspectiva de xénero, dende a reivindicación da(s) Historia(s) das papeiras e rabudas que construíron o que fomos, o que somos e o que seremos.

3 comentarios:

  1. Todo o texto é un repaso bastante bo sobre o que fomos e do que somos agora... Lugares asolagados, palabras que non se poden dicir noutras linguas porque os vellos van morrendo, e un futuro incerto e que está por facer.

    Grazas Jorge Cimadevila por darme a coñecer este texto tan interesante que se lle parece ben a Paula, estes días compartiremos a través dalgunha das nosas redes sociais de #Asolagados!

    Saúdos,
    Cristina de www.coaaugaopescozo.com
    Pdt: Se tes máis historias de papeiras e rabudas ou do Miño e che apetece comunicarmo, podes facelo a través de: coaaugaopescozo@gmail.com

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas a vós! Teño a escritura algo abandonada, mais a ver se me animo a escribir a primeira historia desta serie. Apertas.

    ResponderEliminar