30 oct. 2015

"As castañas tamén quitaban moita fame"


[Transcrición dun dos escritos que a Pilar de Barantes, moradora do Outeiro, vai deitando nunha libreta, nas tardes nas que non calceta.]

"Son Pilar, e nacín no ano 27, o 22 de novembro, nunha familia humilde, en tempos de miseria, onde había que traballar nas terras cas vacas e cos bois.
Había que se levantar moi cedo para muxir as vacas e facer o almorzo.
Había que acender o lume na lareira con cerillas; non había mecheros; non había luz eléctrica, eran candís de gas e había faroles para alumar de noite.

Había que traer a auga nos cántaros de barro; cortar a leña con machados; labrar as terras con arados e con vacas - os arados eran de pau, que os facía o carpinteiro; outros que compramos eran de ferro -.
A leña traíase nun carro de madeira que tamén facía o carpinteiro.

Sementábase nas leiras cebada, trigo e pan.
Había que segalos cunha fouce e facer os mollos, enmedábase na leira e despois á eira onde se mallaba con mallos, e despois limpábase coa máquina de limpar.

Había que levar a moer en burros. Había muíños de auga. No inverno, nos rigueiros. Había que ir a Santa Cruz, era o Guímaro o muiñeiro. Anos máis tarde, a Bulso. Anos máis tarde en Cimadevila, que era no lugar de Figueiroá. Máis tarde, ao vir a luz, xa os había na casa.

Tamén se sementaban nabos, co que se alimentaban as vacas e os marraus; cocíanse nun caldeiro con auga e dábanselle con fariña.

Tamén se sementaban verzas, plantábanse nos hortos. Eran unhas verzas moi boas que se comían de moitas maneiras: no caldo, o grelo con patacas, con garbanzos, que tamén se sementaban, e fabas e hervellas.

Nós sementabamos moitas patacas, e millo tamén moito, e chichos. A verza era un alimento para todos os animales: marraos, pitas, coellos, becerros... Eran un alimento de todo o ano.

As castañas tamén quitaban moita fame. Comíanse asadas, cocidas e purgadas, que se cocían en leite mazado, que se mazaba para quitarlle a manteca, que se comía con azúcar, con mel e tamén se derretía, que se lle chamaba manteca cocida. Era o que se lle daba ás mulleres cando parían, dicían que era moi sana, dábana cas sopas."

No hay comentarios:

Publicar un comentario