16 mar 2013

Historias "dos antigos dantes" (III): a gran transformación.


“... un lustro de nuestros días equivale
a un siglo de nuestros abuelos.”
Abad de Santillán, 1970.

Cando a María da Cortesa viu funcionar unha televisión por vez primeira na casa do Cabarco non se lle acordou outra cousa, tan atenta como era, que preguntar: “E logo a esa xentiña daí, non haberá que prepararlle algo de comer?”

A María da Cortesa, sen ela sabelo, era exemplo vivo do gran cambio social que experimentou a Humanidade nas décadas posteriores á IIª Guerra Mundial e que mudou para sempre ao planeta e ao ser humano. E é que ela nacera nun mundo campesiño non moi diferente ao dos seus antigos de séculos atrás e morreu cando un seu neto estudaba para enxeñeiro na Escola Superior de Informática de Ourense.

Erick Hobsbawn, tamén el testemuña dun século enteiro, describe o periodo dos “anos dourados” do capitalismo (1945 - 1973) comos os da “Gran Revolución Social”, caracterizada pola extinción do campesiñado – nas periferias alongado ata os 80 -, a explosión da poboación mundial, a urbanización, a diversificación e atomización do proletariado, a distribución de bens de consumo non perecedeiros entre as masas, os avances exponenciais da ciencia e da tecnoloxía, cada vez máis aplicados á vida diaria, os pasos dificultosos e firmes, pero insuficientes, cara a emancipación feminina ou a universal e fulgurante “privatización da existencia”. Pensémolo ben: de non saber o qué era unha televisión a que o “estás bébeda Shue Ellen” pasara a formar parte da cultura popular mediou menos dunha xeración. Houbo xente de Proendos que viviu a explosión de subversión e creación comunitaria dos entroidos dos anos trinta e chegou a coñecer a paparraxada de Entroido institucional organizado polo Concello nos 90.

As xentes que viviron a cabalo entre un mundo antergo, con raiceiras claras no periodo de domesticación de prantas e animais hai uns dez mil anos, e un mundo movedizo, globalizado e, por veces, deshumanizado, non sempre se souberon adaptar aos cambios. Comprendede a actitude, entón, das familias que, na Chapela dos cincuenta, se vestían de domingo para ver “o parte” na televisión. O desarraigo destas xeracións de transición, a cambio, deixounos anécdotas ben paveras, dun “realismo máxico” sublime, coma a da tris-avoa dun rapaz de Casares que cando a cadeliña Laika foi enviada ao espacio exterior e o feito coincidiu cunha tempada de choivas coma nunca se vira, dira en dicir toda circunspecta: "ai, Diosmiu! Os rusos mandaron a cadela para alá arriba, abriron un buraco e agora chove seguido."

No hay comentarios:

Publicar un comentario