15 mar. 2013

Herdeiros pola forza

   
“Entrado o século XXI, o patrimonio arqueolóxico galego segue en mans de burócratas e expertos que secuestran a información, titorizan o acceso ao patrimonio arqueolóxico e adoptan unha actitude paternalista infravalorando a acción dunha sociedade civil que ten todo o dereito a reclamar o seu papel na xestión dun patrimonio que é de todos”.

AYÁN, XURXO e GAGO, MANUEL. Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI
O Milladoiro, Ames: 2.0 Editora, 2012.
Colección: supertextos. No. 12.

Paula Vázquez Verao

Herdeiros pola forza, como os propios autores o definen, é un libelo que, como tal, golpea o corazón e solivianta o espíritu das persoas amantes do Patrimonio, da nosa “herdanza cultural” en sentido amplo.

Defenden Xurxo Ayán e Manuel Gago unha filosofía radicalmente democrática da xestión patrimonial e da construción do discurso histórico, dende a investigación – aberta á cidadanía – a unha divulgación para o común da xente, que bote man sen complexos das ferramentas que as TIC ofrecen para poñer o coñecemento ao servizo da maioría social.

Cun toque retranqueiro e hilarante – as posibilidades de esmendrellarse da risa son ben altas – fan unha semblanza dos modelos de xestión do patrimonio galego dende o século XIX e analizan a situación actual, herdada dunha victoria fascista e dependente dunha administración caciquil, cutre e desconectada da sociedade á que debería servir.

Herdeir@s tamén é unha homenaxe a tod@s aquel@s “toliñ@s” que andan á procura de tesouros nos penedos, entre toxos e silvas, a quen loita contra as desfeitas da administración teoricamente encargada de velar polo ben común da herdanza cultural recibida, ás asociacións e colectivos que “enchen os ocos” que deixa o poder.

E podemos lelo, ademais, coma un tratado de antropoloxía da Galicia do século XXI, toda unha análise sociolóxica de como se fan as cousas neste País no que desaparecen os castros. E isto exemplificado nunha recua de personaxes, arquetipos de persoas que, en torno ao Patrimonio, se nos teñen aparecido, ou que mesmo somos nós algunha delas, quen sabe.

Estas páxinas son, sen dúbida, unha contribución democrática fundamental ao facer País, ao construír dende a postura exercente de cidadanía crítica, ao poder sermos Nós nun dos recantos do mundo con maior cantidade de patrimonio perdido polas carreiras.

Cando rematas de ler, quédache unha idea moi clara: “estes dous tipos saben ben do que falan”. E saben o que queren. Teñen un coñecemento do noso País, unha visión global e unha idea clara do que debe ser a participación da cidadanía na xestión do Patrimonio e na re-construción do noso pasado.

Dos distintos artigos recoñécese moitas veces quen é o autor, mais outras non, parecendo froito dunha simbiose Ayán-Gago, arqueólogo-divulgador científico, interior-costa, que resulta arriquecedora e se reclama máis frecuente no eido da arqueoloxía en Galicia.

Herdeir@s, publicado en febreiro de 2012, xa está a circular entre as asociacións e personaxes coidadoras do patrimonio galego co prurito que se sinte por unha obra clandestina. E abofé que é revolucionaria, pois xenera complicidades, identifica problemas que un amplo abano de xente entende como comúns, contribuíndo a crear unha rede, unha arañeira que se artella por debaixo da epiderme de parálise institucional que rodea o Patrimonio en Galicia.

E, así, sentimos que Herdeir@s é un proxecto vivo, noso, un programa cívico que “une”, un alegato en favor de exercermos como pobo o deber de “merecer” o Patrimonio para legarllo ás vindeiras xeracións e, de paso, para sermos máis Nós e máis felices.

No hay comentarios:

Publicar un comentario