1 abr. 2014

Territorios estraños, a voz lírica-lúdica-libre do Sandoval da Riba

[Presentación de Territorios estraños (2013), de Ramón Sandoval en Sober. Os entrecomiñados son tirados da obra.]

Nos anos 90, dicir Sandoval naquel Sober en decadencia demográfica e social era case falar dun mito: o Sandoval do fútbol, o carteiro rockeiro, un poeta!

Personaxe mítica o Sandoval, o da melena negra albortorada, como míticos son os micro-mundos que recrea nas súas pezas literarias, nas que unha cantina de Viloriz pode ser un antro máis glamuroso que calquera pub londinense, onde a serie “CSI Las Vegas” está a altura intelectual de Bertol Brecht ou o “polígono de Monforte de Lemos” ten o encanto sensual dos moteis de carretera estadounidenses.

A poesía do Sandoval vén coma dunha ponla perdida da cultura da Movida dos 80 – a de verdade, non á edulcorada da progresía -; sabe a whiskie (“de garrafón”) apurado en tascas de madrugada, cun lonxano eco das carpazas da ribeira da Somoza e do Castriño; cheira a borralla de cinseiro (“de cigarros negros”) en habitacións de libros apilados e álbums de clásicos do rock confundidos co “póster do Che”.

A poesía do Sandoval sona a música (dos Stone, de Manolo Tena...), porque poesía e música van moi parellas na obra do da Arriba, que mesmo parece estar escribindo a priori letras de cancións, cal troveiro medieval compoñendo pezas para que sexan cantadas por quen saiba e que así, pasadas polo filtro da arte musical, sexan outro medio de chegar á amada, obxecto principal da súa obra. 

A poesía do Sandoval é coma un “esconxuro”, coma un bálsamo para as cicatrices, eses “costuróns sobre a pel gastada” de tanto dar “rodeos sen atopar nada” ata que se adquire un “pasaporte para viaxar á república da utopía”.

Territorios estraños é un poemario lírico-lúdico-libre de lectura fluída coma auga (ou “ron que sabe a ti”). De poemas de redondo e pulido acabado distribuídos en tres partes: “Interferencias” - tristura, dor, desubicación, búsqueda -, “De amores e ausencias” - a luz, o amor, o acougo e o desacougo pola ausencia, o desexo desinhibido, a esperanza, “mochilas de esperanza” - e “Principios de incerteza” - o fantástico cotián -. Un poemario de realismo máxico e oníricos escenarios. Poemas de amor, pero tamén da crise - poeta en crise permanente, “coas alforxas baleiras” -; poeta da dor de estar vivo, da dor de ter nacido e sobrevivir nun mundo alleo aos ritmos das persoas tímidas e sensibles (que se sinten “outsiders” e ás que lles “medra o desarraigo polo carné de identidade”); poemas da realidade gris confrontada coa molicie do amor desexado e correspondido e coa vontade de gozar da vida “sen doparse”; poemas no que o universo cultural é un todo, dende Cortázar ata o “león da Metro”; poeta das pequenas cousas que se convirten en mundos completos.

A poesía do Sandoval é unha revolta libertaria que comezará na Arriba e inundará o mundo todo de mazairas en flor, coma as da parroquia de Barantes, patria indiscutible do espírito de raposo que mora na alma libérrima do Sandoval e que, de vez en cando, lle dicta poemas. Ben seguro que o Eladio da Riba ía fachendear de neto.

25 de marzo de 2014
Paula

2 comentarios: