4 jun. 2014

Sabemos que podemos ser "outra cousa"


Logo de ter perdido a feixes votos rupturistas, de que gran parte da mocidade optase por unha opción con apenas implantación en Galiza, de que o bipartidismo resistise no noso país mellor que no resto do Estado; logo de constatar que Galiza se comportou electoralmente como as autonomías que non son “nacionalidades históricas”, as análises electorais de AGE e BNG ofreceron pouco lugar á esperanza. Ambas acusan a factores externos a súa caída electoral. “Contra vento e maré mantivémonos” - sinalan -, minimizando os erros propios e reproducindo esquemas de partidos do réxime, de forzas políticas que pensan e falan en clave interna e non do conxunto da sociedade.

A respecto das eleccións europeas, dá a sensación de que tiñamos a receita e os ingredientes, pero faltou audacia (e xenerosidade, e altura de miras) para cociñar. De ter artellado unha fronte ampla en Galiza que entendese a importancia dun método participativo na conformación da candidatura e a intelixencia de pensar as eleccións como plebiscito dun réxime cada vez máis desacreditado - cuestións ambas nas que acertou Anova na súa análise de setembro de 2013 e que implementou Podemos a nivel estatal - teríanse acadado uns resultados magníficos, sendo esa coalición electoral a segunda candidatura en apoios no noso país. Cómpre aprender e cómpre que Anova e BNG recoñezan que puxeron diante da oportunidade de ofrecer ilusión á cidadanía a consecución dun escano “seguro” no Parlamento Europeo; que asuman que, maioritariamente, non souberon ler o que estaba a agromar na sociedade, sen darse conta de que non se pode predecir o escenario electoral en claves anteriores ao 2011: se estamos nun momento de descomposición do réxime xurídico-político do Estado iso tradúcese no comportamento electoral, como xa aprendimos co fenómeno AGE nas galegas de 2012 – ou como debéramos de ter aprendido – (en serio só algunhas persoas intuímos que ía haber un cataclismo electoral?). E todo isto non desluce o feito de que Lidia Senra e Ana Miranda estando en Bruxelas poden ser (e serán) unha ventá de oportunidade para o proxecto común de emancipación nacional do pobo galego.

Estamos no momento en que se visualizou e interiorizou pola xente que é posíbel a ruptura democrática. E nese escenario é suicida non identificar o nacionalismo galego con esta, porque estamos no mesmo lugar: no lugar da democracia, no lugar de decidir. Non podemos permitir que cando o Estado saído da Transición está en descomposición o pobo galego non teña forza organizada suficiente para facer valer os seus dereitos nacionais, a semellanza de outros pobos. O partido europeo xógase nos estados: na consecución da soberanía popular por parte das nacións que sexan quen de plantarse ante unha UE construída por arriba. O nacionalismo non pode nin cometer o erro do 77 e ensimesmarse nun país ideal que por sí propio pode liberarse do estado español nin tampouco converterse en paternaire a rebufo de estratexias de forzas federalistas.

Pero xa pasou, “Marica non chores”, así que: facemos algo ou deixámonos morrer como pobo? – e isto é literal, só hai que analizar os datos demográficos do interior galego -.

Pois entón renunciemos a que o nacionalismo galego – emancipador e non chauvinista per se – quede reservado a un espazo autorreferencial e deixemos de pensar que esto é só unha cuestión “identitaria”, pois é un proxecto dun pobo que quere existir como tal e decidir en todos os eidos (a cuestión nacional no mesmo plano que a social, como xa tiñamos aprendido). Medremos de vez e fuxamos das enfermidades infantís que nos afectan: medo á mestizaxe, totalitarismo, sectarismo, personalismos, rumoroloxía infantiloide, postureo chupi-guai, dependencia de poucas persoas, medo ás contradicións de gobernar, cainismo, ranciada e unha nostalxia impotente de supostos tempos mellores. Certo é que tamén temos virtudes, pero hoxe trátase de espabilar...

Concretamente, que podemos argallar?

- Cómpre seguir a artellar redes na sociedade, as de defensa da sanidade pública, do ensino, o feminismo – un dos eidos onde o nacionalismo aprendeu a construír na diversidade -, recuperando o asociacionismo veciñal, traballando en novas alternativas de vida no rural, cohesionando a rede de “resistencia ao etnocidio” que forman as asociacións e plataformas culturais, e, cuestión fundamental, apostando máis decididamente polos medios de comunicación propios e democráticos como as iniciativas que xa abrollaron nestes últimos dous anos, e evitando que estas se convirtan en altavoces de cadansúa parroquia nacionalista. En fin: sociedade civil auto-organizada e que o nacionalismo renuncie a ese afán totalizador sobre ela.

- Unidade de acción puntual no Parlamento galego de deputados e deputadas de esquerda na defensa de necesidades básicas da maioría social galega. Diálogo e traballo rigoroso e serio que visualice alternativas reais de goberno.

- Traballar na loita social contra o Tratado de Asociación Transatlántica de Investimento e Comercio, tecendo alianzas con movementos sociais en Galiza, no estado e Europa, informándonos e divulgando o que supón para a nosa vida, a xeito do que o nacionalismo fixera cando o Tratado de Maastrich e que supuxera un aumento de apoio social e electoral ao nacionalismo.

- Reforzar o sindicalismo nacionalista combativo.

- Evitar que o nacionalismo – as súas organizacións políticas e sindicais e a súa presenza nas institucións - sexan unha rede clientelar das distintas familias e se convirta nunha rede de supervivencia popular.

- Elaborar un programa concreto de goberno para a Xunta de Galiza que busque transformar este país asolado polo neoliberalismo, asumindo o reto de esgotar ata o límite as competencias que ten a cativa autonomía para poñer en marcha os sectores produtivos e reclamar autogoberno real, identificando soberanía política con benestar da maioría social.

- Non gastar enerxías na estabilidade ou mesmo siquera na unidade orgánica das organizacións políticas nacionalistas e deixar os esforzos para o diálogo sinceiro e a unidade de acción en cuestións concretas, para dar resposta ás necesidades da maioría social por, para e con esa maioría social. Cada quen dende a súa trincheira e tod*s na trincheira común.

- Artellar candidaturas de unidade popular nos municipios, con métodos participativos e visión nacionalista e rupturista co réxime, así como facer unha reflexión sobre como poder transformar a realidade social dende os concellos nun contexto de reforzamento das Deputacións e baleirado de competencias municipais: un programa para salval un municipalismo útil á maioría social, para formar gobernos municipais anti-troika que prioricen as crecentes necesidades sociais e a dinamización de economía alternativa, aproveitando (e poñendo en valor) os exemplos que xa temos no noso país. Menos “palestras” e máis debullar en común solucións a problemas concretos: comecemos polas municipais de 2015! Esta última aposta semella compartida por cada vez maior espectro de militancia das organizacións rupturistas. Pero, ollo! Non se trata de ningún xeito de aproveitar a onda social para “situarse” e acadar concellalías – ben sabemos como o oportunismo inza nos procesos caóticos e con expectativa de éxito a curto prazo -; trátase de construír alternativas sólidas que permitan transformar a realidade, por iso é necesario un desenvolvemento programático serio do que se quere facer cos instrumentos dispoñíbeis municipais – cada vez menos -.

Se as cúpulas das forzas políticas galegas con vocación de mudar a realidade social non son (somos) quen de abrir de vez as fiestras (e facelo de verdade, non só con consignas simples autorreferenciais ou con postureo cool) será a cidadanía organizada quen o faga(mos) por elas e contra elas.

Sen deixarnos levar nin pola inxenuidade nin pola desesperación de ver terreo ermo - ou queimado - e actitudes intolerantes – e intolerábeis -, o que cómpre é: programa de mínimos, rede social diversa e autónoma, liderádegos plurais e capaces, respecto ás normas e formas democráticas - cultura republicana en suma -, traballo dende a base, humildade, xenerosidade, audacia, imaxinación e feixes de paciencia e esperanza.

Semella difícil, pero hai moito talento e enerxía non aproveitado por aí e non somos poucas as que sabemos que, como Galicia, “o nacionalismo pode ser outra cousa”.

Paula, xuño-2014.

No hay comentarios:

Publicar un comentario