8 feb 2013

Historias "dos antigos dantes" (II): Lagadores.

* Vid Historias "dos antigos dantes" 1. 
Esgrafiado en Momelle, Gundivós.
O conto como é, Lagadores é peculiar... coma todos os sitios!

Eu vivín toda a vida aquí en Lagadores, no lugar do Boco, agás os nove meses da mili, que non din librado por tolo, aínda que mo fixen. Leváballe as mandas ó cura, que quedara de firmar que eu estaba esento pero, como lle pillei o escondrixo das queridas, fíxoma pagar! Condenado! Había que lle bicar a mau pero, carallo: e se a traía dos collós?

Imos ver. Lagadores é un pequeno val lamacendo e enfermizo. Vés baixando dende a costa de Esfarrapa e xa percibes coma unha sensación de lugar irreal, tal é así o efecto das gallas do bosque galería que abraza o regato da Ferreira.
As casiñas desenvólvense ao redor do pequeno altiño da igrexa, en varios núcleos pouco afastados, a cada cal máis enlamado; menos a zona da Porqueira, que é máis encosta e vai por libre, mesmo tiñan festa separada en tempos. E capela.

Domina o conxunto, polo sul, o monte do Castro vello, onde din que había unha pedra que dicía toda a vida: "El que la vuelta me diere, gran tesoro él tuviere". E a xentiña aínda contaba hai pouco que o Ramón do Neiro a volteou lla pedra dixo: "Válgame Dios e alabado, que xa estou do outro lado". Historias pero, comprende ben: Lagadores é lugar de néboas e bulleiro, e a imaxe física do bulleiro a pé da porta ata os mesmos anos 80 imprime carácter, que lle vou contar!

Era zona de boa pesca, Lagadores. Pero iso era antes, cando eu era rapaz, que non se daba a basto cos cangrexos, mesmo aparecían cando nos bañábamos na poza da Ola. Aínda lembro pillar as troitas nas cachopeiras do campo da festa. Que ben sabían na brasa!

En Lagadores non houbo nunca industria moderna de caste ningunha, salvo un ferreiro en Pousada medio cego que herdara o oficio do seu pai. Tamén funcionaron catro muíños en tempos. No da Porqueira, que era de casa de curas, tiñan que embalsar auga para facelo andar nas épocas de seca. Porque Lagadores é un sitio de contrastes: ou apenas tes auga pra beber no vrau ou desbordan os regatos polos camiños!

Camiños barrentos e vacas era a estampa típica de Lagadores ata que veu o da Unión Uropea lla xente se deixou do leite.

Eu andaba decote cas vacas, pero fun estudiado tamén na casa da Lama polo señorito pequeno que, Deus me diante, era o único deles que se libraba de ser un malnacido. O señor dicía que habería que facer a malla e xa non tiña máis que dicir: a malla do señor facíase primeiro llo carallo! Se había algunha encetada, pois quedaba pra outro momento. E nin sequera prestaba traballar pola comida, que na casa da Lama era onde peor daban: viño escaso, pan con queixo ll'adiós! Isto sería... aínda era a principios dos 70, que xa había quen tiña moto.

Lle en canto ó que preguntas, de si se celebrasen agora as eleuciós a quen votaría pois... non llo digo, que todo se sabe. Tedes boa teima de xeneralizar nas ciencias sociais, pero en País Pequeniño ben debíades saber que cada parroquia é un mundo. Andades a elaborar sesudos informes post-electorais, artigos de autoconsumo nos periódicos e no intené... Que sei eu! Todo sin ter en conta a ideosincrasia local, e así é inesato - coma toda xeneralización, Dios me diante -. Vale, que o groso da poboación está onde está, ben vexo aquí en Lagadores, que tododiós marchou pa Vigo, pero hai unha diagonal rural interior que credes que funciona dun xeito uniforme... e non vós é así! 

Non comprendedes na ciudá que aquí, en Lagadores, funciona o estilo cacique bon - cacique menos malo. Estatutos das asociacións de veciños? pff, que dis oh! Aquí funciona o sistema de liderádego, que é compartido, iso si. Cada quen para o seu. Requisito: ou ser do PP e estar onde se move a guita - por miserento que sexa o que se poida rapañar - ou ter unha credibilidade ética asentada en anos de participación comunitaria sen tacha. Medias tintas en Lagadores non, eh! Que che somos moi nosos e, por iso mesmo, así nos vai.


No hay comentarios:

Publicar un comentario